Medalla conmemorativa dos Xogos Florais de Tui |
Sabemos que o idioma de uso de Murguía era o castelán, e agás eses catro textos coñecidos A nena das soidades (1854), o Discurso dos xogos florais de Tui (1891), Eduardo Pondal e a súa obra (inédito ata 1919) e A Curros (1919), ademais dun texto en portugués sobre historia, non acostumaba a expresarse no idioma que tanto defendeu ó largo de toda a súa vida. Eran outros tempos. De feito, en 1886, durante os xogos florais de Pontevedra, aínda que fai un exaltado discurso defendendo con entusiasmo o noso idioma, faino en castelán.
En 1890, invitado pola “Lliga de Catalunya” Murguía participa nos xogos florais de Barcelona, unhas celebración poéticas onde dá a ler, pois tiña que ser en catalán, un discurso con forte contido histórico e cultural galego, co que reafirma o seu rexionalismo. E cando volve á terra, aínda co eco dos aplausos na súa mente, ten claro que só se pode defender o idioma empregándoo, non só en poemas e no uso diario dos aldeáns, senón tamén e sobre todo na vida cotiá e por todas as clases sociais, económicas e profesionais, así que, nunha reunión da “Asociación Regionalista Gallega”, celebrada en Pontevedra o 20 de abril de 1891, decídese celebrar para o 24 de xuño dese ano uns xogos florais en Tui, nos que “só se poderá falar en galego”, como reza na acta, da convocatoria, asemade redactada en galego.
E cando na citada data chegan a Tui, notan o ánimo festivo polas rúas, como toda a cidade quere participar dos acontecementos acollendo aqueles xogos como a grande festa do galeguismo en pleno solsticio, na noite máis curta do ano.
O lugar escollido para a celebración é o teatro Principal, onde o alcalde da cidade dá a benvida a todos os representantes da asociación antes de pasarlle a palabra ó presbítero e mestre do seminario don Manuel Lago González, quen presenta ós oradores. Murguía, como presidente da asociación, toma a palabra e fala da importancia do idioma como feito histórico e diferenciador da nosa cultura con frases que quedaron para a historia: “Pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto. Pobo que esquece e escarnece o seu idioma, ese pobo di ó resto do mundo que perdeu a súa dignidade”, un discurso amplamente aplaudido e que o 15 de xullo dese ano será publicado en La patria gallega, voceiro da “Asociación Regionalista”, remarcando as frases máis sobresaíntes.
Antes de que Alfredo Brañas, en calidade de vicepresidente, cerrase o acto, outorgáronse os galardóns ós poetas premiados no certame, a Eladio Rodríguez, Díaz Spuch, Xan Barcia, Urbano González e Filomena Dato.
Todo saíra moi ben, pero os idearios políticos de Murguía e os de Brañas non coincidían plenamente, o que acabará levándoos a enfrontarse por mor de pequenas discrepancias ideolóxicas, co que aqueles exitosos xogos non volveron a celebrarse. Comezaron os ataques entre uns e outros e o voceiro, La patria gallega, apenas dura dous anos. Aínda así, o Patriarca seguirá afirmándose no seu ideario e incluso avanzando cara postulados máis nacionalistas.
Como queira que sexa, aquel discurso foi un punto e seguido no ideario galeguista ó largo daqueles anos finiseculares e a porta de entrada ó galeguismo para as xeracións posteriores.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario