

Paula White é famosa pola súa peculiar visión
da fe, segundo a cal, unha vida cristiá non só nos recompensa coa vida eterna
no ceo, senón tamén coa posesión de riquezas na terra, e por iso afirmou nun
dos seus programas: Calquera que che diga que debes negarte a ti mesmo, é un
enviado do demoño.
Ela é quen dirixe as oracións do presidente
Trump, e aínda sen ter un posto oficial na Casa Branca, xoga o papel de guía
espiritual de toda a familia, defendendo desde o seu púlpito televisivo a
actuación do presidente con frases tan rotundas como que “quen o critica está
contra Deus, porque é Deus quen coloca ás persoas nos lugares de autoridade”. E
cando alguén lle recrimina que meta a Deus nas vulgaridades humanas, asegura
sen rubor: “É o Señor quen me dita o que hei de dicir na televisión”, e aínda asegura
que sendo Deus quen glorifica a un rei, cando loitas contra un plan divino
estás loitando contra a man de Deus.
Dito isto, que a tantos outros nos fai dubidar
do bo caletre de Deus, e nos lembra ós faraóns ou ós ditadores pola gracia de
Deus proclamada nas moedas de peseta, ela segue propoñendo que recadar cartos e
acumular fortunas é un dos bens que Deus lle outorga ós seus máis apreciados
fieis, porque, como tamén ela di: “A presencia e bendición de Deus está tanto
nos momentos de sufrimento como nos de prosperidade”. E non debe andar
equivocada esta señora, porque desde que asinou a principios de século un
contrato millonario para un programa televisivo de corte relixioso, o público
do seu show vai en aumento, ansioso
por escoitar frases tan rotundas que a levaron a falar por primeira vez da
teoloxía da prosperidade no 2004 coa fin de xustificar e divinizar a riqueza
dos magnates. Á fin unha versión máis descarada do que a mesma Igrexa vén
practicando desde o edicto de Milán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario