Se no século vinte, como cantaban na famosa opereta, a ciencia avanzaba que era unha barbaridade, non podemos imaxinarnos todo o que nos agarda neste en que se supón superada a fase mecánica e entramos na da Intelixencia Artificial, en que non só se substitúe a man de obra, senón tamén a toma de decisións en todos os campos, por un artefacto, e como non podía ser doutro xeito, incluído o ámbito pesqueiro, para loitar contra a piratería, a fraude e a malicia.
A ONU, xa no ano 2020, marcou como obxectivo de desenrolo sostible, regular na pesca os abusos laborais e de capturas, pero non sempre lle foi doado, unhas veces porque o patrón vese obrigado a conseguir unha determinada cantidade de toneladas nun tempo limitado e outras porque os bancos de peixe andan moi preto de zonas restrinxidas, e antes de perder un lance prefiren saltarse a norma.
Cada ano volven as discusións entre gobernos, armadores e consumidores sobre cotas, vedas e zonas de exclusión, en que cada quen ha de defender o que lle compete ata chegar ó acordo menos malo para todos. Pero xunto con eles hai outro grupo que non discute, que vai por libre, e faena de maneira ilegal, saltando todo tipo de protocolos. Un lucrativo negocio contra a biodiversidade e contra a decencia, amparándose na falta de medios que poidan controlar as actividades en alta mar. E si, con eles podemos ter peixes e peixotes, para fritir ou para torar, pero arriscámonos a que a súa escaseza provoque unha falta prolongada dos mesmos así como un prezo desorbitado.
Como no mar non hai semáforos eficaces que controlen e regulen as faenas, a pesares de que o Dereito Internacional obriga a cada pesqueiro a levar unha baliza ou sistema de identificación automática, para indicar en cada momento a súa posición e actividade, con demasiada frecuencia estas apáganse, unhas veces para que a competencia non saiba onde atoparon o banco que lles salvou a marea, outras para non ter que recoller rede cando se está no límite dunha zona de exclusión, e tamén coa desculpa de evitar ós piratas, converténdose así en buques fantasma, só para delinquir. E aquí é onde aparece a Intelixencia Artificial, ese sistema electrónico capaz de aprender por si mesmo, corrixirse ou evitar sabotaxes, comezando por recoller todos os datos posibles, tamén os obtidos pola baliza, que non só serven para controlar o que cada quen fai, senón tamén para analizar e procesar esa información co fin de crear mapas polos que saber onde é necesario restrinxir a actividade e onde non, onde é imprescindible unha veda e onde se pode pescar libremente e sen perigo, pero tamén para saber quen está habituado a saltar as normas. E isto que para algúns semella levar un policía abordo, o que realmente levan é unha ferramenta de mellora e perfección que redunda nun beneficio neto dos pescadores, incluíndo os mesmos dereitos laborais, sen que abordo haxa posibilidades de trampear o sistema.
Pero como toda ferramenta, por moi boa que sexa, necesita dunha lexislación que a aplique, que as autoridades de cada país se comprometan e obriguen a súa instalación.
Unha vez máis, a ciencia vén en auxilio dos traballadores, dos consumidores e dos seus recursos.
Francisco Ant. Vidal
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario