Amosando publicacións coa etiqueta sociedade e arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sociedade e arte. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de febreiro de 2026

Un Guernica solidario

 

                        


A primeira vez que vin o Guernica foi no Casón del Buen Retiro, protexido por un cristal antibalas e escoltado por policías armados, o que nos facía sentir como se o cadro nos devolvese ós desastres de guerra. Só había un par de anos que chegara a España procedente do MoMa de Nova York, tras corenta e dous anos de exilio. Aterrara en Madrid abordo dun avión de Iberia chamado Lope de Vega, e do que, na actualidade, a súa cabina está exposta no Museo de ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña.

Cando Picasso pintou ese cadro foi para levantar a voz diante do mundo, facendo unha chamada á solidariedade con aquelas persoas que só pretendían vivir e de súpeto encontraron a morte e a destrución sen saír da casa. Era un berro clamando pola paz e pola humanidade.

Lembro que con motivo da chegada do cadro, don Miguel González Garcés, poeta e bibliotecario, dera unha charla explicando polo miúdo o seu significado e as súas vicisitudes; talvez por iso, e porque aínda vivían moitas vítimas da guerra, cando estaba fronte a el era capaz de ler o significado da traxedia que o inspirou, o medo e a dor que se viviu durante aqueles anos de barbarie que agora algúns desmemoriados pretenden desculpar.

Volvín a ver o Guernica varias veces máis, xa no Museo Reina Sofía, para min un dos mellores museos que coñezo, pero xa non era o mesmo, cambiou a posta en escena e parecía que lle faltaba espazo, como se co tempo se borrasen as lembranzas e se eliminasen os  sentimentos.

 Dende aquela primeira vez vin moitas representacións e versións dese cadro, pero talvez a que fixo o alumnado do colexio Galaxia de Ribeira sexa unha desas contadas ocasións en que a emoción aflorou ós ollos, pola actualidade, por como a rapazada soubo amosar a vixencia do sen sentido da guerra, lembrándonos o que non queremos que volva a pasar, enlazando aquela atrocidade de hai case cen anos (fará noventa o vindeiro 26 de abril do 2027), con todas as que estamos vivindo en distintas partes do mundo. Pero máis aínda porque ver os rostros de nenos e nenas con quen nos encontramos a diario, na rúa ou xogando nun parque, no sitio das vítimas, obríganos a pensar como nos sentiríamos se fosen as nosas crianzas quen cada día son bombardeados en Gaza, Ucraína, Somalia ou Etiopía.

Hai uns días, un amigo que hai corenta anos era aprendiz de carpinteiro, contoume que en Escarabote, ó saber dunha familia con problemas de habitabilidade, foron pedir polas casas para mercar a madeira con que repararlle o piso da súa vivenda, nas fins de semana e sen cobrar pola man de obra. Era unha forma de altruísmo coa veciñanza máis próxima, talvez unha forma de solidariedade directa e eficaz. Pero a destes rapaces e rapazas do colexio Galaxia, sen ser unha acción directa (cousa que non está ó seu alcance) tamén é un berro de apoio e adhesión coa dor allea e contra a barbarie, con ese título tan significativo: “Guernica Vivo”, porque aquelas atrocidades seguen vixentes. É o mellor que poden facer para mover conciencias, para que saibamos onde está o mal e o malvado que coma o apocalíptico xinete cabalga desbocado contra a humanidade.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

mércores, 27 de setembro de 2023

O BOISMO DOS PAÍSES EUROPEOS

Por Pepe de Rocaforte

 


Na miña época de estudante de bacharelato había entre os rapaces do meu tempo unha certa afección a coleccionar selos de correos. Eu tamén me dediquei durante algún tempo, de modo moi chapuceiro, a ese pasatempo; por algún recanto da casa aínda debe quedar de mostra un álbum cos restos das estampiñas, a maioría delas as utilizadas no franqueo de correspondencia con xente da familia, amigos, etcétera.

Como xa pode supoñer vostede, eu carecía dun mínimo sentido filatélico e levaba a miña colección ó tun tun, sen criterio ningún, a non ser o de ordenar os selos por países. E moi pouco máis.

Naquel tempo as miñas preferencias inclinábanse polos selos de países centro e suramericanos, de onde chegaban con certa frecuencia cartas de parentes emigrantes. E tamén os de países africanos, naquela época aínda a maioría deles colonias de Inglaterra, Francia e Portugal. Entre estes, uns dos que máis me gustaban eran os de Dahomey, colonia francesa naquel entón.

Pasaría logo moito tempo, esqueceríame da miña colección filatélica e non volvería saber nada de Dahomey. Ata que hai cousa de cinco ou seis anos a miña nora tivo que viaxar a Benín, país centroafricano descoñecido para min, e ó buscalo en google atopeime coa sorpresa de se tratar, en boa parte da súa extensión, do Dahomey da miña adolescencia, agora nación independente.

Nesta ocasión a información máis curiosa que encontrei sobre o país co cal xa me parecía ter unha certa, aínda que limitada, familiaridade, foi a da existencia, no século XIX, dun exército de temibles guerreiras, coñecidas como as “Amazonas de Dahomey”, un corpo militar de elite. E case nada máis.


Transcorreron de novo algúns anos ata volverme encontrar con outras informacións relacionadas con aquela terra. Neste caso chamou a miña atención un artigo de prensa no que se utilizaba un vocábulo do cal non tiña nin a menor idea (cousa que, por outra parte, me sucede a miúdo, como pode vostede ver). Tratábase aquí da palabra “woke”, cuxo significado inicial en inglés vén ser desperto, agudo; pero, por exemplo no artigo de onde saco a información, dise que a palabra pasou a ser utilizada xeralmente, desde unha postura “ideoloxicamente correcta”, por certa esquerda que a considera de maneira un tanto despectiva, como sinónimo de “progre”.

Veño dar a matraca con todo este prefacio para me referir ó contido máis importante, para min, dese artigo periodístico, que foi a información de que máis de mil pezas conmemorativas, a maioría de bronce, procedentes do Palacio Real de Benin e coñecidas como os “Bronces de Benin”, das cales se apropiou en 1897 a Marina Real Británica en represalia pola matanza duns embaixadores ingleses, boa parte delas foi vendida en poxa (ou subhasta) a museos e outras institucións de varios países europeos e americanos. Estas pezas, de gran valor artístico, obra de gravadores da tribo Edo, que as viñan realizando desde o século XIII, son agora reclamadas polo país propietario inicial, sen ata o momento seren atendidas a súas peticións.

Pero (esta paréceme a parte máis significativa do asunto) o museo Etnolóxico de Berlín procedeu a devolver as pezas por el adquiridas para  a súa colección, máis de cincocentas, ó propietario orixinal para que os cidadáns benineses teñan a posibilidade de admirar o labor artístico dos seus antepasados. Mais agora (esta é a parte curiosa do caso), por orden da autoridade competente estas obras pasaron a se instalar inmediatamente no palacio privado do rei Oba Ewuare II, sen que os cidadáns benineses poidan acceder á súa contemplación.

Todo esto deu pé para que moitos africanos progres (ou wokes) ridiculizasen o “boismo”, ou dito en inglés: wokismo, dos países europeos e, particularmente, dos museos alemáns. O cal me fai pensar agora que non estará de máis preguntarlle á miña nora se conserva a factura de compra da fermosa máscara que me trouxo como recordo de Benin, non vaia ser que o goberno de alá me veña despois reclamando a súa devolución.