Por Pepe de Rocaforte
Nestes días pasados chegou ás miñas mans un libro, “Viaje de incógnito”, no que se recolle unha colección de artigos xornalísticos de Juan Francisco Muñoz Pabón, publicados durante a segunda década do século XX en “El Debate”, xornal madrileño cuxo primeiro director foi o crego galego Basilio Álvarez e que agora, despois de diversas peripecias, reaparece en 2021 baixo a dirección doutro galego, Bieito Rubido, acompañado polo tamén galego Luís Ventoso.
Desde que hai nove anos empecei con estas colaboracións semanais nOs Chanzos, véñome fixando un pouco máis nos libros que recollen coleccións de artigos publicados con anterioridade na prensa, como é o caso de “Viaje de incógnito” do cal fixen unha lectura un tanto superficial, máis que nada coa idea de atopar algunha chispa de inspiración para o traballo desta semana.
Non coñecía nada deste crego andaluz, Muñoz Pabón, cóengo da catedral de Sevilla e novelista con bastante éxito no seu tempo, morto en 1920. Entre as súas obras tivo bastante éxito a novela “La Millona”, varias veces reeditada, a pesar do seu escasamente afortunado título e que á vista do que entresaquei no meu repaso a “Viaje de incógnito” paréceme que vou deixar de lado polo intre.
De calquera xeito, e xa posto ó choio, voume permitir amosar unha pequena escolma, coa esperanza de que desfrute vostede con ela. Así, no artigo titulado “La Mezquita” opina o autor: «Ni el Alcázar sevillano, ni la Alhambra granadina [...] son al lado de la Mezquita sino lo que la hembra es al macho; lo que la delicadeza y el primor, a la robustez y a la pujanza; lo que lo nimio, y quebradizo, y futil a lo grandioso y resistente y atlético, lo que la hembra al macho en toda especie zoológica, o sea: la misma cosa, sólo menos fuerte, menos gallarda, menos majestuosa, menos bella... (perdóneme el bello sexo)».
Do artigo titulado “Parada y fonda” sobresaen outros parágrafos que a min me transportan ó día de hoxe mesmo: «En esta opulenta villa del oso y el madroño [...] se recibe todo, y desde ella se expide todo, con el marchamo de la única legitimidad: desde la credencial del cargo, hasta la ejecutoria nobiliaria, desde el “cartel” del torero, a la consagración del dramaturgo [...] Pudiendo nacerse en cualquier parte, hay que venir a Madrid a bautizarse. Madrid es, pues, el baptisterio de todas las reputaciones: desde el polígrafo genio y el literato cumbre, a la zafia Maritornes [...] De aquí que haya en Madrid tanta gente: o ansiosos del bautismo, aunque sea de sangre, u ostentando los trapitos de cristianar».
E para finalizar, xa que por me librar de poñerme a pensar algo que escribir pola miña conta, estou abusando un pouco do recurso da cita, só aumentarei unha máis: «[Madrid] es el gran estadio de la lucha de todas las ambiciones de la nación. A Madrid se viene por todo».
Así e todo pode semellar raro que o cóengo andaluz se esquecese de citar no seu diagnóstico madrileño, aínda que só fose un pouco de pasada, os políticos e a fauna que os rodea. Ese era, e parece seguir sendo, outro cantar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario