mércores, 25 de maio de 2022

COETZEE, POUND E OS TROBADORES PROVENZAIS


 

Por Pepe de Rocaforte

 

       


   

As miñas opinións sobre as obras dos premios Nobel (referíndome unicamente ós outorgados no apartado de Literatura) son cambiantes, varían bastante dunhas épocas a outras. Se me refiro ós anos que van transcorridos deste século XXI, vexo máis en consonancia cos meus gustos ós autores e autoras actuais que ós de tempos anteriores, cousa normal ata certo punto, e antes de emitir ningún xuízo, mellor será esperar o paso doutros vinte anos, para ver en que modo e maneira terá variado a nosa estima.

Regresando a esta primeira vintena de século, dentro do aspecto maiormente aceptable da obra dos premiados, hai para min dúas figuras especialmente sobresaíntes: Alice Munro e John Maxwell Coetzee. Deste último acabo de me poñer a ler por segunda vez  o “Diario dun mal ano”, con intención de comprobar se debía modificar a mala opinión que me producira anteriormente, ou seguía sendo igualmente negativa.

Cando fixen a primeira lectura escribín: «Non me acaba de convencer a ocorrencia de Coetzee de mesturar (mellor que mesturar, poñer un á beira dos outros) tres textos, dous narrativos e un chamémoslle ensaístico. Tal vez sexa un intento de disimular as dificultades que o autor atopaba para con aqueles datos iniciais argallar un relato de máis peso».

“Diario dun mal ano” ten a particularidade de estar escrito dividindo cada páxina en tres partes. O terzo superior contén pequenos ensaios, reflexións e comentarios sobre diversos temas, que formarán parte dun volume a publicar en alemán co título de “Opinións fortes”, escrito por seis colaboradores de diversos países, segundo idea dun editor xermano. No terzo central o escritor, home xa maior, de setenta e tantos anos, relata a súa relación cunha moza, veciña do mesmo edificio onde vive el, por quen sinte unha atracción a cada paso maior e a quen, máis que nada para a ter preto de si, contrata como mecanógrafa para lle pasar a limpo os manuscritos que el vai redactando. No terzo inferior Anya, a mecanógrafa, conta o desenvolvemento da súa relación diaria con vello, J.C., e co seu compañeiro, Alan, con quen vive desde hai varios anos.

Na primeira lectura o encerellamento das tres partes entre si complicábame o seguir o relato e irritábame ó non lle ver razón para ter elixido tal xeito de ofrecer os fragmentos salteados, partindo moitas veces parágrafos pola metade, o cal me obrigaba a volver atrás para non me perder e naufragar na sopa (de letras). Na nova lectura solucioneino en boa medida ó ler todo seguido as partes que ocupan o terzo superior de cada páxina e, rematada esa lectura, volver ó principio do libro para seguir os terzos segundo e terceiro no orden en que os puxo o autor.

Dese xeito foi como vin unhas liñas, nas que anteriormente non me fixara moito, onde Coetzee fala dunha viaxe de Ezra Pound en 1912 iniciada en Poitiers e continuada por Angulema, Périgueux e Limoges. A segunda parte fíxoa de Uzerche a Souillac. A terceira de Sarlat, a Cahors, Rodez, Alibi e Toulouse, para seguir despois por Foix, Lavelanet, Quillan e Carcasona, finalizando en Béziers.

Pound fixo aquela excursión coa idea de utilizar a viaxe como material para un libro que se titularía “Gironde”, pero finalmente o libro non se puido publicar e só quedou del algún caderno de apuntes, hoxe na universidade de Yale.

Pound explicaba, como motivo da súa excursión, que non podía apreciar debidamente a poesía trobadoresca se non tripaba os camiños e non vía as paisaxes familiares ós seus poetas. «Hai dez anos, di Coetzee, seguindo os pasos de Pound, percorrín en bicicleta algunhas das mesmas estradas. [...] Non sei ben o que acadei facendo eso. Nin sequera sei o que esperaba o meu ilustre antecesor alcanzar. Partiamos ambos de que escritores para nós importantes (para Pound os trobadores; para min, Pound) estiveran efectivamente onde nós estabamos; pero ningún de nós pareceu ou parece capaz de demostrar na nosa escrita por que razón importaba eso. Para min, o único extraordinario que houbo en ver Roquefixade, foi descubrir que Roquefixade era vulgar».

¡Que mágoa, penso eu hoxe, que nin a Pound, nin a Coetzee se lle ocorrese por exemplo percorrer as terras onde escribiron os seus poemas Martín Codax e Mendiño!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario