Polo xeral cada vila ten a súa feira ou mercado, uns máis senlleiros ou con máis sona ca outros, pero todos con unha finalidade común, a de darlle saída ós produtos locais e de paso atraer xente que, se non merca os grelos de Monfero, pode mercar un chándal de importación chinesa ou tomar os viños nalgunha taberna. O caso é xuntar público, reter os veciños e animar a economía local. Son verdadeiros centros económicos dende a Idade Media, onde se fan tratos e a bulsa (sinónimo de bolsa) sube ou baixa de grosor segundo sexan as transaccións; tanto así que para poder celebrar unha feira tiña que darlle o visto bo a máis alta autoridade, o rei, o bispo ou o gobernador civil. Da importancia das feiras dan conta os pendellos da Agolada, para facilitarlle o establecemento ós feirantes e os aínda hoxe denominados campos da feira.
Pero non só se xuntaban nestes mercados xentes da contorna, senón que tamén viñan de lugares máis afastados, e así como hoxe cruzamos a fronteira para ir ás feiras de Monçao, Valença ou Barcelos, tamén en época medieval, a pesares das liortas entre mouros e cristiáns, tiñan os seus momentos de entendemento releando nos días de feira, tanto así que por aí corre a idea de que o Camiño de Santiago asentouse grazas a aqueles feirantes que percorrían os lugares fronteirizos do río Douro.
O día de feira, ou de mercado, é día de festa, de tapa de polbo ou ración de callos, de escoitar a algún músico de rúa onde antes cantaba un cego, e mercar algún deses recibos da sorte onde antes de buscaba “a sorte do paxariño”. Nas nosas feiras e mercados aínda perdura ese aire medieval de oferta e demanda onde non falta o pícaro charlatán nin o arteiro raposo. Lugar onde artistas como Colmeiro buscaban os seus modelos, as expresións e os xestos da xente.
Algunhas destas feiras e mercados estenden a súa sona máis aló dos límites do país. A ninguén se lle escapa que a famosa Pascua de Padrón dura quince días e xa era famosa no século XVII, que da feira de Santos, en Monterroso, hai datos dende mediados do século XV; e que dicir da san Lucas de Mondoñedo, especializada na compra e venda de gando cabalar dende mediados do século XII.
Pola parte das Mariñas coruñesas puxéronse de moda, aló polos anos setenta e oitenta do pasado século os “feiróns” que acollen na fin de semana (moitos deles pola tarde) telderetes con produtos agrícolas, comestibles, roupas e ferraxería; e en Paiosaco (A Laracha) é norma saudarse preguntando como estivo a feira, que alí se celebra en domingos alternos.
Chegar a un lugar como Noia, un xoves pola mañá, permítenos andar entre postos onde se expón toda a mercadoría que os tendeiros propios e forasteiros sacan á rúa, e practicar o releo, esa especie de poxa que axusta o prezo segundo a necesidade e a picardía de cada quen. Lembremos aquel fermoso artigo que Murguía publicou en 1874 baixo o título de El mercado de granos de Noya, retratando poeticamente o que eran os mercados e feiras galegas no seu tempo. Nada moi distinto do que son hoxe en día.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario