A historia cóntanos que o Tenente Xeneral Sir Jonh Moore, foi alcanzado ás cinco da tarde do día 16 de xaneiro de 1809 por un obús de canón na batalla de Elviña, durante a defensa dA Coruña contra os franceses, e catro horas máis tarde morría na casa do industrial señor Fontenla, onde fora acollido de urxencia. Durante esas catro horas de dolorosa agonía tivo tempo de facer testamento, agradecer a lealdade dos seus colaboradores, entre os que estaba o Xeneral español Pedro Cano, marqués de La Romana,anticipando esas palabras que se conservan gravadas en mármore: “Españois, dedicádevos a imitar ós inimitables galegos”. Pero sobre todo, encargoulle ó axuda de campo, irmán da súa suposta moza, Lady Esther Stanhope, que lle levase uns “recordos moi especiais”. Tamén conta a historia que á unha da madrugada Sir Jonh Moore foi enterrado na clandestinidade e despoxado de efectos persoais, como a súa banda de xeneral, o sable e o reloxo, para que o seu cadáver non fose profanado polos franceses, nunha tumba improvisada e cuberta con musgo, de onde uns anos máis tarde o sacaría o marqués de La Romana para depositalo nos xardíns de San Carlos.
Contan os biógrafos que a Lady percorreu todo Oriente Medio vestida de beduíno, encabezando unha caravana de máis de vinte camelos e con unha garda especial e ben uniformada que lle valeu o alcume de Raíña Branca de Palmira, cidade á que chegou a finais de marzo do 1813. Hai quen a considera a primeira muller arqueóloga en Oriente Medio, pero realmente, ó que ía era á caza de tesouros que reparasen a mala economía da súa casa e a excesiva dilapidación da herdanza que recibira do seu tío. Pero a falta de logros crematísticos e a ruína económica na que se viu, obrigouna a retirarse e vivir practicamente na soidade ata a súa morte en 1839.
E agora vén a lenda que recolle don Leandro Carré Alvarellos, pero que xa Murguía relatara con romántica prosa en 1860, asegurando que a namorada Lady Stanhope, dende o ano 1840, acode cada 16 de xaneiro a visitar a tumba do seu namorado.
Murguía descríbenola como unha muller moi alta e dunha beleza que permanece imperturbable a través dos anos, esvelta, de ollos azuis, o rostro branco e louros rizos acariñando a súa fronte, quen aparece camiñando, solitaria e silenciosa, polos xardíns de San Carlos. Vestida de veludo negro axeónllase diante da tumba do Xeneral para lamentar a súa ausencia con namoradas palabras recollidas polo Patriarca: “Xan, Xan, tantos anos e aínda te amo. Nunca crin que a dor me deixase vivir tanto”.
Sen embargo eu, que acostumo a pasear por este xardín con frecuencia, nunca tiven o pracer de encontrarme coa Lady. Pero aí está acreditada a súa presenza por voces tan principais como a de don Manuel Murguía, o que nos fai pensar que contra a morte venceu ese amor que, nunca mellor dito, será eterno.
É o bo que teñen as lendas.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario