sábado, 9 de abril de 2022

A sorte dos pitos


   

 


     Din que as casas onde aniñan as andoriñas son bendicidas pola sorte, e como para facer o seu niño necesitan un aleiro que só teñen as mansións e os pazos, quedan excluídas das bondades da fortuna as choupanas e os fogares pobres.

Tamén din que a sorte véndese cara, e por iso se busca nos máis insólitos lugares e se anuncia baixo os máis estraños indicios, xa sexa pisando bosta ou que unha gavota defeque sobre o noso gabán, vendo un paporrubio cantando cara nós ou cando somos abordados por un soño escatolóxico como aviso de que o bo fado se nos acerca, mentres que se no noso soño nos atopamos rodeados de moedas, a riqueza afastarásenos por algo que nin o doutor Freud foi quen de explicarnos en ningún momento, como tampouco nos soubo dicir por que teñen os excrementos unha simboloxía tan positivista.

Alguén dixo que a sorte é un froito que cae de maduro, pero as présas por acadala fan que nos fiemos máis dos amuletos ca de labrar o seu camiño ou abonar o seu horto, intentando procurala de mil maneiras diferentes, xa sexa con rogos e velas ou con artes enganosas, e así como ninguén quere que se lle cruce un gato negro no camiño, agárdase ter diante a un chepudo sobre quen pasar a quiniela, o décimo de lotería ou o cupón agoirando que a malformación sirva de talismán para atraer ós fados da boa ventura.

Así de inxenua é a ilusión pola que nos agarramos a calquera suposto para darnos ánimos, tal aquel amigo que, como o día que o seu equipo gañou un trofeo levaba un gorro coas cores e o escudo do club, non deixaba de ver partido se non poñía o mesmo pucho; e cando a pesares diso acabaron descendendo de categoría, el botáballe a culpa a que o puxera mal ou que non o lavara co deterxente de sempre.

Agora que estamos nas celebracións do domingo de Ramos, lembramos aqueles costumes de competir por ver quen levaba a oliveira, a palma ou o loureiro máis grande, e tamén as pelexas que entre os rapaces se armaban a base de ramallazos, no momento de entrar na igrexa, tras a procesión, abríndose camiño para facelo a carón do sacerdote, o líder espiritual da parroquia, porque, segundo a crenza popular, era a maneira de acadar “a sorte dos pitos”, esa especie de gracia non buscada, a dos inocentes e imprudentes que a pesar de non gardar as mínimas precaucións, sempre están protexidos pola nai galiña. A sorte que dá estar a carón do xefe ou baixo o aleiro dunha casa rica. E supoñíase que esa sorte ía permanecer durante o resto do ano, considerando que ó gañador desa entrada triunfal era unha especie de adaíl da divindade, porque aínda sen ter o ramo máis grande demostraba ser o mais forte.

Á fin, todos eses símbolos, avisos ou crenzas só son andrómenas para aportar ilusión á hora de loitar na procura de algo tan esquivo como é a sorte. Algo que se envolve con toda clase de amuletos, signos, soños e coincidencias insólitas nas que acabamos crendo, non por unha demostración empírica do seu efecto, senón porque sendo tan supersticiosos como somos, dámoslle máis valor ás casualidades que a lóxica.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario