Na mitoloxía xermánica fálase dun heroe chamado Sigfrido que un día matou a un malvado dragón, e tras bañarse no seu sangue, igual que Aquiles na lagoa Estixia, a súa pel converteuse en férrea armadura.
Está claro que os heroes cópianse e aprenden uns de outros as distintas técnicas que os malvados nunca descobren por moito que se repitan.
O dragón como prototipo do mal tamén aparece, moitos anos antes da traxedia narrada na Iliada, na lenda de cando Heracles, coa súa armadura de pel de león, foi chamado para defender Troia da furia dun monstro mariño que esixía o sacrificio de doncelas que os troianos pagaban resignadamente, ata que lle chegou a quenda á filla do rei que gobernaba naquel momento e entón, do presuposto real, sacaron unha partida para contratar ó heroe que se atrevese a loitar coa fera ata vencela, e liberalos así de tan horrible tributo.
Sempre que falamos dun tipo disposto a defender doncelas, desfacer agravios, prodigar o ben e evitar o mal, vénnos á mente don Quixote e todos os cabaleiros andantes, lanza en riste, que o precederon e encheron de ilusión a xeracións enteiras en pro dun mundo mellor, xa fose con Amadís, Tirante o Branco, os cabaleiros da táboa redonda ou algún santo ben armado e disposto contra todo tipo de monstros e demoños que asolan o mundo. E igual que aqueles cabaleiros e heroes medievais, vestido con armadura e cheo de boas intencións aparece no santoral de abril san Xurxo, disposto a liberar inocentes mozas das fauces dun abominable dragón.
Se nos cinximos ó santoral, xa antes del atopamos vencendo a tales feras santa Marta, san Felipe, san Mateo ou san Silvestre, pero se ben estes só necesitaron unhas gotas de auga bendita ou o sinal da cruz para derrocalos, Xurxo houbo de usar lanza e espada, coma o máis valente e arriscado dos cabaleiros andantes; e así se representa, como todo un heroe medieval digno de figurar nas mellores novelas do seu tempo, se nos fiamos do que o monxe Santiago de la Vorágine nos contou, de como no seu deambular á procura de tortos e inxustizas que refacer, chegou a unha cidade de Libia, onde un pestilente dragón que habitaba nun lago, cobraba cada día unha ovella e unha doncela que os habitantes daquela terra pagaban resignadamente. Pero coincidiu a chegada do heroe no mesmo día en que, por sorteo, lle tocaba ser sacrificada a filla do rei (¡Que sorte ten a realeza!). Xurxo, como un novo Heracles, non dubida en aceptar o desafío para liberar á rapaza, e cando a fera saíu da auga para cobrar o seu tributo, lanzouse contra ela, dobregouna e acto seguido, co mesmo cinto do vestido da moza (esta sería a parte erótica do conto) atouno e levouno como se dun manso canciño se tratase, pedindo a troco de tal fazaña que todos os habitantes da cidade se bautizasen.
A historia de Xurxo, tras moitos avatares, como é propio dos primeiros santos, acabará en tortura e decapitación antes de subir ó ceo; pero o que é de resaltar é ese paralelismo que se dá en heroes aparentemente tan afastados no espazo e no tempo, decididos a enfrontarse e vencer a un ser malvado, para devolverlle a paz ó mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario