xoves, 15 de xuño de 2023

MOMENTOS DE PREGUIZA FELIZ

Por Pepe de Rocaforte

Stein Am Rhein. Porta na muralla que dá ó río

Estou na casa, ollando a rúa desde a xanela mentres fóra as pingas da chuvia esvaran pola vidreira. Quizais por se tratar dun espectáculo pouco habitual nos últimos tempos, mentres os pensamentos me circulan ó seu aire pola mente, déixome estar inmóbil a seguir o andar da xente debaixo dos paraugas abertos.

 Dunhas noutras véñenme á cabeza recordos inconexos. Acórdome por exemplo dunha mañá de sol duro nas pirámides de Exipto, nunha viaxe colectiva feita xa hai uns cantos anos. Despois de pararmos diante e arredor da Esfinxe, subimos ata as pirámides maiores e alí, logo de entrar ata o interior permitido da de Keops, funme sentar nunha pedra un tanto afastada, a observar á xente que pululaba polo arredor: taxistas e autobuses de pasaxeiros, moitos turistas coma min; árabes con dromedarios levados pola corda á espera de alguén a quen lle ofrecer unha curta viaxe máis ou menos exótica... En fin, toda a fauna habitual deses lugares.

Cando máis absorto me atopaba, achegouse a min o guía que nos acompañaba e díxome: “¡Veña, que marchamos!” Literalmente: ¡fíxome despertar! “Home, respondinlle, ¿non podemos quedar por aquí un pouco máis?” “Xa está todo visto, ¿para que queres quedar?” “Pois para mirar, anque non sexa máis”. O tipo miroume a min con estrañeza, así coma un pouco picado. “Pois ben”, dixo. “Eu marcho cos demais e cando che pareza ben chámasme para te vir buscar”.

Polo ton pareceume que aquelo non entraba nas previsións, así que renunciei a soñar un pouco máis, levanteime e marchei de par do guía para o autobús co resto da xente.

Esto de aproveitar un certo tempiño de afastamento nun determinado momento tráeme á memoria algunha outra ocasión na que experimentei uns momentos de plenitude feliz. Unha das que recordo con maior satisfacción vivina aínda non hai moitos anos, en Stein am Rhein, pequena vila suíza á beira do Rin, á saída do río do lago Constanza.

Stein Am Rheim. Fachadas pintadas do século XVI

Naquela ocasión, despois de parar nas cataratas do Rin e xantar na pequena vila suíza demos un paseo polas súas rúas, con casas de fachadas cheas de curiosas ilustracións, por exemplo unha cun mural renacentista, obra de Thomas Schmid, que ten como motivo central das súas ilustracións varias escenas do Decamerón.

Logo do paseo achegámonos ó antigo mosteiro de San Xorxe, na actualidade restaurado e convertido en museo, no cal a guía, unha moza filla de emigrantes andaluces, dábanos explicacións cun entusiasmo tan contaxioso que ó remate da visita parecíanos ter estado nunha especie de Louvre non coñecido, tantas eran as dotes persuasivas da rapaza.

Finalmente, como aínda tiñamos tempo suficiente para dar unha volta cada un ó seu aire, esparexémonos por alí a ver os arredores. Eu, camiñando pola veira do Rin, que recuperara o seu aspecto fluvial á saída do lago, acabei nunha praza pola que paseaba algunha xente: mulleres con bolsas, mozos con mochilas ó lombo, nais con rapaciños en cadeiras de rodas para nenos... Unha plácida escena de tranquilidade familiar que viñeron interromper os pitidos da sirena dun barco que atracou a unha plataforma de madeira pola cal empezou a se producir un transvase con algunha da xente paseante pola praza.

Transcorridos uns minutos a sirena volveu soar mentres a embarcación se afastaba da plataforma para proseguir o seu camiño. Un señor maior que pouco antes se sentara no mesmo banco ocupado por min, levantouse e axitou a man ó tempo de pronunciar uns palabras que non entendín e ás que contestei con un “Boas tardes, que o pase vostede ben”. O home sorriu e volveu axitar a man, o mesmo que fixen eu.

            Non houbo máis nada, pero aquel breve espacio de tempo quedou gravado na miña memoria coma un momento enteiramente feliz .

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario