mércores, 7 de xuño de 2023

UN PORTUGUÉS EN GALICIA (I)

Por Pepe de Rocaforte

 No ano 1886 o xornalista e político portugués Inácio Francisco Silveira da Mota, da Academia Real das Sciencias de Lisboa, fixo unha viaxe polas principais cidades galegas, da que deixou constancia nun libro titulado “Viagens na Galliza”.


Armado dunha “Guía de Galicia”, de Cesáreo Rivera e Víctor M. Vázquez, publicada en Madrid en 1883, o viaxeiro chegou a Vigo nos primeiros días de maio de 1886 co desexo de «coller ideas e sensacións novas, ver terras descoñecidas, asistir a estraños espectáculos e ampliar dalgún xeito a existencia».

«Visiten outros as capitais florecentes dos grandes imperios, as ruínas das famosas cidades, que o decurso dos tempos devastou», di Silveira da Mota. «Desta vez eu só podo peregrinar aquén dos Pireneos. Em pobres, humildes terras  que os viaxeiros desdeñan». Os propósitos parecen dicir que “estaban verdes”.

A pesar destas sospeitosas palabras, o viaxeiro confésase inimigo da «soberbia e malévola presunción con que en xeral os estranxeiros, e sobre todo os ingleses, avalían, entre nomeadas e calumnias, as institucións, os costumes, as letras, a ciencia, as artes, a nobre e gloriosa historia das dúas nacións da península». Algo que a el nin lle pasaba pola imaxinación.

Os primeiros contactos co noso país empezaron en Vigo, cidade que causou boa impresión en Silveira, especialmente o Paseo de Alfonso XII, «grandioso comezo da estrada de Baiona, frondosa alameda desde onde se avistan en panorama fascinador as augas da ampla baía».


O Areal e a Ribeira, co seu labirinto de «calellas estreitas, escarpadas, sombrías, sucias, tortuosas, que poden equivaler en pequena escala á rede de travesías e calellóns sen saída do noso barrio de Alfama», non ofreceron ó viaxeiro edificios «que polo valor artístico ou polas recordacións históricas merezan particular atención».

Así e todo estas zonas «ofrecen tamén curioso espectáculo polos seus diversísimos aspectos. Aí congostras en zig-zag, rúas angostas, escuras e lamacentas desembocan xa en prazas aseadas; e por entre o vulto de humildes cacharufos de mariñeiros e pescadores, campan casas e palacios, que van paso a paso transformando a poboación antiga na moderna, e substituíndo á vila, que no século pasado contaba pouco máis de mil habitantes, pola cidade populosa e próspera, que hoxe existe.

Unha noite na que a lúa fulxía nun ceu sen nubes, Silveira sentiuse invadido por «un turbillón de afectos grandiosos e simpáticos» ó contemplar as vacilantes sombras producidas pola foresta de mastros e antenas dos barcos ancorados nos peiraos, entre o faiscar das ondas, na soedade, o silencio e a tranquilidade das formas vagas das montañas que se perdían na extensión do horizonte, alá por onde rutilaba ó lonxe a luz dun faro nas Illas Cies.

O 14 de maio, día de mercado, tivo o viaxeiro ocasión de ver algúns respectables exemplares do antigo traxe galego «desterrado hai moito tempo das cidades e das vilas». E chamou sobre todo a súa atención un muiñeiro tocado cun casquete adornado con dúas plumas de galo, e unha labradora, robusta, “mal cepillada e avermellada”, ataviada cunha cofia de malla branca, lazos e fitas de seda escarlata, colete de pano verde, manteo cor de tabaco e unha saia de percal, mostra «do poderoso influxo da moda na corrupción de usos, hábitos e costumes ata das propias razas montañesas».

 (Continua).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario