mércores, 27 de abril de 2022

OS CABOS CAÑAVERAL


Por Pepe de Rocaforte

 


Hai uns días lin un artigo no cal se falaba dunha época dourada da construción naval na costa cantábrica durante os séculos XIV, XV e XVI. O seu autor, Javier Fernández Rubio, titulaba así o traballo: «Cuando Cabo Cañaveral estuvo en la bahía de Santander».

Este título tróuxome á memoria outra lectura dos anos noventa do século pasado en que outra xornalista, creo que Rosa Montero, na revista dominical de El País, publicaba unha historia na cal lle aplicaba a mesma denominación a Sagres, a vila onde o infante don Henrique o Navegante iniciou a época das grandes viaxes exploratorias lusas. A ese lugar do extremo sur de Portugal chamoulle entón Rosa Montero “El Cabo Cañaveral del Renacimiento”. Curiosa coincidencia.

Pero prosigamos coas coincidencias que con tanta frecuencia se producen. Tamén nestes días pasados acabei de ler ¡por fin! “A romaría de Xelmírez”, unha novela de don Ramón Otero Pedrayo que contén algunhas páxinas que poderiamos incluír sen esaxeración entre as mellores da nosa literatura, aínda que eso non sexa óbice para que o conxunto da novela non deixe de ser un peñazo.

A lectura dese libro oteriano aumentoume a curiosidade pola figura de Diego Xelmírez, tan importante dentro da historia galega, e que o puido ser moito máis se contase cuns herdeiros da súa talla. Pero unha das nosas grandes carencias é a de herdeiros capaces de proseguir as obras iniciadas polos seus predecesores.

Volvendo ó caso: chegoume entón ás mans un texto de Celia Chaín-Navarro, “La primera flota de galeras de España”, onde me informo de que o arcebispo de Compostela foi quen puxo en marcha a primeira armada “digna dese nome” que houbo na Península Ibérica.

Xelmírez decatouse da necesidade dunha armada para protexer o tráfico marítimo en Galicia frente ós ataques dos piratas do norte de Europa, así como os dos musulmáns, que daquela empezaban a asolar tamén as costas galegas, e como non se dispoñía máis que dunha cativa flota composta por pesqueiros de baixura e pequenos barcos de cabotaxe mal armados para semellante fin, o arcebispo puxo en marcha a creación dunha mariña potente coa que defender as costas do noso país.


Para eso púxose en marcha a edificación duns estaleiros en Iria Flavia, pero como en Galicia non estaban afeitos a traballar na construción de grandes naves, fóronse buscar especialistas ó Mediterráneo. E así foi como se botou man dun experto xenovés chamado Augerio (ou Ogerio), xunto con operarios e carpinteiros de ribeira de Pisa, para iniciar a construción de dúas galeras “co necesario porte e bo andar, dotadas de dous ordes de remos e das necesarias características mariñeiras”.

Estas galeras ían tripuladas por “douscentos homes expeditos para a mar e a guerra” baixo o mando de Augerio, as cales, unidas a unha pequena flota composta por barcos de pesca e de cabotaxe de menor porte, derrotaron ós piratas que viñan exercer a predación ás nosas costas.

Así foi como se puxo en marcha a primeira armada “digna de tal nome” da que se ten noticia na Península Ibérica. Pero o que pasou despois xa é historia habitual no noso país e parece que non paga a pena insistir no asunto.

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario