xoves, 12 de outubro de 2023

COUSAS DE EINSTEIN


Por Pepe de Rocaforte



Hai un par de días chamoume un amigo para ver se tomabamos un café e aproveitabamos de paso para falar un pouco do que pasa polo mundo, que dá moito para falar e máis aínda para pensar, tal como se están poñendo as cousas.

Despois de opinarmos sobre o estremecedor asunto da franxa de Gaza e ter unhas palabras de recordo para a case olvidada Ucrania, sen nos esquecer da frase con que nos despediu Santiago Abascal no remate da falida investidura de Feijóo, “despues no vengan lloriqueando”, o meu amigo, estimando que para non amargar máis o café era mellor cambiar de terzo, pasou a me comentar canto lle gustou a entrega de Francisco Vidal da semana pasada neste blog. Estoume a referir a “Os IG Nobel”.

Ó meu amigo ocorréuselle “unha cousiña” na que andou a pensar logo de ler “Os IG Nobel”, e preguntábame se sería posible publicala aquí. “Home, eu de fixo non o sei”, díxenlle; “pero mándaa e malo será. Eso é o que eu fago e a pesar do escaso valor das miñas colaboracións, ata agora nunca mas refugaron”.

En fin, mandoume o seu traballo, pero pediume encarecidamente que se se publicaba non se puxese o seu nome como autor. E así vai logo:

Einstein dixo que ningún obxecto pode viaxar a unha velocidade superior á da luz. Segundo a súa teoría, canto máis se vaia aproximando a velocidade dun obxecto á da luz, con máis rapidez aumenta a súa masa, de modo que canta máis velocidade, máis enerxía costa aceleralo un pouco máis. Disque, de feito, non se pode acadar nunca a velocidade da luz, porque daquela a masa do obxecto chegaría a ser infinita, e pola equivalencia entre masa e enerxía, a enerxía necesaria para chegar a ese estado sería tamén infinita. Por certo: Einstein opinaba que hai dúas cousas verdadeiramente infinitas: a estupidez humana e o universo. E do segundo non estaba moi seguro.

E aquí punto. Non hai posibilidade de desprazamento a través do universo para ningún obxecto, se medimos este desprazamento en términos da vida dun ser humano. Pero ¿e se non houbese obxecto? ¿Se o que se movese fose algo sen masa, poño por caso a intelixencia, o pensamento, a alma, dun home? Nun futuro hipotético, pero non imposible, ¿non poderá o home desprazar a través do universo o cerne inmaterial do seu ser a unha velocidade igual ou superior á da luz? Aquí quedaría o corpo baleiro e o espírito, a intelixencia, o pensamento, a personalidade, o que queiras, apousentaríase ó remate da viaxe en calquera outro obxecto que lle servise de recipiente.


Así podería funcionar a transmisión do pensamento. ¿E que facultades intelectuais non poderá chegar a dominar o home o día que traballe, xa non co 100%, senón co 50% do seu cerebro, en lugar do escaso 20% con que funciona agora?

Xa se nos contou o paradoxo dos xemelgos, paradoxo que só o é partindo da idea dun tempo absoluto; pero na teoría da relatividade non hai un tempo absoluto único, senón que cada un ten a súa propia medida persoal do tempo. Así, se de dous irmáns xemelgos, un fose vivir ó alto dunha montaña, mentres o outro vivía ó nivel do mar, un envellecería máis axiña que o outro. E por tanto, se se volvesen atopar, sería máis vello que o outro. Diferencia de idade que se faría moito maior se un dos xemelgos fixese unha viaxe nunha nave espacial cunha velocidade próxima á da luz. Daquela, cando regresase, sería moito máis novo que o que quedou na terra.

Pero, pregunta: ¿Como se pode viaxar a unha velocidade infinita, se nin sequera o fai a luz? Velaí está a cuestión. Pero entre tanto Einstein recórdanos que «a palabra “progreso” non ten ningún sentido mentres haxa nenos infelices».

E xa finalizo con outra coñecida frase do premio Nobel alemán, aínda que aparentemente non teña moito que ver con todo o anterior: “Non podo imaxinar un Deus que recompense e castigue os obxectos da súa creación. Tampouco podo crer que o individuo sobreviva á morte do corpo”.




Ningún comentario:

Publicar un comentario