sábado, 14 de outubro de 2023

O casal Murguía—Rosalía


É mágoa que o matrimonio máis egrexio das nosas letras, a pesares da demostrada fecundidade, con sete fillos, non tivese, que se saiba, ningún neto que continuase a estirpe familiar.

Murguía e Rosalía coñecéronse nun dos parladoiros que el tiña por costume visitar en Madrid, o da casa de dona Carme Lugín, curmá da nai de Rosalía, onde en 1856 se hospedaron coa esperanza de que a rapaza probara na capital as súas dotes como actriz. E neses seráns, ós que acudían, entre outros, os irmáns Bécquer ou Eduardo Chao, quen no futuro será ministro da Primeira República, diante de todo o auditorio, a santiaguesa atreveuse a ler uns poemas que a selecta audiencia aplaudiu afervoadamente, animándoa a publicalos baixo o título de La Flor, ó que Murguía lle fai unha amable reseña no xornal La Iberia, en maio de 1857, baixo o título, La Flor, Poesías de la señorita Rosalía de Castro, onde non escamotea eloxios, pero tamén, pretendendo amosarse como un crítico imparcial, asegura que non coñece a autora; aínda que se dá por seguro que o amigo e poeta Aureliano Aguirre xa lle tería falado dela. O caso é que cando a parella comeza a mocear, el non dubida en pregoalo por carta ou de viva voz a todos os seus coñecidos e familiares, algo que lle causa a seu pai un profundo desgusto, pois o rapaz, que ía para estudiar farmacia, abandona definitivamente os estudios, dedícase a escribir e pretende casar sen a conformidade paterna.

Rosalía era unha muller alta para o seu tempo e el moi baixiño, ela vestía sen enfeites e el sempre moi pulcro; pero se na aparencia física non encaixaban si o facían no común amor polas letras, e da atracción que ambos sentiron nalgún momento, cremos atopar unha pista nun dos poemas do libro En Prosa, que Murguia publica despois de morta a súa esposa, poemas prosaicos que el fora escribindo ó largo dos anos, e onde, sen dar nomes, tras narrar unha escena de namoramento en que a moza lle pide ó namorado que lle bote o abrigo polos ombros, remata: Mas vi que alguno se puso más blanco que ella. Y creí en mi triunfo. ¿Sería que a poetiza tiña máis pretendentes pero preferiuno a el?

Como queira que sexa, tivo que ser un moceo curto, porque o 10 de outubro de 1858 a parella casa en Madrid, na igrexa de santo Ildefonso, cando o lóxico sería que, sendo os dous de Santiago, viñesen casar a onde estaba a familia. O enfado do pai de Murguía era tal, que cando lles nace Alexandra, a primeira filla, o 12 de maio de 1859, en Santiago, os pais do Patriarca non asisten ó bautizo da neta e vai como padriño Alexandre Chao.


Pero os avós non tardaron en facer as paces e consérvanse cartas de don Xoán con Alexandra. Asemade, sempre se falou da soidade de Rosalía ou de se Murguía era moi mullereiro, o certo é que o matrimonio, a pesar de ter pasado por moitos altibaixos, mantívose fiel e chegou a ter sete fillos que, como xa dixemos, non deixaron descendencia. Sen embargo corre por aí unha lenda segundo a cal había un neno, chamado Xaime, fillo de Ovidio e dunha moza madrileña, nacido despois de morto o pintor.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario