sábado, 21 de maio de 2022

Gustos e recomendacións

 

Fiamos dos comentarios literarios que, ó menos unha vez por semana, se publican nos distintos medios, e sabemos que, segundo a afinidade do mensaxeiro coas distintas editoriais, así van falar e escribir os comentaristas de cada publicación. O malo é cando temos que degustar o produto recomendado, que non sempre ten o sabor prometido, porque ata o máis ilustre xuíz literario, musical ou culinario peca de escorado.

É coñecido o caso dun afamado premio Nobel de literatura agasallado cun dos máis caros galardóns pseudoliterarios españois, que a pesares de toda a propaganda que o acompaña, vendeu menos libros que a escritora que quedara finalista; porque ó final o lector é máis intelixente ca certos críticos, editores, propagandistas e comentadores.

Todos votamos por Tanxugueiras, pero os entendidos non nos deron a razón, e a pesar de que sobre gustos non hai nada escrito, e cada quen é libre de mercar, ler ou degustar o que queira sen ese dedo acusador prohibindo todo canto sexa contrario ós preceptos do poder, a historia de calquera país está tan chea de obras prohibidas como de outras sobrevaloradas, pero agora, inocentes de nós, semella que iso xa está superado. Xa non se queiman libros e podemos mercar o Corán ou a Biblia dos protestantes sen que unha man armada con rotulador de trazo groso borre parágrafos enteiros. Xa non temos que ir a Nova York para ver o Guernica nin que cruzar os Pirineos para ver cine, e se unha libraría non ten o que buscamos poden encargalo. Todo se pode acadar, e se non aí temos internet para o que faga falta. Sen embargo a censura segue existindo. Xa non se exerce con unha prohibición expresa, senón cunha serie de trabas que dificultan a chegada do libro ós lectores ou a canción ós oíntes e a promoción queda restrinxida a un grupo de amigos do autor que recibiron un paquete de papel impreso como galano.


Ó amparo do puritanismo, nalgúns estados norteamericanos de tendencia republicana, hai unha larga lista de libros prohibidos de facto. Non son libros retirados dos estantes nin que figuren nunha especie de lista negra, ningún país que presuma de demócrata faría tal cousa, pero cando un libro non é do gusto de quen manda, axiña desaparece das recensións e críticas periodísticas ou de revistas especializadas, sube o prezo, relentízase a distribución e se algunha vez hai que falar del, os comentaristas non lle van atopar ningún mérito salientable. E cando os críticos e relatores non falan, o libro, o disco ou o cadro, vai ó exilio dos expurgados para deixarlle sitio ós comentados e recomendados, facendo certa a sentencia de que só dos mansos é o reino dos escaparates. Pero a iso non se lle chama censura. E cando ese autor queda sinalado, tamén quedará relegado nas listas de máis vendidos. A lei do mercado é moi clara: Tanto vendes, tanto vales. Eses son os novos usos da censura, iso é o que fai famosos a certos artistas cando non molestan; e ós outros, como moito, danlle a gloria dun telediario.

Así funciona o mercado e así se frea a divulgación. Dádevos un paseo polas librarías da vosa vila e contade, nestes días en que celebramos a festa das nosas letras, que libros predominan nos escaparates.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario