Amosando publicacións coa etiqueta Mitos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mitos. Amosar todas as publicacións

sábado, 23 de marzo de 2024

Flores de primavera

 

Despois do inverno e dun tempo tormentoso que se prolongou máis do desexábel, os campos tínxense de cor. Os verdes son máis vivos, os prados florecen con esmero, as toxeiras e as xesteiras vístense de intensos amarelos e as froiteiras iluminan a natureza. É o milagre da primavera.

Explicar este prodixio da vida foi unha constante que dende antigo se tratou de resolver como mellor se entendía naquelas sociedades agrícolas onde, cando non se atopa unha explicación razoada, aparecían os deuses e os santos que todo o resolvían por obra e gracia da fantasía, como aquel tal Narciso, un mozo de inigualábel beleza, tan orgulloso que só de si mesmo estaba namorado, e un día, contemplándose nas augas dun regato, tanto se marabillou que, querendo bicarse, caeu e afogou. E como lembranza e advertencia do seu orgullo, naquel mesmo lugar naceu a flor que leva o seu nome.

Sen deternos en todos os mitos que tratan de aclarar isto da chegada e a permanencia das flores, hai casos que son claros exemplos de como unha boa narración era convincente sen necesidade de ser lóxica, como a que nos fala de Atis un pastoriño que estaba ó coidado do gando cando cadrou a pasar por alí Cibeles, a deusa nai da natureza, quen ó velo quedou tan engaiolada da súa beleza que lle ofreceu ser o garda do seu templo a troco de manterse puro e casto. O rapaz aceptou e ocupou tan privilexiado cargo a carón dun manancial que atraía ós devotos de toda a redonda, cando se atopou con unha fermosísima ninfa, de quen se namorou perdidamente e por quen sentiu os impulsos que lle facían esquecer a promesa que lle fixera á deusa. Durou pouco o seu idilio, pois Cibeles, culpando do pecado á fermosa ninfa, fixo que esta morrese. Angustiado por non poder gozar da súa amada, Atís chorou amargamente a súa falta e, nun intre de desesperación, emasculouse con un coitelo de pedernal. Segundo nos contan os mitos, do seu seme e sangue vertidos no campo naceron as primeiras flores da primavera. Por iso, entre o quince e o vinte e sete de marzo celebrábanse festexos no seu honor, con procesións nocturnas que lembraban o padecemento do infausto amante e o perdón outorgado pola deusa nai.

Cando o Cristianismo substituíu os vellos ritos e costumes, o milagre da primavera produciuse durante a crucifixión de Cristo, cando sobre aquel lugar ermo e de morte, caeron unhas gotas do seu sangue e delas naceron unhas violetas.


Non menos fantasiosa é a lenda de san Xurxo, aquel cabaleiro andante que, entrando nunha cidade sometida por un dragón que esixía un tributo de doncelas para alimentarse, segundo os cristiáns ortodoxos en Beirut e segundo os cristiáns católicos en Silena, na provincia romana de Libia, despois de darlle morte ó monstro e liberar a unha princesa, do sangue vertido pola besta naceu unha roseira, facendo que este santo, a quen incluso os musulmáns veneraban como profeta asegurando que a súa tumba estaba na mesquita de Mosul, tamén contribuíse ó florecemento da primavera.

Como queira que sexa, o certo é que as flores saen co sol e coas as augas que regan as plantas, pero eu seguirei apreciando a florida fantasía dos mitos.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).



xoves, 24 de marzo de 2022

DISQUISICIÓNS URINARIAS


Por Pepe de Rocaforte

 

  

Astiaxes, rei de Media, que perdería o trono a mans de Ciro II o Grande de Persia, soñou unha vez que a súa filla Amitis empezaba a mexar e da súa entreperna medraba unha fonte que non estiñaba. A urina da filla de Astiaxes estendíase pola terra, anegaba o país, chegaba a cubrir ata os confíns do mundo coñecido.

Astiaxes acordou moi preocupado e foi consultar co seu equipo oniromántico habitual, frecuente recurso no que acostuman a caír os mortais; non nos chega o afán de cada día, que nos poñemos a furgar para sabermos o que nos deparan as néboas do porvir.

Astiaxes, coma tantos outros antes e despois del, ignoraba que o destino é cruel e que, como ó gato co rato, lle gosta xogar coas súas vítimas ese xogo mortal de suxerir camiños polos que coidas afastarte do abismo aberto ante ti na estrada principal, e pola nova vía elixida atópaste co mesmo cavorco do cal coidabas escapar. Tal o caso de Laio, o pai de Edipo; de Basilio, pai de Sexismundo, e de tantos outros, reais ou literarios.

Naturalmente, como mandan as regras, Astiaxes, por se querer poñer a salvo do que lle predicía o seu soño, non fixo senón enguedellarse máis e máis na rede que o levaba dereitiño a cumprir a fatal profecía. Pero a miña idea inicial non era estenderme en consideracións sobre o caso particular do rei Astiaxes, senón facer uns comentarios sobre secrecións urinarias, como diría un urólogo.

Por exemplo temos a recomendación de mexar nas palmas das mans para evitar que se che produzan bochas cando te pos a remar nunha embarcación, medio terapéutico disque comprobado ata a saciedade polos expertos.

Outra cualidade curativa da urina era utilizada polas mulleres de lóbulos delicados, ás que o contacto dos ganchos dos brincos, ou arracadas, lle facía inflamar unha cousa mala as aurículas.

Para esta amoladela non había mellor cousa que unhas pinguiñas de urina, postas cada noite no lugar inflamado antes de se deitar, e ós poucos días xa se podían lucir de novo as máis barrocas ou célticas arracadas sen medo ás queixas dos lóbulos.


E moitas máis aplicacións ten o mexo, coma o de servir para saber se unha muller se atopa en “estado interesante” ou son falsas as súas esperanzas, desde a proba da cebada, ou da ra, ata a máis moderna do tubo de ensaio para ver se forma, ou non, aureola no fondo.

De calquera xeito a propiedade máis curiosa da urina (feminina neste caso, como no anterior) experimentouna Ferón (tal vez variante grega de faraón), fillo de Sosostris no Exipto antigo, quen para sandar da súa cegueira debería facer ablucións con mexo dunha muller que non coñecese máis varón que o seu marido. Ferón, que debía ser optimista, ou inxenuo, por natureza, coa primeira que quixo probar o remedio foi coa súa propia e santa esposa.

Lamentablemente, da experiencia só naceu o triste coñecemento da súa condición de cornúpeta. Pero non parou aí a cousa. Catadas urinas das máis honestas damas exipcias, o resultado foi tamén negativo. O país estaba feito unha Gomorra a punto para a acción depuradora dos Anxos de Yahveh ou calquera outro partido ultra-dereitista da época.

Cando por fin Ferón, seguindo o método, atopou a agulla no palleiro da única muller fiel do país, fixo dela a súa compañeira, dando a continuación a orde de proceder a unha depuración ou progrom das adulterinas, que quedou como exemplo para todas as donas daquel tempo. Exemplo que, demóstrao a historia, non valeu de moito ata o presente.

De pequenos dicíannos que non debiamos mexar ó pé das árbores froiteiras, porque podían secar con semellante rega. E do mexo do sapo, por cambiar de escala ecolóxica, non podo esquecer o medo que nos infundía a posibilidade de quedarmos cegos se se producía o contacto daquel mexo coas nosas pupilas.

Pero todo esto son historias pasadas, historias daquel tempo mítico que, segundo Pavese, é o nacemento e o viveiro de toda a nosa obra narrativa posterior.