sábado, 28 de xaneiro de 2023

Os aneis máxicos


De sempre, o que máis nos impresionou do mosteiro de santo Estevo de Ribas do Sil, foi o claustro do Viveiro, polo que nos contaron de que noutro tempo aquilo era unha piscina onde se criaban peixes para o consumo dos relixiosos. O cociñeiro non tiña máis que saír cun trueiro e xa podía preparar a caldeirada. Incluso, os monxes podían descansar do Ora et labora botándolle un anzol nas horas libres sen saír ó mundanal ruído.

Os outros dous claustros, moito maiores e vistosos, tamén son interesantes: o dos Cabaleiros, xusto na entrada é como un enorme recibidor, e por un arco situado á dereita accédese ó claustro dos Bispos, onde estiveron soterrados nove bispos que aló polos séculos X e XI se viron obrigados a fuxir das súas sedes por mor das invasións viquingas e sarracenas, adiando con ilo un posible e inútil martirio.

Sempre considerei a estes nove prelados moito máis espelidos e intelixentes ca aqueles arroutados mártires que buscaban a propósito a tortura e a morte para adular á divindade, co único fin de ser recoñecidos nas portas do Paraíso, verdadeiros egoístas teimudos, predicando no deserto diante dun tribunal convencido do contrario, sen decatarse de que,  cedendo un pouco, para evitar a morte, ben podían seguir influíndo coas súas ideas aínda que fose dentro dunha cadea.

  As mitras deses nove bispos forman o escudo do mosteiro, e durante anos, segundo se conta, os aneis que eles portaban como símbolo da súa dignidade, operaron milagrosas curacións entre os devotos. O cal, para os crentes, era unha proba irrefutable de que estaban bendicidos pola divindade, e polo si ou polo non, os aneis daqueles santos sen martirio, nun tempo en que a medicina tiña máis de milagrosa sorte ca de douta disciplina, gañaron adeptos, pois ó contacto coas devanditas xoias recuperaban a vista os cegos, andaban os paralíticos, oían os xordos e, bebendo a auga na que fose introducido un deses aneis, o demoño fuxía dos corpos enmeigados. Marabillosos portentos que seguramente non terían lugar se se deixasen martirizar e os aneis caesen en mans infieis.

Pero chegou un día no que os monxes procuraron outros lugares menos afastados da civilización e os fascinantes poderes dos nove aneis quedaron tan esquecidos que nin se sabía onde se gardaban e déronse por perdidos.


Tras moitos anos de abandono, o mosteiro foi restaurado con visión mercantilista para convertelo en parador. O antigo viveiro converteuse nun pequeno e acolledor claustro para turistas meditabundos, e ó lugar onde antes estaban soterrados os nove bispos só lle quedou o nome. Pero un día (hai menos dun ano), cando xa se empezaban a botar de menos os portentos daquelas xoias das que os máis vellos do lugar contaban fantásticos prodixios operados nalgún antepasado, os técnicos de Patrimonio atoparon un estoxo con catro daqueles aneis, e se ben para uns era un descubrimento histórico, para outros, aínda nestes tempos en que todos cremos máis no milagroso desprazamento dun bisturí ca no contacto co sagrado, tamén podía aportar algo de optimismo mentres agardan a súa quenda nas longas listas de espera, ou algo ó que recorrer na procura dunha ilusoria esperanza cando a ciencia nos nega a cura.

Como queira que sexa, aínda faltan por aparecer os outros cinco aneis.

      Francisco Ant. Vidal                       

 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

Ningún comentario:

Publicar un comentario