Por Pepe de Rocaforte
Xa tiña disposta a colaboración da semana pasada cando me atopei na rúa cun amigo que, casualmente supoño, vira o meu artigo anterior onde falaba de estatuas de escritores cun libro na man, relación na cal, segundo a súa opinión, me quedara sen citar un importante monumento: o dedicado a Miguel de Unamuno en Canarias, que sen dúbida eu debía coñecer.
De primeiras pensei que se refería á estatua, obra do escultor Manolo González no mirador de Artenara, en Gran Canaria, frente a unha impresionante vista do Roque Nublo; pero claro, diante desa grandiosa paisaxe non se ía poñer Unamuno para que o esculpisen repasando as páxinas da obra doutro escritor como, poño por caso, o andaluz don Juan Muñoz Pabón, a quen trouxen aquí a semana última para lle dar un repasiño a un libro seu de viaxes que, como dicía o noso paisano don Alvaro Cunqueiro, podía escribilo el moito mellor sen saír da casa, cunha guía Michelín a man.
Pero non, o meu amigo referíase a outra estatua de don Miguel, da autoría de Emiliano Hernández, en Puerto del Rosario (creo que aínda non recuperou o primitivo nome de Puerto de Cabras, como piden moitos dos seus habitantes). Pasei pola capital de Fuerteventura nunha excursión dun día, na cal non puiden ver moita cousa desa illa a onde me quedaron ganas de volver para percorrela con máis tempo. Nesa excursión vin, desde bastante lonxe e sen baixar do autobús, o monumento ó reitor de Salamanca erixido ó pé de Montaña Quemada, a escasa distancia do monte sagrado de Tindaya, onde outro vasco, Eduardo Chillida, proxectou unha obra monumental, o vaciado dun cubo de cincuenta metros de lado no interior da montaña, que non se levou a cabo despois de durísimas polémicas por parte de ecoloxistas e goberno de Canarias contra partidarios de levar adiante o proxecto de Chillida.
Non vin en cambio a estatua de Unamuno co correspondente libro na man á porta da súa casa-museo de Puerto del Rosario (ou de Cabras), porque os compañeiros de excursión tiñan máis ganas de se ir tumbar ó sol nas dunas de Corralejo, que de parar para efectuar algunha visita cultural no escaso tempo que botamos na capital da illa. E así me quedou sen ver aquela estatua lectora. Pero, xa digo: outra vez será. E entre tanto non volva por Fuerteventura téñolle que dar moitas graciñas a Google, (o de “graciñas” é unha solución que me aconsellaba Xabier Puente Docampo, que en paz descanse, para non me ver obrigado a poñer as antiestéticas “grazas” que quen lexisla, controla e regula as ortografías se ocupa de vixiar para fixar e darlle maior esplendor a esta lingua dos nosos pecados).
Por certo que, falando de ortografías e de Unamuno, acábame de acordar un texto seu, “El gaucho Martín Fierro”, onde di: «Os portugueses [...] hoxe escriben mythologia, con y grego e th, e é case seguro que deixarían de escribir así para facelo coma nós se a nosa Academia decretase que nós o fagamos coma eles». (Hoxe en portugués escríbese mitologia, pero será por outras razóns, digo eu). Entre outras cousas, xa sabemos que o filósofo vasco tiña unhas opinións moi particulares, sobre o galego e o euskera, e tamén en certa medida o catalán. Por exemplo.
Mais eso será mellor deixalo para outra ocasión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario