Por Pepe de Rocaforte
Andáballe dando voltas ó maxín en busca dalgún tópico para empezar como é debido o novo ano nos Chanzos e, por se estaba na verza, como a cada paso acostumo con máis frecuencia, botáronme unha man na casa co encargo de pensar nos regalos de Reis para a xente miúda da familia.
¡Aí estaba a solución, xa non necesitaba esforzar máis o caletre! Encontrámonos na época de pensar nos regalos de Reis, ós que na miña infancia os rapaces de aldea chamabámoslle “dos Reices”, supoño que para nos mostrar máis cultos e non caír no pailanismo de dicir “dos Reises”, incorrendo na vulgaridade de utilizar o seseo, aínda que fose só o de final de palabra, e non aquel seseo total da xentiña das Rías Baixas.
Pero creo que me será mellor cambiar de tocata porque se continúo por este camiño empezareime a afastar perigosamente da cuestión dos regalos de reis para os cativos. Así que, posto na tesitura, preséntaseme un problema: ¿son eu a persoa axeitada para decidir o que pedir para os rapaces? Cando era neno os xoguetes que me deixaban as Súas Maxestade de Oriente na noite da súa visita eran, ou ben unha arquitectura de tacos de madeira, ou ben un crebacabezas con cubos de cartón cos cales podías formar seis estampas variadas, paisaxes, ou escenas de bonecos, ou figuras diferentes. Nunca se lle ocorría traerme un par de colts do 45, ou un fusil metrallador, como pedía todos os anos. Ou unha bicicleta, se non polo menos un triciclo. Non. O seu agasallo favorito, pódemo vostede crer, era ¡un libro!
Por certo o único regalo de Reis que conservo da miña época infantil é ese libro de relatos, titulado “Cuentos de Navidad”, en cuxa portada pode verse un neno cabalgando unha aguia, cuxa reprodución acompaña este comentario de hoxe. E gracias a ese magnífico debuxo que tamén se acompaña, datado o día 1 de Marzo de 1948, con que ilustrei unha páxina en branco do mesmo libro, aínda este que subscribe non cumprira os seis anos (1).
Con semellantes antecedentes paréceme que debe quedar claro que non son eu a persoa máis adecuada neso de recomendar lecturas para regalar por esta época. O que pasa é que xa me encariñara co encargo e para me axudar botara man da prensa, onde vin, recomendada para lle meter o dente neste ano de 2023, unha relación de trinta títulos publicados ó longo do ano pasado.
Nesa relación figuraban dez novelas e dous libros de contos, dous diarios e sete libros de ensaio, o cal marca a preeminencia dos textos en prosa por parte do seleccionador ou seleccionadores. Figuran ademais seis títulos de poesía e tres comics, apartado no cal aparece o único autor galego de toda a selección, David Rubin, con “El Fuego”.
Estes trinta títulos teñen para min unha cousa en común, posiblemente a única: quen esta colaboración escribe non leu ningún deles. Tampouco neste caso debo ter por tanto o atrevemento de vos recomendar nada. Xa que logo, seguindo a aquel literato a quen Violante lle mandou escribir un soneto, ata aquí chegou a miña colaboración de Reis. E a ver se para a semana próxima se me ocorre outra cousa con máis sustancia.
Entre tanto despídome co desexo de que os Reises acertasen cos regalos de que vostedes son merecentes.
(1) Como poden imaxinar, tampouco como pintor cheguei a facer carreira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario