sábado, 10 de xullo de 2021

A largueza da memoria

           

  

Di Xulio que hai distintas formas de megalomanía, uns porque xa son grandes en por si e outros porque queren selo, uns contratando biógrafos que os estiren e outros repartindo estatuas e placas por rúas e corredoiras. O asunto é permanecer na memoria dos vivos canto máis tempo mellor, porque se ben todo acaba por morrer sempre procuramos alongar a nosa presencia o máis posible, ata que os netos se esquezan de levar flores ó camposanto, cando os descendentes xa non saiban quen era ese ocupante do nicho e ha de deixarlle sitio a posteriores xeracións. E todos coñecemos a historia dalgún finado que volveu do outro mundo para renovar a memoria dos esquecedizos.

Ó lado de quen se retrata con armiño e cabalo, hai quen borra fotos e quen inventa historias máis ou menos noveladas para denigrar ó contrincante e enxalzarse el baixo esa premisa de “ti fala que algo queda”.

Xa sexan murmurios de rueiro ou letra impresa, as mentiras máis grandes que soportamos son os libros de memorias, as biografías e os panexíricos de homenaxe. E non porque non conten a verdade, senón porque agochan unha boa parte dela. Imaxinamos o mal que o pasaron os cristiáns segundo as haxiografías que os devotos monxes medievais nos ofreceron e o malos que eran todos os outros, e ó cabo dos anos viñemos saber que nin todos os santos están no ceo nin todos os outros no inferno. E todo isto grazas a que quen plasmou as súas vidas esqueceuse de contar algo, a que algún outro escribiu sen tanta afección e apego ou que non lle queimaron os escritos. Moitos dos textos de historia teñen ese valor engadido de ser un compendio de adiviñas para historiadores escépticos.

E así como a historia está chea de pintores de cámara e choronas de velorio, aquí mesmo e na actualidade, sen saír deste pel de touro que nos soporta, todos os dirixentes tiveron a alguén que se esmerou en adornar a súa biografía. Vítimas, todos eles, desa especie de medo ó anonimato despois de pechada a tapa do cadaleito.

Lembraba isto Xulio falando do seu medio homónimo Xulio César, de quen os seus sucesores se encargaron de eternizalo como un xeneral vitorioso, un amante vigoroso e un alma traizoada polas forzas do mal, incluso loando a destrución da República que el executou erixíndose en Ditador perpetuo. O malo é que o seu exemplo deulle pé a moitos outros dirixentes ó largo da historia para entrar no senado polas boas e argallar un trono vitalicio polas malas.


Tan exemplar foi César que, moitos séculos máis tarde, Luís Napoleón, sobriño neto do outro Napoleón, tamén accedeu a gobernar a República francesa por medios lexítimos, pero na volta de catro anos, tras convencer a uns e outros de que só el era quen defendía a democracia, deu un golpe de estado e converteuse no emperador Napoleón III. E por se alguén dubidaba do seu ben facer, tamén escribiu a súa particular historia de Xulio César, que dalgún xeito lle servía para xustificarse, mentres presumía do seu amor patrio. E por se o papel podrecía cos anos, aínda mandou erixir unha monumental estatua dedicada ó heroe galo Vercingetorix, que se pode ver en Alise-Sainte-Reine, cun enorme parecido ó propio emperador en sólido e imperecedoiro bronce.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

mércores, 7 de xullo de 2021

VACACIÓNS ACCIDENTADAS


Por Pepe de Rocaforte

 

        


   

            Unha ollada en internet para curiosear o que sucede no mundo cultural portugués levoume a ver a información da publicación, no pasado ano 2020, do libro “Artistas, Artesãs, Pioneiras”, de María Antonia Fiadeiro, o que me trouxo á memoria as circunstancias en que coñecín á autora alá a mediados dos pasados anos oitenta.

            Non lembro con exactitude a data, só que se trataba da véspera dun día festivo. Aquela tarde daba unha volta polos Catro Camiños e ocorréuseme facerlle unha visita a Pepe Fernández Ferreiro, que traballaba na Voz de Galicia, daquela na rúa de Concepción Arenal. Subín á redacción e vino de conversa cun home e unha muller para min descoñecidos, polo cal decidín esperar a que ficase libre; pero el veume e chamou por min: “Ven acá, ho. Vouche pedir unha axuda”, e presentoume a María Antonia Fiadeiro e Antonio Viana, xornalistas portugueses de vacacións en Galicia, que acababan de sufrir un percance na autoestrada de Santiago á Coruña.

            Unha vez posto ó tanto do problema que se lle presentaba, saín con eles e acompañeinos á estación do ferrocarril, onde ían preguntar os horarios de tren en dirección a Portugal e, de camiño, Antonio, cun admirable sentido do humor, foime informando do seu problema.

            Tratábase do seguinte: cando ían máis ou menos pola altura do Mesón do Bento, o seu “Dous cabalos” deixou de galopar. Arrimárono como puideron á beiravía e Antonio tratou de lle quitar importancia ó caso: «Non te preocupes, muller. Estamos en España, país adiantado, verás o rápido e ben que se arranxa a cousa. Olla: alí adiante temos un teléfono para pedir axuda. Vou chamar».

            Chamou ó telefono e pouco despois presentouse un coche-grúa do servicio da autoestrada. O mecánico que o traía botoulle unha ollada ó motor e a avería pareceulle un pouco grave. «Se lle parece ben a vostedes, remólcoos ós talleres para que llo arranxen alí, porque eu aquí non o podo facer». Aceptaron e no taller ó lado da área de peaxe de Guísamo déronlle un presuposto que os deixou fríos. O prezo non lle pareceu aceptable para reparar un coche xa bastante vello. Falaron co  mecánico do coche-grúa para que os sacase da alí e o home, entón, informounos dun taller en Betanzos cuns prezos máis asequibles que os do servicio da autoestrada. Se querían, Betanzos estaba preto e el podíaos levar alí. Home e muller miráronse, encolleron os ombros e aceptaron.

            Mais, aínda que en Betanzos o prezo que lle deron era, efectivamente, máis barato, seguía parecéndolle caro de máis. Decidiron entón vir á Coruña, onde tiñan reservado cuarto nun hotel na rúa de Juana de Vega, e deixar en Betanzos o “Dous cabalos” a reparar. Foron buscar un taxi e o taxista resultou ser portugués. Naturalmente contáronlle o seu problema, ó cal o home, naturalmente, lle repetiu unha historia que xa lle parecía estaren oíndo por triplicado. El sabía dun taller bo e moi barato. Miráronse outra vez Antonio e María Antonia e outra vez volveron encoller os ombros: só por preguntar non ían deixar a cousa así. Foron co taxista ó novo taller e alí déronlle un prezo razoable. Aceptaron e viñeron á Coruña onde, despois de deixaren a equipaxe no hotel, foron ó caixeiro automático dun banco nos Cantóns para sacar efectivo ¡e quen che di a ti que a maquina papoulle a tarxeta de crédito e alí os deixou á lúa de Valencia!.

            Entrando na cidade viran o cartel luminoso do xornal La Voz de Galicia e decidiron achegarse alí para, como compañeiros de profesión, solicitar dos seus colegas galegos un préstamo en efectivo a devolver tan pronto como resolvesen o problema coa tarxeta. Alí rascaron os petos entre uns e outros, eu tamén aportei a miña colaboración, e logo acompañeinos á estación de Santiago para sacar un billete a Valença, onde Antonio se achegaría ás oficinas do seu banco para sacar diñeiro, mentres María Antonia ficaba á súa espera na Coruña.

            Finalmente todo se arranxou o máis felizmente posible e uns cantos días despois recibiría eu un paquete con dous libros, “Fernando Pessoa, Coração de Ninguem” e “Fernando Pessoa, Hóspede e Peregrino”, acompañados dunha carta na que María Antonia e Antonio me explicaban que, por causa das leis que daquela en Portugal prohibían enviar ó estranxeiro transferencias por importe superior a 5000 escudos, tardarían un pouco máis do desexable en devolver o diñeiro recibido dos redactores da Voz e de min, cousa que farían pouco despois xa non lembro por que medio.

            Postdata. Na ollada que hoxe lle botei as cousas de Portugal, tamén vin que os días 8, 9 e 10 do pasado mes de marzo estivo no Centro Ágora da Coruña, o bailarín João Fiadeiro dando un cursiño de “Composición en tempo real”. Non puiden coñecelo cando estiven en Lisboa na casa da súa nai e tamén, por falta de preocupación, quedei sen o coñecer desta vez. Pero algún día será.