mércores, 27 de setembro de 2023

O BOISMO DOS PAÍSES EUROPEOS

Por Pepe de Rocaforte

 


Na miña época de estudante de bacharelato había entre os rapaces do meu tempo unha certa afección a coleccionar selos de correos. Eu tamén me dediquei durante algún tempo, de modo moi chapuceiro, a ese pasatempo; por algún recanto da casa aínda debe quedar de mostra un álbum cos restos das estampiñas, a maioría delas as utilizadas no franqueo de correspondencia con xente da familia, amigos, etcétera.

Como xa pode supoñer vostede, eu carecía dun mínimo sentido filatélico e levaba a miña colección ó tun tun, sen criterio ningún, a non ser o de ordenar os selos por países. E moi pouco máis.

Naquel tempo as miñas preferencias inclinábanse polos selos de países centro e suramericanos, de onde chegaban con certa frecuencia cartas de parentes emigrantes. E tamén os de países africanos, naquela época aínda a maioría deles colonias de Inglaterra, Francia e Portugal. Entre estes, uns dos que máis me gustaban eran os de Dahomey, colonia francesa naquel entón.

Pasaría logo moito tempo, esqueceríame da miña colección filatélica e non volvería saber nada de Dahomey. Ata que hai cousa de cinco ou seis anos a miña nora tivo que viaxar a Benín, país centroafricano descoñecido para min, e ó buscalo en google atopeime coa sorpresa de se tratar, en boa parte da súa extensión, do Dahomey da miña adolescencia, agora nación independente.

Nesta ocasión a información máis curiosa que encontrei sobre o país co cal xa me parecía ter unha certa, aínda que limitada, familiaridade, foi a da existencia, no século XIX, dun exército de temibles guerreiras, coñecidas como as “Amazonas de Dahomey”, un corpo militar de elite. E case nada máis.


Transcorreron de novo algúns anos ata volverme encontrar con outras informacións relacionadas con aquela terra. Neste caso chamou a miña atención un artigo de prensa no que se utilizaba un vocábulo do cal non tiña nin a menor idea (cousa que, por outra parte, me sucede a miúdo, como pode vostede ver). Tratábase aquí da palabra “woke”, cuxo significado inicial en inglés vén ser desperto, agudo; pero, por exemplo no artigo de onde saco a información, dise que a palabra pasou a ser utilizada xeralmente, desde unha postura “ideoloxicamente correcta”, por certa esquerda que a considera de maneira un tanto despectiva, como sinónimo de “progre”.

Veño dar a matraca con todo este prefacio para me referir ó contido máis importante, para min, dese artigo periodístico, que foi a información de que máis de mil pezas conmemorativas, a maioría de bronce, procedentes do Palacio Real de Benin e coñecidas como os “Bronces de Benin”, das cales se apropiou en 1897 a Marina Real Británica en represalia pola matanza duns embaixadores ingleses, boa parte delas foi vendida en poxa (ou subhasta) a museos e outras institucións de varios países europeos e americanos. Estas pezas, de gran valor artístico, obra de gravadores da tribo Edo, que as viñan realizando desde o século XIII, son agora reclamadas polo país propietario inicial, sen ata o momento seren atendidas a súas peticións.

Pero (esta paréceme a parte máis significativa do asunto) o museo Etnolóxico de Berlín procedeu a devolver as pezas por el adquiridas para  a súa colección, máis de cincocentas, ó propietario orixinal para que os cidadáns benineses teñan a posibilidade de admirar o labor artístico dos seus antepasados. Mais agora (esta é a parte curiosa do caso), por orden da autoridade competente estas obras pasaron a se instalar inmediatamente no palacio privado do rei Oba Ewuare II, sen que os cidadáns benineses poidan acceder á súa contemplación.

Todo esto deu pé para que moitos africanos progres (ou wokes) ridiculizasen o “boismo”, ou dito en inglés: wokismo, dos países europeos e, particularmente, dos museos alemáns. O cal me fai pensar agora que non estará de máis preguntarlle á miña nora se conserva a factura de compra da fermosa máscara que me trouxo como recordo de Benin, non vaia ser que o goberno de alá me veña despois reclamando a súa devolución.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario