sábado, 15 de setembro de 2018

Cando ser narcisista non é malo



Xa sabedes a historia de Narciso, aquel namorado de si mesmo que de tanto amor que se tiña morreu afogado. Desde aquela, todos os narcisos de adxectivo (que non de nome) foron sinalados como egoístas, insolidarios, presumidos ou vaidosos entre outras moitas cousas.
E este narcisismo despectivo nos varóns, converte en presumidas ás mulleres, e se aquel é rexeitable estoutro ata é estimado. Outra discriminación por sexo que non sei que ten de bo. Aínda así preocupámonos por educar a nenos e nenas lonxe da tentación de orgullo e soberbia que arrastra aquel do mito, a pesares de que logo os metemos en competicións de todo tipo para demostrar que os nosos son os máis guapos e listos da súa quinta, aínda a pesares de que, como bos pais, predicamos ós catro ventos que nada hai máis lonxe das nosas intencións ca provocar a rivalidade de misses e místeres, porque con ela vai implícita a envexa, o egoísmo e o malquerer que queremos arredar dos homes e mulleres do noso relevo xeracional. Pero a verdade é que se o mitolóxico se pasou de ególatra, un pouco de enfeite non queda mal.
Tampouco nos preocupa que os espellos da casa estean enmarcados con frascos e tubos con todo tipo de cremas, que máis que para o aseo persoal serven para fascinar, para executar ese pecado venial de vaidade e presunción sen a advertencia de perigo: “arrédese do alcance dos cativos”, e ata nos fai gracia o neno traxado e engomado ou a nena de beizos emboutados de vermello. ¿Quen non enzoufou a cara imberbe coa escuma de afeitar de seu pai?.

Mais con todos os defectos que lle queiramos ver, o narcisismo, cando non é esaxerado, ata queda ben e pode ser unha virtude, pois ó lado diso que semella pecado de soberbia aparecen eses outros aspectos que converten a autofilia na virtude das persoas abocadas ó éxito social, con seguridade en si mesmos, autoestima e certo afán de superación que as leva a triunfar tanto na escola como no traballo ou na relación de parella. Moitas veces porque tamén saben agochar os fracasos mellor ca ninguén. E así o demostraron na universidade de Belfast tras tomar mostras en distintos países e entre distintas persoas, estudantes sobre todo, entre os que os narcisistas, aínda demostrando que non eran os máis intelixentes do grupo, si foron os máis seguros na hora de resolver algún dos conflitos presentados, chegando a superar a outros que de partida estaban mellor preparados, e todo grazas á súa perseveranza.
Todos coñecemos a alguén así.
E é que, sen confundir ó narcisista co esforzado nin ó teimudo co ególatra, visto polo miúdo, calquera que sexa quen de contemplarse reflexivamente, xa sexa corrixindo engurras ou retocando pensamentos, sempre terá ideas máis sólidas que o descoidado a quen todo lle dá igual, o cal vén sendo o primeiro paso para sentirse seguro, arredar a vergoña e botarlle cara. E iso enténdese que é o secreto que está detrás do éxito. De feito, acaban asegurando os investigadores que lle dedicaron tempo e paciencia a estudiar as virtudes do narcisismo, que se non fose por esa antiga crenza que os sinala como presumidos e presuntuosos, demasiado preocupados dos enfeites e das modas, nos tests de admisión ás distintas facetas da vida, esa tacha sería un valor engadido, dada a forte personalidade con que se engalanan, por non se deixar intimidar doadamente, por non rexeitar os desafíos e aínda por crecerse diante das adversidades.

xoves, 13 de setembro de 2018

O DESMANTELAMENTO DO VERAO


Por Pepe de Rocaforte
  
    

            Hai uns días sorprendeume un amigo con quen estaba de conversa ó me dicir que xa había tempo que non nos reuniamos con Xabier Docampo, con quen tomabamos algún café de vez en cando. “A ver se o chamamos e quedamos para un día destes”, díxome. “¿Pero non sabes que Xabier morreu xa van alá dous meses?”, estrañeime. E non, non soubera nada de nada.


            Ós que estamos no “rollo” este da cultura galega e os seus arredores resúltanos estraño que a alguén por aquí lle pase desapercibida a morte dunha persoa como Xabier Puente Docampo; pero haivos moita xente que se move noutros mundos afastados do noso, aínda dentro deste pequeno mundiño ó cal algúns chamamos Galicia e outros Galiza.
            Parece que non nos decatamos, ou non queremos decatarnos, da existencia doutra xente, tanto aquí como en Bahawalpur, por nomear o primeiro lugar exótico que me ven á cabeza, que vive noutros mundiños, igual de pechados que o noso, pero dos cales os seus ocupantes pensan que se trata do único mundo real que nos envolve a todos.
            Enlazo agora con outro tema:
A fins do mes pasado daba por rematado o verao, cuxo final se concreta no meu caso no desmantelamento das casetas que nos paseos dos xardíns do Recheo lle dan outro aire á Coruña coas feiras do “comic”  e do Libro, novo e vello. E pensaba que a todo o mundo, o que desde a miña estreita concepción consideraba todo o mundo, lle debía suceder máis ou menos o mesmo que a min.
            Pero coma no caso do amigo que non tivera noticia da morte do seu amigo Xabier Docampo, residente ademais na mesma cidade,  o outro día, nunha sección dun xornal coruñés onde a diario se interroga a diferentes persoas sobre un determinado tema, á pregunta de que opinión lle merecían as Festas de María Pita, había quen dicía que, vaia, non estaban mal, pero había cousas que xa compría pensar en ir cambiando, como por exemplo eso das Feira do Libro, todos os anos sempre o mesmo, sempre o mesmo. ¿Non se lle ocorrería os organizadores das festas algunha outra cousa mellor?
     


            Acabo de escribir esto e lémbrome de que hai máis ou menos un ano tamén se me ocorreu escribir unhas palabras sobre a Feira do Libro e sorpréndome de que o enfoque que lle dei a aquel comentario foi moi parecido ó deste opinante actual. ¿Cambiei eu desde entón de maneira de pensar ou será tan só unha cuestión de matices? Non o sei, pero ese pensamento tráeme á memoria un poema de Jaime Vaello que di: “xa non son no ser que era no vrao”.
¿Teñen vostedes observado en si mesmos algunha vez a mesma impresión de non ser a mesma persoa que era uns meses atrás? ¿Cantos seres distintos seremos, ó mellor sen nos decatar, a medida que pasa para nós o tempo?