Amosando publicacións coa etiqueta arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arte. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de setembro de 2024

Lembrando a Man de Camelle

 


Entrevista realizada a Man de Camelle O DÍA 8-7-82

 Por Pepe de Rocaforte


O tramo de costa que vai desde a praia de Traba ata o Cabo Vilaño é un mundo á parte dentro dese “mundo á parte” que é a Costa da Morte. Os cumios de rocha viva que preludian a grandiosidade do pedregal do Pindo, érguense no medio do silencio da terra e refléxanse no silencio zoador do mar. Os pequenos asentamentos de poboación, Camelle, Arou, Santa Mariña, aparecen como perdidos na inmensidade da natureza silvestre. Nesta civilización de ruído, de présas, de amoreamentos humanos, semella o emprazamento axeitado para un anacoreta. E este foi o asentamento escollido por Man.

¿Quen é Man? Desde hai xa uns anos en que Arce Temes, hoxe director do “Ideal Gallego” lle fixo a primeira entrevista, véñense sucedendo periodicamente na prensa as reportaxes sobre este alemán que hai vinte e un anos escolleu a soidade para se dedicar á súa labor de creación artística. Ata a televisión aproveitou a súa figura nun programa de José María Íñigo no que se lle deu un pésimo tratamento de “curiosidade de feira”.

--Foi unha experiencia que fixo que lle collese noxo á palabra “fantástico”, asegura Man cando lle recordo a súa aparición no programa do bigotudo da TVE.

E por aquí podería empezar esta nova entrevista co meu amigo Manfredo, “Man” Gnädinger. Podería empezar porque naquela ocasión na que apareceu diante das cámaras da televisión, certa manifestación súa valeulle un enfrontamento cos veciños de Camelle, que non interpretaron ben o que el quixera dicir.

Referíase Man ó proxecto de construción dun dique de abrigo e á ampliación do embarcadoiro de Camelle. De se levar a cabo aquel proxecto, a casa de Man e o entorno onde se ubica case toda a súa obra, tería que desaparecer. Man opinou que o proxecto parecíase a algo así como disparar unha bomba para matar un piollo na cabeza. Segundo el, sería máis racional e menos custoso dragar o actual porto, facer unha canal ata a praia e adecuar esta dragándoa tamén para un embarcadoiro máis abrigado.

Man opina que a diferencia de custo entre unha e outra solución deixaría un remanente que se podería utilizar para dotar as embarcacións pesqueiras do litoral cun moderno instrumental de axuda á navegación da que agora carecen e que faría moito máis seguro o seu traballo.


A idea non é nova. Na Costa Brava recordo ter visto algún porto construído dese xeito. Pero como un non é técnico na materia, será cousa de deixar a palabra ós que realmente entenden do asunto. Pero Man insiste en tratar de facer comprender o seu punto de vista. Vaille neso a razón de ser da súa vida, vinte anos dedicado a facer unha obra que non atopa a comprensión dos seus conveciños.

«Esto parece unha mala copia de Gaudí», seica dixo un visitante diante das agullas de pelouros, un enriba doutro, que lle dan o seu aire máis peculiar ó museo ó aire libre do artista. Pero Man di que a súa obra non ten nada que ver coa do arquitecto catalán. A figura matriz do museo, unha columna ergueita, alta, branca, formada a base de pedras redondas, unha sobre outra, unidas con cemento, que van diminuíndo de grandor, explícaa como a representación dunha busca do punto, o término de fusión no nirvana, na alma universal.

Nun castelán traballoso, lento, cheo de interrupcións e silencios para buscar a palabra axeitada, Man repite unha vez máis a súa teoría do universo, un universo curvo, no cal o círculo representa a aproximación á perfección, e atopa a culminación no punto, ese punto que quere representar o cumio da columna erguida cara o ceu, cara o infinito.

A outros visitantes a construción recórdalle as pagodas orientais, pero Man tamén coida fortuíta esta semellanza. Discípulo Schopenhaur, admira profundamente a espiritualidade do Oriente, anque coida que el nunca podería chegar a ser un bo yoga porque é home de carácter activo e a actividade lévao a construír as súas obras como as árbores dan froito, naturalmente, sen esforzo, só como unha necesidade.

A conversa dentro da casa do artista prolóngase e un déixase levar no seu mundo estraño, fascinante, rodeado de espellos circulares que arrandean mainos, colgados de tanzas, rodeado de fantásticas figuras de plastilina cheas de colorido. De raíces. De plásticos queimados. De arames retortos que enchen as paredes para revelar o fondo horror vacui do seu morador. Unha decoración que por veces fai lembrar o pop art. ¿Cantas suxerencias contén a obra de Man? É o traballo dun pensador solitario que para meditar precisa estar ocupando as súas mans en algo. E desas mans van nacendo as figuras da súa obra. Van saíndo tamén os seus escritos; pensamentos breves, aforismos, que garda sen intención de publicar. «Quizais máis adiante, despois de eu morrer»...

Pouco e pouco, da súa filosofía da vida -«O tempo é a riqueza máis importante que un home pode ter. Se no instante da túa morte quixeses mercar unha hora máis de vida, aínda que dispuxeses de todo o ouro do mundo, non a poderías conseguir»- pasamos ó terreo das anécdotas. De como foi detido pola garda civil, seica acusado de espía (como lle pasou a don Jorgito, o Inglés de Fisterra). De como ó cabo de non sei cantos tramites para prolongar o seu permiso de residencia, se lle dixo que tiña que abandonar España, ó menos temporalmente, ó cal respondeu que non tiña diñeiro para saír de aquí. Finalmente acabaron deixándoo, quizais por imposible, e agora é un indocumentado total. El non é ninguén, simplemente Man, un home.

--Pero ti es moito máis, un artista... -dígolle.

Fítame cos seus ollos claros, como se non me entendese ben. Ó cabo dun silencio retoma con dificultade a palabra.

--Eu son como un camelo. Un camelo que leva no lombo un tapiz delicado, fermosísimo. Outros camelos levan leña nas súas chepas. Fardos de mercancías. Transportan homes. Man leva sobre si ese tapiz, unha obra de arte que pode ser fermosa, pero o tapiz non é el. El é nada máis o camelo que vai tripando cos seus pés a area ardente do deserto...

Empeza a caír a noitiña cando nos despedimos. Falamos de cousas e cousas para encher tres ou catro entrevistas moito máis longas. Pero por hoxe a cousa queda así.

Como despedida Man repíteme, insiste: «Se vas publicar esto, por favor, quero que resaltes que eu non estou enfrontado á xente de Camelle» Refírese ás súas declaracións sobre o porto. «Non son ingrato, e non esquezo como se me tratou aquí desde que cheguei. Déuseme de comer. Na primavera enchíanme a casa de patacas que aínda sobraban para o ano seguinte. En ningún sitio podería atopar xente coma esta e eu nunca podería falar ou facer algo que fose en contra deles. Se ti o podes explicar mellor ca min, repíteo e déixao claro. Camelle é a miña casa, é a miña vida».

E eu o único que fago é poñer as palabras que el me ditou.

luns, 9 de decembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (48)



O Curmán de Undochán

Tito Cabano Bello fixo famoso
 o seu tango Un boliche
         Esta volta recuncaremos no tema da Crónica 8, lembrando ao amigo Manuel Suárez Suárez, que  publicou (2000) A emigración galega no tango: nomes como os clásicos Soliño, Collazo ou Fontaina, polo que toca ao tango uruguaio, xa os trouxemos aquí (Crónica 11). Pero hai moitos máis: bem sexa de compositores, letristas ou intérpretes: Cabano e Maquieira, antano, ou Canoura (moito máis que tangueira) hoxe, galegos fillos ou netos, son apenas unha mostra.
En falando de letristas, se algo hai que sinalar é a responsabilidade que os autores de moitas letras da “guardia vieja”, no primeiro tercio do século pasado (o tango ten máis de un século e segue “vivito e coleando”) levan na idea mundial e vulgar deste xénero como “o canto do cornudo” e a posterior calificación, igualmente desafortunada, como “a apoloxía do macho”, como muestrario do máis rancio machismo. Machismo que, por outra parte, non é exclusivo de tal xénero nen deste mundo, desque temos exemplos preclaros na nosa cantiga popular, logo recreada decimonónicamente por Rosalía –“… dádeme un home/ anque me mate, anque me esfole…”, que se diría antecedente daquel “C’est mon homme” popularizado, no XX, pola afroamericana afrancesada Joséphine Baker (1900-1975).
Habería que facer un estudo –que, se cadra, xa se fixo- sobre a porcentaxe desta temática no cómputo total dos textos tangueiros. E tamén deternos no feito, insólito, de que o tango comezou como danza, para despóis, sen deixar de ser danza, se convertir no tango-canción… -daí procede todo- ata o punto de ter dado, xunto a aqueles, textos perennes, tal El día que me quieras –que o amigo Javier García Pena fai fillo de igual verso de Nervo-, ou Volver como os máis famosos  mundialmente, produto do xenio poético-sentimental de Alfredo Lepera (1900-1935) -que musicalmente non consideramos tangos puros- e que, nas décadas de 940, 50 e 60 tivo representantes tan rescatábeis como os dous Contursi ou Homero Manzi, por darmos apenas tres nomes entre moitos, arxentinos a maior parte deles.
Con Contursi (fillo, 1911-1972), José María, vennos a lembranza dunha cuestión pouco sabida polas Europas: Sombras nada más!, que por aí adiante se popularizou como bolero, é un belo tango de Lomuto, con letra daquel (1943). Mesmo é de destacarmos como Joan Manuel Serrat tomou, aparentemente, da milonga La milonga y yo, de Ribero y Díaz Vélez, aqueles versos da sua Fiesta, apenas alterados: “Vamos subiendo la cuesta/ que arriba mi calle [la noche]/ se viste de fiesta”: que nós saibamos, a ninguén se lle ocorréu chamar plaxiario ao admirado cantante catalán…
O tango Sombras, nada más!
é moito máis coñecido como bolero
Claro é que, mercé á letra, o tango é excepcional muestrario do español rioplatense, con duas patas fundamentáis no lunfardo e o vesre. Xa teño me referido a esta última e simpática xerga a xogar coas palabras: lorca, gotán, trompa, sope, feca, lope, cotur, grone, rioba, tovén (calor, tango, patrón, peso, café, pelo, turco, negro, barrio, vento –dinero: lunfardo-vesre coincidindo), ou bolonqui, zabeca, yoyega, yorugua, chochamus (quilombo, cabeza, gayego, uruguayo, muchachos)… etc., etc.

Dato extemporáneo: O D9 é o grupo de países líderes en goberno dixital a nivel mundial: Corea do Sul, Estonia, Israel, Nova Zelanda, Reino Unido, Canadá, México, Portugal e Uruguai, que actualmente preside o clube.