xoves, 22 de xuño de 2023

UN PORTUGUÉS EN GALICIA (II)

Por Pepe de Rocaforte


Hoxe retomo o repaso empezado hai dúas semanas da viaxe do xornalista portugués Inacio Francisco Silveira da Mota por terras de Galicia no ano 1886.

Desde Vigo, onde quedamos hai quince días, trasladouse Silveira o 18 de maio a Pontevedra, e alí buscou acomodo nunha humilde pousada que, a pesar do seu pomposo título de hotel, conservaba escrupulosamente, en opinión do viaxeiro, as tradicións dos “bos tempos de Quevedo”.

«De Vigo ata esta pacífica metrópole de provincia é risoño e magnífico o traxecto. Na rápida carreira a locomotora cruza planicies tapizadas de verdor, atravesa grupos de castiñeiros e nogueiras, galga penedías, rompe montañas, traspón abismos, percorre soberbios viadutos e deixa entrever aldeíñas e casaríos, quintais e verxeis encaixonados en muros de pedra solta, a vea sinuosa da ría a se afastar da enseada, o alegre e sereno val serpeado polo Lérez».

O apousento que colleu para aqueles días «é pequeno, e está lonxe de satisfacer non xa as condicións de requintado luxo, aínda non ben as de simple e modesto aconchego» escribe Silveira, que describe así o seu cuarto: «Penden das paredes dous vellos gravados coloreados. Un representa a Casilda (Andalusí filla do emir de Toledo El-Mamum, que ás agachadas leváballe comida ós prisioneiros cristiáns do seu pai e, ó ser descuberta, os alimentos que levaba ocultos na roupa convertéronse en rosas), pintura que a lenda explica en idilio análogo ó do brazado de rosas da nosa raíña santa. Móstranos o outro gravado a San Xerónimo, tal vez con algunha verdade na mística expresión de angustia. É groseira copia dunha tela de Ribera, o pintor vigoroso e apaixonado, temerario nas concepcións da fantasía, naturalista no deseño e no colorido. Sobre a mesa, forrada de baeta verde, póusase un candeeiro [...] Completan o mobiliario tres cadeiras de coiro, un espello con cortinas de paniño, unha almofía, un lavatorio de ferro, unha cómoda de nogueira, e a un lado, xunto á xanela, o catre desmedido e carunchoso» (Valiosa e detallada descrición, como podemos ver).

Pontevedra, cidade grande, con preto de vinte mil habitantes, «non se asinala nin pola vida ruidosa e pracenteira, nin polo extraordinario desenvolvemento de calquera ramo da industria ou comercio». Así e todo Silveira atopou fermosas prazas cadradas e simétricas, arrabaldes amenos e poéticos, un xardín público denominado a Alameda, e algúns “grandiosos edificios”,  que son a un tempo monumentos de arte e recintos consagrados ó culto. Entre eles considerou destacados o convento de Santa Clara, a igrexa da Peregrina e o templo de Santa María; aínda que o que máis o impresionou, nesta cidade “de ruínas e decadencias”, foron os restos da igrexa de Santo Domingo. Decadencia especialmente manifesta tamén para o viaxeiro, no barrio da Moureira, outrora centro de riqueza «e hoxe pobre aldea de pescadores».

Unha cidade, resume Silveira a súa impresión da “boa vila”, de rúas que xacen nun silencio de austeros claustros, coa Alameda sempre deserta, revelando o recollemento e a «descomunal tristeza dunha decadente capital de provincia».

Como detalle final: en Pontevedra sorprendeu ó noso viaxeiro a noticia do nacemento en Madrid do fillo póstumo de Alfonso XII, que non ocasionou abalo de contentamento nin de mágoa na poboación. E tamén atopou nas ribeiras do Lérez ó seu querido amigo e poeta G.J. (Guerra Junqueiro, aclaro), «príncipe por dereito divino, porque enriba de todas as xerarquías está a maxestade do talento». O ilustre autor de “A vellice do Padre Eterno”, a pesar de ter saído de Portugal moi poucos días antes, xa se atopaba saudoso e nostálxico da súa patria, saudade que axiña lle contaxiou ó compatriota”.

(Continuará).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario