sábado, 7 de maio de 2022

Os xenes non son todo

              

O primeiro que lle buscamos a unha crianza é o parecido, ese sinal de identidade que se transmite de pais a fillos; e logo, a medida que vai cumprindo anos, mirámoslle as mañas, a maneira de andar ou de falar. As primeiras dependen de quen a enxendrou, e as segundas de quen a criou, sen que o refraneiro distinga entre o ben e o mal cando sentencia con ese ser como quen a pariu ou coma quen a fixo. De tal maneira que o fillo dun santo matrimonio pode ter os seus ollos e o seu nariz, pero dependendo de quen sexa o mestre, pode acadar as máis altas cotas da maldade.

Ó noso parladoiro dos xoves trae un amigo a noticia de que, tras a análise dunha alta porcentaxe de persoas asiáticas, demostrouse que Gengis Kan deixou a súa marca xenética nos varios centos de fillos que se lle atribúen e de quen hoxe, naqueles lugares onde el pasou algunha noite ou tomou a sesta, portan os seus xenes arredor dun oito por cento da poboación, pero moi poucos as súas mañas. Non é posible imaxinar que sería da humanidade se cada un dos descendentes do emperador mongol herdase a súa furia e tiranía.

Haréns e dereito de pernada contribuíron a alongar a xenética dalgún poderoso, pero por sorte, as outras características da personalidade non se transmiten por vía sexual. E así como non é raro que nunha vila se encontren lazos de unión familiar en xeracións anteriores, iso non implica que se herden tamén os gustos e as personalidades.

A mediados da década dos setenta do século pasado publicouse a novela Os nenos do Brasil, de Ira Levin, posteriormente levada ó cine, onde se narra como un grupo de nazis crea xeneticamente, neste caso sen intervención directa do varón, unha serie de nenos idénticos a Hitler co fin de facer rexurdir no futuro un novo Führer que, ademais da pel clara e os ollos azuis, tivese bigote estreito e ideas contrarias á humanidade. O libro e a película resultaron ser  unha ficción que mete medo, porque certos personaxes actuais fannos crer que a realidade pode ir máis lonxe do que a fantasía quere imaxinar, sen necesidade de intervención xenética.

O que si parece que non foi ningunha broma, aquí, no Estado español, foi a idea do psiquiatra Vallejo Nájera de descubrir o que el chamaba o xene vermello, ese que na súa fantasía, non transmite a cor dos ollos nin do pelo, pero si as mañas dos seus proxenitores cando estes son de esquerdas, coa intención de erradicar con el os males que o comunismo lle traía á pura e casta “raza ibérica”; e tan seguro estaba de encontralo que, despois de varios experimentos con mulleres presas e fillos de represaliados, concluíu que, en base ós seus estudios, os comunistas e todos os republicanos levaban no sangue o de ser uns dexenerados con tendencia ó alcoholismo e a promiscuidade. Daí a que algún experto en demonoloxía asegurase dende o púlpito que os republicanos tiñan rabo e cornos, xa non había moito.

Finalmente, tras tan exhaustivos estudios, o afamado psiquiatra do franquismo reclamaba unha especie de inquisición que axudase a mellorar a raza e liberala da influencia de tan maligno xene.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario