Amosando publicacións coa etiqueta Relixión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Relixión. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de xullo de 2025

Santo Eufrasio, varón apostólico.

Durante a homilía da misa en que se celebraba a onomástica de santo Eufrasio, o sacerdote oficiante, diante de dous cregos chegados de Compostela para asistir ós actos, dixo que se non fose por este santo o Apóstolo non estaría en Compostela. E tiña razón. Ademais de Teodoro e Atanasio, que foron enterrados a carón do Apóstolo, formaron parte da comitiva que o trouxo a Galicia, Torcuato, Tesifonte, Indalecio, Segundo, Cecilio, Hesiquio ou Isicio e Eufrasio, cuxa festividade celebramos o quince de maio.

Santo Eufrasio é pois un dos nove discípulos que acompañaron ó Apóstolo ata o último momento, un dos chamados sete varóns apostólicos que despois de soterrar a Santiago, a Teodoro e a Atanasio, viaxaron a Roma, onde san Pedro os confirmou como bispos e a Eufrasio encomendoulle a evanxelización da Bética, polo que regresou a Hispania e fundou a diocese da actual Xaén en Iliturgi, supostamente na actual cidade de Andújar

Cando foi da invasión musulmá, os devotos cristiáns, no ano 716, por medo a que os seus restos fosen profanados, decidiron traelos para Galicia, onde o burro que cargaba co cadaleito se parou diante dunha silveira a carón do río Mao e non se moveu ata que enterraron ó santo. Logo, sobre o seu sepulcro construíron a igrexa, no lugar hoxe coñecido como Santa María de Mao, no concello do Incio.

En carta do 26 de xaneiro de 1596, o rei Felipe II, pídelle ó abade de Samos, unha reliquia do santo para enviarlla a Andújar, onde o teñen por santo Patrón, e algunha outra máis para a súa colección de El Escorial. E aló lle enviaron unha tibia do santo que se gardou nunha caixa de prata.

A santo Eufrasio celébranlle festa o 15 de maio, e a el acoden os devotos do Incio e distintos puntos de Galicia pedíndolle alivio para a dor dos ósos.

Ó final da misa e procesión, impártese a bendición de santo Eufrasio.

sábado, 13 de xaneiro de 2018

O evanxeo da prosperidade

              
     Non debería estrañarnos que na era da economía liberal e no país da mesma, a relixión se adapte ás circunstancias, asociando fe e pasta coas crenzas máis profundas da sociedade, como non debe de estrañarnos que o evanxeo proclame o desexo de que Deus quere o mellor para os seus adeptos, ou que a mensaxe que o cristianismo vén dando desde que naceu, coa famosa frase do camelo e a agulla se troque agora, cando quen máis e quen menos ten unha conta corrente e aspira a gastar o salario nas rebaixas de xaneiro, dicindo que entre os bos desexos da divindade está sempre o de fornecer de bens económicos ós seus devotos.
     Con tal mensaxe, o chamado evanxeo ou teoloxía da prosperidade crea adeptos e adictos, e por iso Donald Trump, quen sempre foi home de pedir nas súas oracións os pasteis seus de cada día, escolleu como asesora á máxima representante desta tendencia relixiosa, a Paula White, unha telepredicadora evanxelista que lle axudou a elaborar o seu discurso para gañar o voto das comunidades cristiás, anque moitos dos seus colegas a tachan de charlatana, falsa mestra ou herética, por negar a Trindade. Non importa, ela, que agrupa fronte ás televisións a milleiros de persoas e asegura ter tido unha infancia terrible, con malos tratos, violacións e ata tres matrimonios, se fose católica, apostólica e romana iría para santa, porque, segundo afirma, tras descubrir os valores da fe ós 18 anos, Deus mesmo se lle presentou para pedirlle que predicase o seu evanxeo. Dedicouse entón a estudiar a Biblia, e a pesares de que nunca se graduou en asuntos de teoloxía si foi ordenada e nomeada líder da igrexa evanxélica. E a comunidade negra chegou a dicir dela que era unha branca que predicaba como un negro.
     Paula White é famosa pola súa peculiar visión da fe, segundo a cal, unha vida cristiá non só nos recompensa coa vida eterna no ceo, senón tamén coa posesión de riquezas na terra, e por iso afirmou nun dos seus programas: Calquera que che diga que debes negarte a ti mesmo, é un enviado do demoño.                                                              

     Ela é quen dirixe as oracións do presidente Trump, e aínda sen ter un posto oficial na Casa Branca, xoga o papel de guía espiritual de toda a familia, defendendo desde o seu púlpito televisivo a actuación do presidente con frases tan rotundas como que “quen o critica está contra Deus, porque é Deus quen coloca ás persoas nos lugares de autoridade”. E cando alguén lle recrimina que meta a Deus nas vulgaridades humanas, asegura sen rubor: “É o Señor quen me dita o que hei de dicir na televisión”, e aínda asegura que sendo Deus quen glorifica a un rei, cando loitas contra un plan divino estás loitando contra a man de Deus.
     Dito isto, que a tantos outros nos fai dubidar do bo caletre de Deus, e nos lembra ós faraóns ou ós ditadores pola gracia de Deus proclamada nas moedas de peseta, ela segue propoñendo que recadar cartos e acumular fortunas é un dos bens que Deus lle outorga ós seus máis apreciados fieis, porque, como tamén ela di: “A presencia e bendición de Deus está tanto nos momentos de sufrimento como nos de prosperidade”. E non debe andar equivocada esta señora, porque desde que asinou a principios de século un contrato millonario para un programa televisivo de corte relixioso, o público do seu show vai en aumento, ansioso por escoitar frases tan rotundas que a levaron a falar por primeira vez da teoloxía da prosperidade no 2004 coa fin de xustificar e divinizar a riqueza dos magnates. Á fin unha versión máis descarada do que a mesma Igrexa vén practicando desde o edicto de Milán.