Hai dous grandes problemas cos correctores lingüísticos dos nosos móbiles, o primeiro derivado do tamaño do dedo en relación co da letra e o segundo que non entende todas as palabras que usamos, daquela tanto para un caso como para o outro corrixe ó seu xeito segundo a súa base de datos provocando dúbidas de comprensión. E por defecto, a corrección faina en castelán, porque o galego aínda tendo máis antigüidade non é respectado nin ó vinte e cinco por cento. E cando queres mandar un recado por wasap o maldito corrector mestura palabras co conseguinte desconcerto que nos obriga a responder con esa famosa icona amarela con cara de asombro. Tampouco sería a primeira vez que me toca falar cunha máquina que non entende o meu acento barbanzán e confunde o de cerrar un cadeado con serralo ou cocer un polbo con zurcilo, nunha conversa sen ouvidos, en que cada un fala dunha cousa e entende outra.
É a maior traba que temos cos modernos medios de comunicación, cada vez máis imprescindibles, que non nos entenden ou censúrannos da maneira máis vil, trocando as palabras e o significado. Déixanche escribir o que queiras pero logo, como eses nenos resabidos que corrixen ó máis santo, transforman a túa mensaxe polo que o aparello quere, co que un sistema de comunicación pensado para a rapidez, convértese na práctica nun medio que o embarulla todo de maneira aleatoria ata o extremo de que moitas veces non somos quen de adiviñar o significado da frase.
E a dificultade vai máis aló da simple anécdota, porque estes novos sistemas tamén se usan para intercambiar opinións profesionais, e só hai que imaxinarse a un médico dicindo que a fulano lle doe a “barriga” e o sistema interprete que lle doe a “barrica”, que un avogado fale dun “taxamento” e a máquina entenda “testamento” ou que nunha cita se confunda ter que “adiar” por ter que “odiar”. Por iso é unha boa noticia que a universidade de Santiago estea traballando neste eido co Proxecto Nós en colaboración coa consellaría de cultura, para que a cada vez máis común e necesaria interacción coas máquinas, sexa máis doada no noso idioma, que cando lle facemos unha pregunta a Google non se confunda porque a nosa pronunciación non está estandarizada coas normas do idioma predominante.
O Proxecto Nós, nunha primeira fase, asinada hai agora un ano, marcou as liñas xerais do programa dedicadas á conversa tanto oral como escrita, e agora entra nunha segunda etapa, co deseño de modelos que faciliten as diversas posibilidades de interacción mecanizada, que se promete baixo licenzas libres co fin de facilitar o seu uso xenérico por empresas, entidades e particulares, e que así, cando lle dicimos a Google Maps que nos busque a mellor rota para chegar a Taragoña, non nos mande a Tarragona. Para que, cando temos que facer unha xestión nun banco, agora que están pechando oficinas e nos remiten para calquera asunto á vía telemática, non se confunda a máquina se solicitamos o “pago da pensión” con “pago da cesión” ou a “devolución” do recibo da luz coa “revolución” do mesmo, que non nos repita ata o esgotamento aquilo de “No le he entendido” para volver a facernos a pregunta con repugnante e admonitoria insistencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario