Amosando publicacións coa etiqueta relixión e etnografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta relixión e etnografía. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de agosto de 2026

Identidades no santoral


A historia é un compendio de ansias e emocións, nas que as distintas relixións xogan un importante papel, tanto así que é moi recomendábel que nas viaxes se visiten os templos de cada lugar, porque sabendo a quen se lle reza sabemos o que temen.  

 

Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei, cedido por Ramón Torreiro González

Moitas igrexas galegas son monotemáticas, quero dicir que todas as súas imaxes están dedicadas a un asunto en concreto, xa sexa relacionadas co mar, co gando ou coa nacenza e crianza de nenos e nenas. Outras veces, como no retablo pétreo na capela da Magdalena, da Arzúa, o tema é a peregrinación, onde se representa o Apóstolo coa cabaza, guieiro do Camiño de Santiago, santo André coa cruz en aspa, o outro apóstolo con santuario galego a onde vai de morto quen non foi de vivo, san Miguel coa balanza para pesar as obras dos finados ó final da súa andanza vital, san Francisco, que tamén peregrinou a Compostela, co seu libro da regra, e unha figura que está núa, de pé, contorsionada e coa marca de feridas no seu corpo, unha imaxe coa que se acostuma a representar a san Sebastián, amarrado a unha árbore e asetado, quen, por mor desas feridas que poden lembrar as bochas da peste, foi o protector contra tan temida enfermidade, como aínda se lembra e festexa en Castro Caldelas, ata que, xa no século XV, empezou a sacarlle o posto san Roque, sobre todo en vilas con tráfico marítimo, como Viveiro, Vilagarcía ou Betanzos, por exemplo.

E nesta capela da Madalena, en pleno camiño de Santiago, ten moita razón de ser un santo protector contra as enfermidades que por mor das malas condicións hixiénicas podían afectar ós peregrinos daquel tempo.

Sen embargo as imaxes do santoral, a quen recoñecemos polos seus atributos e non polos trazos da cara, non sempre son tan claras. Sabemos quen é santo Antón polo porquiño e a san Lourenzo identificámolo pola grella na que foi asado, o cal non significa que a devoción popular non lle atribúa a algún santo ou santa unha personalidade diferente. Pódese confundir a san Francisco con santo Antonio de Padua ou Lisboa, pero sabemos quen é quen porque este ten ó neno sobre o libro e aquel as mans danadas polos estigmas da paixón.

Percorrendo o país encontrámonos con varios casos sorprendentes, nisto do troco de identidades relacionadas co santoral, como nunha igrexiña rural preto de Monforte, onde unhas señoras me aseguraron que, contra a dor das moas, rezábanlle á imaxe de santa Apolonia que alguén atopara uns anos atrás tirada nun vertedoiro de lixo, pero cando ma mostraron puiden comprobar que nada tiña que ver coa santa a quen é norma representar cunhas tenaces suxeitando unha moa, senón que era san Xoán Evanxelista co libro dos evanxeos baixo o brazo, a cara imberbe por ser o discípulo máis novo (aínda que as haxiografías din que morreu con máis de noventa anos) e a man suxeitando a queixada, tal e como se representaba a melancolía durante o Gótico ó pé da cruz, pose esta pola que a devoción popular lle trocou o nome e, segundo me contaron, ata un dentista de Vigo lle sacou unha foto para poñela ben enmarcada na súa consulta. Claro que, se o párroco dá por boa esta advocación, ¿quen son eu, simple leigo descrido, para contradicilo?

Máis curiosa é a entrada que na Wikipedia poñen para representar a san Paio, ese mociño de Tui despezado por non ceder ós caprichos de Abderramán III, e a quen sempre se representa co coitelo cortándolle o pescozo ou en escenas onde uns carniceiros armados de espadas e cimitarras o desmembran. Pero nesa entrada da enciclopedia electrónica ilustran o seu martirio con uns verdugos arrincándolle os peitos con unhas tenaces, un cadro do imaxineiro Juan Soreda (morto en 1537), que, supoño eu, cando llo encargaron, seguramente agoniado polas présas de quen llo encargou, acondicionou algún que xa tiña empezado para cumprir co encargo en tempo e forma. O malo é que, se non che din a quen representa, todo nos leva a pensar no martirio de santa Águeda, avogosa contra as dores de peito, o cancro e a mastite, a quen si lle arrincaron as tetas cunhas tenaces. De feito, a figura, por non ter nin ten uns atributos masculinos claros.

Á fin estatuas e imaxes só son iconas a quen dirixirse para que non pareza que o orante fala para as paredes.

Francisco Ant. Vidal




martes, 20 de setembro de 2022

A Virxe do Cristal tamén contra a peste

        


            A Virxe do Cristal, cuxa lenda está á vista de todos por medio dos versos de Curros Enrriquez narrando os amores imposibles de Martiño e Rosa,festéxase cada 15 de setembro como protectora dos namorados, pero tamén como avogosa contra a peste, acompañándose cos estandartes de todas as parroquias da bisbarra.

A súa festividade celébrase dende que no ano de 1630, cando un campesiño namorado pero ciumento a atopou, e como aquel cristal cunha imaxe no seu interior cada vez lle pesaba máis tirouno, pero ó día seguinte atopouno a moza con quen se mostrara descortés, quen vendo naquela imaxe o mesmo retrato de Virxe con que ela mesma soñara a noite anterior, levoullo ó cura párroco de Vilanova dos Infantes (Celanova), quen recoñeceu que era o vivo retrato da Nosa Señora, a imaxe máis pequena que existe da Virxe, e dende aquela réndeselle culto.

A fe fai que se lle pida axuda para moitos máis asuntos que o namoramento, e así foi que ante unha epidemia de peste que asolou a bisbarra a mediados do século XVII, contra a que os valedores de sempre, san Roque e san Sebastián, non podían facer nada, pedíronlle axuda á Virxe por medio dunhas danzas que lle ofreceron os do gremio dos zapateiros, e só así puideron liberar á vila e á bisbarra de tan daniño mal.

Dende aquela, durante a procesión, antes de entrar na praza da vila, san Roque e san Sebastián acoden a saudala con unha reverencia para logo acompañala mentres as danzantes lle ofrecen os seus bailes de cintas e palitroques, unhas danzas que ata non hai moitos anos só eran executadas por homes, pero agora son mulleres que, tras o saúdo e as honras na praza, acompañan á Virxe ata o seu santuario, xunto coas santas imaxes dos tradicionais avogosos contra a peste.