sábado, 7 de outubro de 2023

Os IG Nobel

 

                          


Por fin, Galicia, conta con un premio “Nobel”, nin máis nin menos que en Física. Certo que non é o que outorgan os suecos, este é iso que se chama os IG Nobel (que dan os americanos), unha especie de parodia para premiar aquelas investigacións de aparencia bromista, pero neste caso, no que a nós nos toca, moi serio, e máis aínda porque o galardón recoñece un traballo de investigación relacionado co mar e a pesca: “A actividade sexual das anchoas e a súa influencia na turbulencia das augas superficiais do océano”.

Xa sei que o título fai gracia, coma sempre que se fale de xenitais, caca e pis, aínda así, este estudio axuda a entender o movemento dos bancos de peixe, e quen vive do mar sabe do seu interese máis aló do erótico título do estudio.

Cando era estudante, para burlarnos dos traballos académicos sen proxección aparente, acostumabamos a facelo dicindo que se estaban estudando os pelos da pata dunha araña, e agora sabemos que eses insignificantes elementos sérvenlle ó animaliño para detectar calquera movemento no aire, e a diferenciar a presenza dunha presa da dun depredador.


Conto isto porque, aínda que algúns experimentos ou investigacións nos poden parecer absurdas, coñecer o porqué sempre acabará axudándonos a comprender o mundo que nos rodea e tamén a copiar ou aplicar o descubrimento, como fixemos cos morcegos e o radar ou con esas plumas erguidas nos extremos das ás dalgunhas aves que agora se aplican na aviación. Dous exemplos de investigacións que aparentemente só eran curiosidades pero deron paso a avances técnicos.

E coa idea de arremedar ós Nobel, cada ano, por estas datas, e dende 1991, prémianse os traballos de investigación máis (aparentemente) absurdos, nos que, como dicimos, este ano Galicia terá a honra de facerse co seu galardón. E dado que os gañadores optaron a el con tan arrevesado título, publicado nunha das revistas máis prestixiosas do mundo científico: Nature Geoscience, moitos preguntaranse en que se perden os cartos da investigación, esta vez en colaboración entre a Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de investigacións Mariñas pertencente ó CSIC.

A investigación galega parte da dúbida de se os grandes bancos de peixe poden ocasionar algún tipo de perturbación nas correntes mariñas, e aí foron os científicos a bordo dun buque oceanográfico ata Bueu, onde un banco de anchoas, á noitiña, provocaba grandes turbulencias facendo abrollar as augas frías do fondo ata a superficie, para enriquecer o plancto da zona. Pero, como os investigadores descubriron que as anchoas armaban ese barullo para reproducirse, entre as 19h e as 06h GTM, debeu causarlle gracia ós sisudos da universidade de Harvard e do MIT, que ademais de non saber o que é unha rede de pesca son os que entregan estes premios con divertida pompa e boato dende o MIT Museum de Cambridge (USA).

Sexa como sexa, os galardoados galegos poden ir coa cabeza ben alta, outros, en medicina, reciben este galardón por comprobar se os pelos das fosas nasais son os mesmo na dereita ca na esquerda, ou o de psicoloxía por contar cantas persoas vendo a alguén mirando para arriba, tamén se paran a mirar.

En fin, que os IG Nobel son divertidos, pero teñen unha base científica que non é cousa de risa.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario