martes, 20 de setembro de 2022

A Virxe do Cristal tamén contra a peste

        


            A Virxe do Cristal, cuxa lenda está á vista de todos por medio dos versos de Curros Enrriquez narrando os amores imposibles de Martiño e Rosa,festéxase cada 15 de setembro como protectora dos namorados, pero tamén como avogosa contra a peste, acompañándose cos estandartes de todas as parroquias da bisbarra.

A súa festividade celébrase dende que no ano de 1630, cando un campesiño namorado pero ciumento a atopou, e como aquel cristal cunha imaxe no seu interior cada vez lle pesaba máis tirouno, pero ó día seguinte atopouno a moza con quen se mostrara descortés, quen vendo naquela imaxe o mesmo retrato de Virxe con que ela mesma soñara a noite anterior, levoullo ó cura párroco de Vilanova dos Infantes (Celanova), quen recoñeceu que era o vivo retrato da Nosa Señora, a imaxe máis pequena que existe da Virxe, e dende aquela réndeselle culto.

A fe fai que se lle pida axuda para moitos máis asuntos que o namoramento, e así foi que ante unha epidemia de peste que asolou a bisbarra a mediados do século XVII, contra a que os valedores de sempre, san Roque e san Sebastián, non podían facer nada, pedíronlle axuda á Virxe por medio dunhas danzas que lle ofreceron os do gremio dos zapateiros, e só así puideron liberar á vila e á bisbarra de tan daniño mal.

Dende aquela, durante a procesión, antes de entrar na praza da vila, san Roque e san Sebastián acoden a saudala con unha reverencia para logo acompañala mentres as danzantes lle ofrecen os seus bailes de cintas e palitroques, unhas danzas que ata non hai moitos anos só eran executadas por homes, pero agora son mulleres que, tras o saúdo e as honras na praza, acompañan á Virxe ata o seu santuario, xunto coas santas imaxes dos tradicionais avogosos contra a peste.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario