sábado, 22 de marzo de 2025

O despoboamento do rural

 


A primeira vez que me ensinaron un forno comunal foi no sur de Ourense, onde cada veciño tiña asignado un día para cocer, e non faltaba quen, á calor do cocedura, compartía parladoiro, pero agora o panadeiro vén polas portas e esas construcións vanse derrubando co paso dos anos. Mais en Vilar de Santos, un concello con menos de oitocentos habitantes, tiveron a boa idea de reconverter un destes fornos nunha  especie de centro recreativo onde, se ben xa non se coce o pan, está acondicionado para que a xente se xunte a botar unhas paroladas.

O peor da despoboación do rural vén antes de que os veciños empecen a abandonar as súas casas. Empeza cando os negocios pechan porque sen xente non hai beneficio, e entón, os que quedan, para facer a compra teñen que coller o coche e ir, ás veces, a máis de dez quilómetros de distancia. Súmeselle a iso que a maioría dos que quedan nesas aldeas son persoas de idade, e a farmacia máis próxima está nalgunha vila afastada por camiños mal acondicionados. Hai máis de quince anos, o escritor Xosé Fernández Ferreiro tenme contado que, cando visitaba a súa aldea de Espartedo, en Nogueira de Ramuín, sempre había algún veciño que aproveitaba para pedirlle o favor de que o levase á farmacia, ó médico ou a calquera outro recado, incluso para mercar unha camisa ou unhas tesoiras de podar.

O primeiro de que se priva ás aldeas é de servizos tan elementais como o banco, o médico, unha gasolineira ou, máis modernamente, de medios de comunicación tan comúns e necesarios na actualidade como é a fibra óptica, como nesas aldeas de Boiro que, pasando a instalación a menos dun quilómetro, no chega ás súas casas, e vense limitados, incluso, para enviar un simple correo electrónico, pois para facelo acabarán collendo o coche a fin de achegarse a algunha vila próxima co portátil ó lombo.


Quitar servizos é quitar dereitos, e centralizar eses servizos nas grandes vilas  é o que provoca ese despoboamento que cada día vai a máis, tanto no interior como aquí, na costa. Se é triste ver unha aldea abandonada, cos teitos caídos e, no que algún día debeu ser unha habitación matrimonial, atopar un berce podrecendo, máis o é saber que na volta de poucos anos, moitos destes lugares serán as novas ruínas castrexas dos nosos netos, se non se lle pon remedio potenciando ou facilitando o asentamento de negocios e servizos de proximidade. Aquí mesmo, nas nosas parroquias mariñeiras, se saímos dos grandes núcleos, ¿canta xente hai polas rúas unha tarde de inverno?, mentres que nos dous meses de verán a sobre poboación fai circular ringleiras de autos cara as capitais de municipio para abastecerse.

Os avisos do despoboamento do rural están aí, porque os mozos só poden realizarse en oficinas e talleres da capital ou de grandes vilas, e loitar contra iso non é doado. Neste mesmo periódico lemos como en lugares do interior, algúns concellos decidiron facerse cargo de servizos tan básicos como unha gasolineira ou un supermercado, para que os veciños non teñan que desprazarse varios quilómetros; ou como tratan de recuperar negocios tal unhas plantacións, gandaría ou algunha piscifactoría que atraía man de obra moza, poboación estábel e esperanza de futuro.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

sábado, 15 de marzo de 2025

Entre a chochería e a charlatanería

 

  Supoño que non son o único que se sente abafado por tanta leria de oradores que un día din arre e outro so, que por facer valer os seus disparates acusan, sinalan e se é necesario menten descaradamente, baixo aquilo de ti di que algo queda. E o peor é que ata non se poñen vermellos cando alguén con autoridade documental lles mete o dedo no ollo. Outros pecan de inocentes, pero as súas palabras teñen o peso do que eles representan.

Hai uns meses, o Papa opinou con expresións de macho trasnoitado que nos seminarios había moito mariconeo e alguén no noso parladoiro dos xoves dixo que estaba chocheando; porque non é propio del o uso de palabra tan fea, acusadora e impropia dun Sumo Pontífice. Sexa ou non certo o que no fondo pensase, a maioría entendeu unha maneira de pedir perdón polos incontrolados abusos dentro dos centros eclesiásticos, dos que se nos vén informando con demasiada frecuencia. Uns días máis tarde, a prensa fíxose eco doutra ocorrencia saída da santa lingua, proclamando que a cháchara é cousa das mulleres, e máis aló do que nos parecesen as súas afirmacións, máis propias dun misóxino, os portavoces do Vaticano apuraron a desculpalo dicindo que como non coñece ben o italiano, meteu a pata sen decatarse, usando palabras con significado enganoso. É o malo de quen castrapea moitos idiomas, que pode confundir eses falsos amigos que din os lingüistas e que todos metemos de cando en vez cando chapurreamos no estranxeiro. Pero claro, o peso dunha frase é directamente proporcional á autoridade de quen a diga, e falou o Sumo Pontífice. E falar por falar é unha das maiores imprudencias que comete quen non sabe por punto en boca, sobre todo cando se senteinfalíbel.

O Papa non é o único que bota a boca a pacer. Paseando por una das nosas vilas alguén sinalou a un grupiño de señoras e preguntouse a quen estarían poñendo a parir. Uns pasos máis adiante estaban uns señores e a ninguén se lle ocorreu facer a mesma pregunta.

Andar de leria é o que se dá entre toda clase de líderes cando se esforzan por aparecer nos medios facéndose notar, ou cando nós mesmos, en parladoiros con amigos, abrimos polémicas insubstanciais en que, por facer valer unha opinión acabamos difamando sen probas. E ninguén nos di que chocheamos, porque chochear é a desculpa benévola contra ideas e opinións non compartidas, xeralmente dos nosos maiores. 

 

O mesmo Santo Padre, uns anos antes de acusar ás mulleres de charlatanas, dixo nunha homilía que a cháchara é unha actitude asasina, entendendo como tal esa crítica desapiadada rozando o falso testemuño e o descrédito. E algo de certo hai, se temos en conta que ademais da morte física tamén está a morte social, esa pola que calquera andrómena pode condenar a unha persoa ó ostracismo.

De calquera xeito, eses discursos improvisados, tratando de agochar unha frase de dubidosa interpretación, son, moitas veces, a man que levanta a careta para intuír a verdadeira intención e o sentimento do orador. Unhas veces cabreándonos e outras desculpándoo como que está chocho; esa expresión coa que pretendemos quitarlle ferro ás ocorrencias sen graza de alguén a quen non queremos culpar de todo.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).