xoves, 26 de outubro de 2023

O QUE NON VEU COÍMBRA...

 Por Pepe de Rocaforte

 

Hai unha manchea de anos que non paro en Coimbra, vinte e tantos polo menos. A data non a teño anotada, pero o que ma lembra é o de que fun alá para cambiar por euros uns escudos que de viaxes anteriores me foran quedando no peto e na oficina bancaria de Valença do Minho, onde tratara de facer a operación, dixéranme que o banco máis próximo onde poderían cambiarme estaba en Coimbra. E alá fun.

A asociación inicial que daquela facía co nome de Coímbra era o tópico. A saudade, a Quinta das Lágrimas, a Universidade, os mozos da tuna estudantil de capa con cintallos encolgados. O Mondego. Portugal dos Pequenitos. Inés de Castro e o rei Don Pedro. O Penedo da Saudade. ¡E o fado! Un fado que me conquistou ó oílo na voz de Jose Afonso, que aquí foi estudante. Zeca Afonso, o cantor que me pon un nó na gorxa cada vez que lle oio repetir “Saudades de Coimbra”, “Oh, Coímbra, do Mondego e dos amores que lá tive...”

            Pero Coímbra é tamén o colorido e a vida das rúas da Baixa. O movemento de estudantes e xente de toda laia. As tendas abarrotadas, os artículos arracimados nas portas dos comercios. Mantelerías, atoalhados, zapatos, artesanía en barro, louza pintada a man, bonecas de trapo, plásticos. E esa sensación especial de formigueiro alegre, aquí remarcada, coma se os estudantes andasen de folga ou todos os días fosen día de feira.

            Os cafés, as tendas e locais comerciais cuns nomes desbordantes de tenrura, como doutro tempo: “Casa de pasto Linda Primavera”, "O Choro do Bebé. Tudo para a súa crianza", "Laboratorio de Prótese Dentaria O Dente", "Doutor Fulano de Tal. Doenzas das Señoras"...   E, curiosamente unha palabra, “propina”, que oín nunha manifestación estudantil. “Supresión das propinas”!, esixían a berros os manifestantes. Parecía unha petición incrible... ata que un mozo que camiñaba de par meu me explicou que en Portugal as “propinas” son o que para nós os importes das matrículas universitarias. Ahhh!!!!!, vaia, xa me parecía un pouco estraño a min.

            Na cidade xa non circulan tranvías. Unha perda, non digo irreparable, pero perda ó fin para os que demos os primeiros pasos na época de apoxeo dos eléctricos. Porén, se un quere empaparse de Coímbra só debe utilizar o medio de locomoción das súas pernas, aínda que as costas que levan ó alto da cidade vella lle impoñan respecto vistas desde a beira dun Mondego agora repousado, con ínfulas de río centro-europeo, mercede á represa que remansa as súas augas ó paso pola cidade, a subliñar unha paisaxe tan distinta de aquela de outros tempos cando na estiaxe ficaba a penas un fío de auga a serpear entre coios, canavais, herbas amarelecidas e lixo.

            Polo Arco de Almedina, entre librerías de vello que sempre tiran da curiosidade deste lector vicioso, é por onde, segundo ó meu parecer, resulta máis aconsellable a escalada ó corazón da cidade. A partir de aí cada un seguirá ó seu albedrío por un labirinto medieval de rúas, becos e ruelas, con nomes aínda máis entenrecedores que os dos comercios da Baixa: Rúa da Estrela, Palacios Confusos, Beco da Amoreira, Rúa de Quebra Costas, Couraza dos Apóstolos, Rúa da Matemática...

            Chegados á acrópole e traspasada a cancela que no seu arco nos recorda que sapientia educat, enfrentámonos co tópico máximo, que non por eso deixa de ser impresionante, digno de todos os encomios de folleto turístico con fotos a cor.

            Alí no cumio o dominio non pertence xa ó clero, nin á milicia, senón á sabedoría (É un dicir, pero queda bonito e mesmo podería ser así), érguese a Universidade no curuto, con todo o esplendor da súa torre, a Sala dos Capelos, a Biblioteca Joanina e a balconada que lle ofrece ó visitante unha extensión de tellados, e río, e arboredo que se articulan e harmonizan ós seus pés.

            «O casarío sérvelle de trono. O Mondego de espello real», reza un folleto turístico local referíndose á Universidade. Pois non está mal a frase. Ó turista eventual, apoiado na varanda, tampouco lle desentoa. «O casarío sérvelle de trono e o Mondego de espello real». Señores, estamos no corazón de Portugal.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario