xoves, 29 de agosto de 2019

MENTRES A CIDADE DORME


Por Pepe de Rocaforte
¿Que farían vostedes despois de ler unha novela con parágrafos de tan primorosa feitura coma este?: “A agulla suca os negros mares de vinilo na súa travesía cíclica, nese percorrido calmo sobre as ondas da música. A cada xiro que dá, coincide tan preto e tan lonxe do seu punto de partida que xa esqueceu se segue a ser ela mesma ou se non é máis ca un vulgar reflexo esvaído do que foi”.
Non paga a pena continuar. Só resta pechar o libro e lamentar que a literatura publicada maioritariamente a día de hoxe en Galicia teña unha “calidade de páxina” tan excepcional que bote para atrás a quen busca algo máis que innecesarias restes de palabras exquisitas que tratan de te seducir coa súa vacuidade primorosa.
Entón, para desintoxicarte, colles unha daquelas noveliñas de quiosco da Editorial Cíes ou da Editorial Rollan, da colección “Rodeo” ou da colección “F.B.I.”, de M.L. Estefanía ou de Silver Kane, que se len en dúas patadas e se esquecen noutras dúas e ficas listo para reiniciar, con outros títulos e autores, o desfrute da lectura.
Desta volta botei man de “Mientras la ciudad duerme”, de Eddie Thorne. O título, fusilado dun éxito comercial de Frank Yerby, norteamericano afincado en España, xa daba indicios de por onde ía circular a narración. Pero a medida que lía descubría unha soltura na redacción e no desenvolvemento da trama, por outra parte absolutamente previsible, que me fixo buscar en internet o nome do escritor oculto detrás dese Eddie Thorne evidentemente tan falso coma un euro de madeira.
Así descubrín algo que non é sorpresa ningunha. Neste blog toquei nalgunha ocasión o tema da literatura de quiosco dos anos corenta, cincuenta e sesenta do século pasado e dos autores, xeralmente represaliados despois da guerra de 1936-39, que trataban de sobrevivir como fose á dura época que lle tocou vivir. E daba o exemplo de Francisco González Ledesma, Premio Planeta en 1984 con “Crónica sentimental en rojo” e Premio de Novela Negra en 2007 con “Una novela de Barrio”, quen escribiu centos de novelas de vaqueiros co nome de Silver Kane.

O pseudónimo de Eddie Thorne oculta o nome do xornalista Eduardo de Guzmán Espinosa, quen, rematada a guerra, en Alicante, desde onde esperaba fuxir a Francia, foi apresado e condenado a morte en xuízo sumarísimo en xaneiro de 1940. Compañeiro de prisión de Miguel Hernández no cárcere de Yeserías, en 1943 tivo a fortuna de ser amnistiado e saír en liberdade condicional, prohibíndoselle por sentencia o exercicio do periodismo.
A partir de entón gañou o pan con traducións, artigos e reportaxes publicados con nome falso. En 1951, acusado de espionaxe, pasou outro ano no cárcere de Oviedo. Recobrada a liberdade (é un dicir) púxose a escribir, con pseudónimo, novelas policiais e do oeste, sen máis pretensións que a de levar uns cartos ó peto, chegando a publicar máis de catrocentas, unha das cales é esta que acabo de ler.

luns, 26 de agosto de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (33)



O Curmán de Undochán

A Liga Federal, integrada por 5 provincias arxentinas
(ocidentais) e a P. Oriental (do Uruguai)
 
   Certo embaixador arxentino (kirschnerista) no Uruguai, de apelido (galego) Patiño déu en reparar e publicitar a coincidencia de “los tres Pepes” eminentes do país nordplatense: D. Pepe Artigas, D. Pepe Batlle e máis “el Pepe” Mujica... co conseguinte escándalo da oposición ao goberno deste último. Claro que respecto de “el Pepe” lle faltaba ao diplomático sudplatense o que se dá en definir como a necesaria perspectiva histórica.
O primeiro don Pepe, José Artigas, do século XIX (1764-1850), de abó aragonés -que formara no grupo porteño que, xunto co grupo canario, fundou Montevideo- resultou un señorito desclasado, ao se mergullar na difícil vida do campo, en convivencia con feros indíxenas e contrabandistas de gando, ata se integrar no corpo militar de campaña. Isto fogueouno ao tempo que lle déu un grande coñecemento da idiosincrasia popular.

      Co tempo e a axuda ou non dos (futuros) arxentinos -daquela (1814) todos un cos orientales (futuros) uruguaios- contribuiu á expulsión dos españois europeos deste seu último reduto rioplatense -desde 1810 xa borrados de Buenos Aires. En fulgurante carreira, Artigas pasou a ser o caudillo destes orientales, adaíl do federalismo contra o centralismo ou unitarismo porteño, ata o punto de se lle pregar varias provincias arxentinas a formaren a efémera Liga Federal, con el como Protector de los Pueblos Libres e cunha curta gobernación da propia Banda Oriental.
Non o soportaron os de B. Aires que, en alianza cos portugueses do Brasil, deron con el no chan e nun exilio (no Paraguai xa autónomo) no que acabaría os seus días... trinta anos despóis, sen ter máis nunca intervido na política dun país que el non quixera independente, mais si a facer parte dunha federación platense co mesmo Paraguai: un soño de adiantado, como a sua sensibilidade republicana e case socialista. (Pouco máis tarde, o Uruguai sería liberado polos que foran nun tempo os seus tenentes: o derrotado asistiu desde lonxe ao triunfo dun nacionalismo por el mesmo fomentado).
Unha das bandeiras artiguistas
e a do partido político Frente Amplio,
a xogaren coas mesmas cores

Recolleu moita desta filosofía humanista don Pepe Batlle (1856-1929), neto de catalán, fillo de presidente e el mesmo presidente, polo Partido Colorado (ver Crónicas 26) dunha República a navegar en solitario a comezos do XX, impelindo unha lexislación cun claro sotaque socialdemócrata, marcando a temperá singularidade deste pequeno país no mundo, que o eurocentrismo alcumou de Suiza de América. Xigantesca foi a obra batllista transformando para sempre esta nación sulamericana (ver Crónicas 25).
No último tercio do século pasado, o país xa era outro, lonxe daquel tempo de vacas grosas. En paz desde 1904 (derradeira revolución do Partido Blanco, esta contra Batlle), tornou a saber o que era guerra, esa guerrilla urbana de certa esquerda guevarista (o MLN-tupamaros), enfrontada á opinión do propio Che, que desaconsellara tal método para o Uruguai, finalmente derrotada e seguida dunha ditadura militar, que, alén da brutal represión, acabou por arruinar de todo a feble economía uruguaia. Durante os trece anos que durou, o núcleo duro dos tupas estivo preso nun réxime especialmente inhumano.
Un deses guerrilleiros escolleitos foi “el Pepe” Mujica (nado en 1935, bisneto de basco), chegado a presidente da República da man da histórica coalición (de 1971) Frente Amplio, de reclamadas raíces artiguistas, que tentou aplicar o seu ideario sen dalo feito en moita medida. Iso si, alcanzou unha sona mundial polo seu humanismo de mandatario máis que austero e defensor en todos os foros da felicidade como primeiro dereito humano e condición sine qua non dunha verdadeira democracia: ningún uruguaio antes (agás Carlos Gardel, ainda disputado polos arxentinos como francés de nación) chegou a ser tan popular neste mundo globalizado para ben e para mal.

Frase extemporánea (doutro socialista uruguaio): “Sombras gloriosas de Concepción Arenal, Curros Enríquez y Rosalía de Castro: la primera tuvo el corazón en el genio y los segundos tuvieron el genio en el corazón. Por ellos tres Galicia es también un poco la patria de muchos que no somos gallegos.” (Emilio Frugoni, 1925) .

xoves, 22 de agosto de 2019

Á BEIRA DO LAGO



Por Pepe de Rocaforte
Hai anos o lago de Como exercía sobre min unha atracción que lle achacaba sobre todo á lectura de “Rafael”, a novela de Alphonse de Lamartine, para min un dos puntos culminantes da narrativa do Romanticismo, con cuxa lectura tanto gocei na miña adolescencia.
Falando hai pouco cunha guía de turismo daquela zona da Padania estrañoume o seu descoñecemento da novela de Lamartine, cando nela se pintaba con tanto amor, e ata se lle concedía un papel de case protagonista, ó lago onde ela guiaba as visitas de tantos turistas.
A estrañeza diante deste descoñecemento por parte da guía fíxome ler unha vez máis “Rafael” e descubrir, despois de tantos anos, a miña equivocación: a boa señora non podía relacionar Como co libro do autor francés porque o lugar onde viven a súa historia amorosa Rafael e Xulia, aínda que non moi lonxe xeograficamente, atópase en Francia, na Savoia, non na Lombardía de Italia. Non é no Lago de Como, senón no de Bourget, ou de Aix-les-Bains, onde con toda claridade se sitúa a historia, en grande medida autobiográfica, daquela relación infeliz.

De calquera xeito debo agradecer a este erro o volver ler agora “Rafael”. Aínda que a historia daquel amor imposible resulte difícil de comprender para o lector actual, non deixa de me parecer proveitosa a súa lectura. Entre outras cousas, a min váleme para me decatar da procedencia dunha miña opinión sobre a importancia da paisaxe na obra literaria. Di Lamartine: “Prescindide dos cantís de Bretaña, en “René”; das sabanas do deserto, en “Atala”; das brumas de Suabia, en “Werther”; das ondas bébedas de sol e a tristeza das paraxes abrasadas, en “Paulo e Virxinia”, e non comprenderedes a Chateaubriand, nin a Goethe, nin a Bernardin de Saint-Pierre.” Logo, algúns capítulos máis adiante contrapesa esa afirmación con esta outra: “Unha paisaxe non é outra cousa que un home ou unha muller. ¿Que é Vaucluse sen Petrarca? ¿Que é Sorrento sen o Tasso? ¿Que é Sicilia sen Teócrito?; o Paracleto sen Eloísa; Annecy sen madame de Warens; Chambery sen Jean-Jacques Rosseau? Ceu sen luz, voz sen eco, lugares sen almas. O home non anima soamente ó home, senón á Natureza enteira.”
Agora, para rematar co Lago de Como, pero con outra música, citarei unha novela do ano 1983 que cando foi publicada lle valeu ó seu autor, Ramón Luís Chao, unha certa animadversión por parte dalgúns sectores sociais da vila de Vilalba. A novela sería editada posteriormente en galego por Edicións Xerais, en 2004, cando xa a esas alturas as malquerenzas na localidade natal debían estar esquecidas, anque só fose polo contrapeso dos éxitos musicais de Manu Chao, fillo do autor.
Por certo, o título da obra de Ramón Chao, “O lago de Como”, non se refire ó lugar xeográfico, senón á peza musical dunha descoñecida Giselle Galos, que o rapaz protagonista da novela, trasunto do propio autor, se vía obrigado a interpretar, moi a pesar seu, para exhibir a súa habelencia pianística cada vez que se recibían visitas de xente de certo status na casa paterna.


luns, 19 de agosto de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (32)



O Curmán de Undochán

      En falando de vellas pedras neste país, non podemos soslaiar as tres grandes fortalezas subsistentes, ben que sexa en grande parte reconstruídas no século pasado, a exemplo desa Santillana cántabra, con criterio oposto ao de, verbigracia, os italianos, que adoitan respeitar moito as ruínas e por non restar xenuinidade, evitan, no posíbel, reconstruir, so pena de caer no pastiche
       A fortaleza mais cercana de nós, no tempo e no espazo, é a do Cerro montevideano (ver Crónicas 2). Mais, derrubada a cidadela, como se fixo coa muralla coruñesa, na XIX centuria, restan outras duas, ambas no leste e no departamento de Rocha (atentos a este topónimo orixinado nuns faeneiros luso-porteños, a xente ignorando o seu equivalente español Roca), testemuñas da resistencia colonial do hispano perante o luso: Santa Teresa (esquerda, hoxe lugar de ocio co seu fermoso parque) e San Miguel (dereita), este considerado simple fortín, case no límite co Brasil.
A de Montevideo
      Mais tamén están as Bóvedas montevideanas, resto moi arruinado da santabárbara española.(Coa porta da cidadela pasou o que co pórtico coruñés de Santo André, trasladada a outra zona da cidade, mais, co tempo, reinstalada aquela no seu lugar primitivo, na entrada da Ciudad Vieja).
      Ora, hai unha vellísima pedra que pasa desapercibida, erguéndose na fachada da moderna faculdade de Arquitectura, unha coluna romano-alxeriana que o goberno francés doara (1938), procedente de Djémila. (Naquel período, mesmo Italia doou varias estatuas a Montevideo, as mais espectaculares: Il Colleoni -por Verrocchio, de Venezia-, Il Gattamelata -por Donatello, de Padova- e o Davide -por Michelangelo, de Firenze-, todas tres reproducidas en bronce, esta a presidir o palacio municipal... doacións hoxe impensábeis).
A de Barcelona
      Outra, esta contemporánea, da que ninguén ten aquí noticia cabal, évos a farola-fonte porcedente dunha das ramblas barcelonesas, que, resituada recentemente no adro do Mercado del Puerto (un dos pontos turísticos) fora doada (1988) polo presidente Pujol, como compensación pola repatriación dos restos de Margarita Xirgu (1888-1969), que na sua casa do Leste morrera, despóis dun froitoso maxisterio de vinte anos, nos que formou importantes representantes do prestixioso teatro uruguaio (entre os cales, dito como simple anécdota, “el Gayego Félix”, segundo era coñecido na sua adolescencia montevideana o futuro Sancho Gracia). 
      (Esta bela peza da arte catalá non ten indicación algunha da sua singular procedencia, por certo non funcionando na sua parcela de fonte). A propósito de Xirgu, é memorábel a coincidencia en Montevideo coa nosa María Casares, cando, formando no elenco do Théâtre National Populaire, visitou esta capital (1957).

Dato extemporáneo: En 2008 o cineasta compostelán Pablo Iglesias Rendo estreouse co film Pedro e o capitán, versión galega da obra do uruguaio Mario Benedetti.


xoves, 15 de agosto de 2019

LUME NOS CUMES


Por Pepe de Rocaforte
O incendio que asolou ó longo destes días pasados os cumes de Gran Canaria fíxome lembrar unha excursión feita cun grupo de amigos de Telde ó Parque Natural de Tamadaba, no extremo occidental da illa, hai xa dezasete anos.
A visión na tele dos piñeiros convertidos polo lume en negros tizóns entre as penedas grises tráeme á memoria algúns detalles daquela excursión dun fin de semana do mes de marzo do ano 2002, empezando pola primeira parada ó pe da Cruz de Tejeda para abarcar a extensión de verdor en descenso cara un mar, aínda azul claro a primeira hora da mañá, sobre o cal se elevaba ó lonxe o pico do Teide, recortado con nitidez contra o ceu no centro da illa de Tenerife, case esvaída aínda na bruma matinal.
Seguindo camiño para Artenara, onde iamos tomar un piscolabis e visitar a ermida de “La Virgen de la Cuevita”, a patroa dos ciclistas, chamoume a atención un cartel indicador que, entre varias direccións, sinalaba o desvío a Coruña. Daquela non seguín esa dirección, pero volvín máis adiante, levado pola curiosidade de ver como sería a localidade con ese nome.
En realidade o lugar pouco máis era que catro casas á beira da estrada. Un vello con quen parei a falar, contestando á miña pregunta sobre o nome da localidade, díxome que non sabía porque llo puxeran. “Cando eu nacín xa se chamaba así”, respondeume. Tempo andado o señor Google explicaríame que, no ano 1545, un colono chamado “García de La Coruña”, criador de gando, dirixira unha petición ó gobernador Alonso del Corral solicitando dez fanegas de terra de sementeira no barranco da vila de Santiago de Gáldar. É de supoñer que el mesmo lle poría ó sitio o nome da súa cidade de orixe. Tamén puiden saber que con este apelido Coruña seica hai actualmente 560 persoas, das cales 332 residen en Gran Canaria.
Pero volvendo a aquela excursión do ano 2002, debo rematar contando que logo dun longo e feliz día pasado baixo a sombra dos piñeiros, co silencio a penas alterado polo borboriño dun vento suave entre o arboredo, á tardiña, de regreso de Tamadaba, despois de pasar o día enteiro sen cobertura no móbil, vin dúas chamadas perdidas do meu fillo. Chameino para ver o que lle podía ter pasado e informoume da morte, o día anterior, de Carlos Casares.


luns, 12 de agosto de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (31)



                        O Curmán de Undochán

 
   Comunidade que vence a outra tenta lle impor o seu selo, máis ou menos intelixentemente, máis ou menos violentamente. Tal fixeron, un tras do outro, todos os imperios que no mundo “han sido”. E tamén as relixións, estas con maior fanatismo, se repararmos en que se rexen por un dogma. Sabemos como a igrexa católica adoptou e adaptou certas pautas dos cultos anteriores en pende que xeografías ou momentos. Así, na Galiza, disque foron cristianizadas en cruceiros as pedras sagras dos aboríxenes... e alí onde houbera un castro se instalou un templo ou un cenobio, sempre procurando erguerse no alto, na atalaia da contorna.
    Como reacción a este proceder milenario, como que desmontándoo e ao tempo utilizando criterios semellantes, no Uruguai de comezos do XX (que, xa no XIX, retirara os santos do nomenclátor urbano) houbo un intento de secularizar o calendario de vella raigame española, europea en fin. Abreviando: mantivéronse certas datas relixiosas, as máis arraigadas, renomeándoas con nomenclatura cívica. Así: Dia de los Niños (Reis), Día de la Familia (Nadal), Día de las Playas (“aunque Vd. no lo crea”, a Inmaculada, pois era a esa altura do 8 de decembro cando soía arrincar a temporada praieira) ou Semana de Turismo (Semana Santa), esta con absoluto realismo, e que ven sendo a única denominación subsistente, tal a forza ou peso do calendario católico no país máis laico das Américas.
    (Aclaremos que Difuntos tamén é feriado, mais non sustituído polos Santos do día precedente, como se acostuma aí. Iso si, desapareceron, naquelas datas, todas as festas do santoral hispano -Santa María, San José, el Pilar, Santiago...-.. e, por suposto, todo isto convivindo cos días patrios -19-IV, 18-V, 19-VI, 18-VII, 25-VIII, 12-X-, non todos feriados -este 18 de xullo, que lle dá nome á principal via montevideana, como dia da primeira Constitución, a de 1830, non ten nada que ver con aqueloutro 18 de xullo español!)... sen esquecer os universais 01-I e 01-V.
    A propósito do 25 de xullo, vai aquí a ilustración da noticia que déramos na Crónica 10, acerca da iniciativa dos fillos de galegos de Montevideo.
    Por certo, sabíades que a bandera de la Raza (1932) -hoxe tamén desaparecidas esa festa da raza como tal e esa bandeira- se debe ao uruguaio de orixe astur, Cap. Ángel Camblor (1899-1969)?... cuxos fillos chamáronse: Cuautémoc Méjico, Liropeya Aconcagua, Yuquerí Argentina, Guáscar, Xoxhitl e Bolivia Guayaquil... segundo se nos informa en google... e vaia como curiosidade. (Na citada Crónica 10 atribuímos, indebidamente, a Camblor a idea do Día de la Raza, cando só inventou a bandeira).

Dato extravagante: Outro capitán, tamén uruguaio e moito anterior a este, Pedro Estévez (1808-1859), fillo do compostelán Miguel (construtor da Capela da Caridade montevideana), nun alarde de laicismo, puxo aos seus decimonónicos fillos: Febrero, Marza, Abril, Mayo, Junia, Agosto e Agosta, Septembrina, Octubre e Noviembrina.

xoves, 8 de agosto de 2019

CAMPAÑA DE ATENCIÓN TURÍSTICA


Por Pepe de Rocaforte
Proseguindo unha semana máis co tema turístico ofrezo hoxe unha mini-mostra fotográfica. Non pertenzo ó grupo dos que opinan que unha imaxe vale por mil palabras (cada cousa cumpre a súa función), pero de vez en cando non vén mal valerse un pouco máis do aspecto gráfico, máis descansado, tanto para o autor como para o posible visitante desta páxina.
Coa foto número 1 entro no miolo da cuestión: ¡Moito ollo, turistas, este lugar por onde andades non é voso! ¡Coidadiño! De estragar debidamente o entorno ocupámonos nós, os indíxenas, e chega ben.
Vexamos se non a foto número 2, onde nos encontramos cun camiño de acceso ó mar, recente e debidamente asfaltado para que as rodas dos vosos, e os nosos, vehículos vaian coma unha seda e non distraian a nosa atención dunha boa vista da ría máis fermosa do mundo. Ademais, para lle dar un pouco de emoción ó asunto, preocupámonos de sementar aquí e alá, polo medio da calzada, uns postes de tendido eléctrico e/ou telefónico cos cales poñer a proba os vosos reflexos automobilísticos. Compre estar atento, así é como mellor permanecerán as imaxes na memoria.
Na foto número 3 observaredes unha das moitas mostras de agrupacións pétreas espalladas a flor de auga por toda a extensión da ría de Arousa, algunhas, como a da imaxe, xa uns illotes de certa consideración. ¿Non si que fan bonito?
Pois para que gocedes máis con estas illadas pedras mariñas admirade, na foto número 4, a nosa feliz ocorrencia de unir varios illotes entre si por medio de fermosas pontes que conforman un paseo marítimo atractivo onde os haxa. E se o paseo vos parece moi longo podédelo percorrer en patinete eléctrico, por exemplo, que lle dará un aire máis hierático e veloz á vosa figura circulante.
Na foto número 5 achegamos un pouco máis a visión dese marítimo paseo para que poidades admirar mellor as airosas pontes inter illotes. Mágoa de non dispormos de fondos suficientes para lle ter encargado a súa construción ó señor Santiago Calatrava.
Para cerrar a reportaxe gráfica aí temos a foto número 6. ¿A que adiviñades o que o escultor Gonzalo Sarasquete representou na súa atractiva escultura? A min, que estiven en Xenebra hai pouco, desde lonxe, e nun primeiro golpe de vista, lembroume as catro figuras centrais do Muro dos Reformadores. A outro acompañante, recén chegado da Capadocia, fixéronlle pensar no “Val do Amor” de Göreme. E non digo que máis cousas pensaron outros compañeiros de camiñada para non evidenciar a nosa burremia mal intencionada.

Porque si, ¡son percebes! E se as vosas posibilidades económicas volo permiten, por aquí sempre poderedes atopar un bo sitio onde degustalos. Tan grandes coma os da escultura poida que non, pero dependendo do gasto aínda podedes apañar algúns de bastante boas proporcións (segundo me contan).

luns, 5 de agosto de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (30)

                        O Curmán de Undochán

Permitídeme cavilar esta volta sobre os uruguaios que, como outros latinoamericanos, foron dar á Galiza dos seus antepasados, ou ben á España diversa, moitos primeiro por razón políticas (fuxindo da represión da Operación Cóndor) e moitos, entón e despóis, por razón económicas (afogados pola corrupción capitalista e a pouta imperialista do amigo americano).
    E entre eles non podo evitar falar dos escritores, tales Onetti, Castillo, Benedetti, Peri Rossi, Marra ou Larreta -todos menos P. Rossi mortos-, mesmo dunha transterrada sui generis como Carmen Posadas ou, posteriormente, o amigo poeta Héctor Rosales. (A Carmen os galegos debémoslle unha semblanza da Bela Otero -2001-; a Héctor -cos catro abós galegos- un poemario, Mientras la lluvia no borre las huellas -2002-, baseado en estampas de Castelao).
      Mais tamén houbo actores como Margot Cottens ou Walter Vidarte (o propio Chicho Ibáñez nado aquí foi), ou a actual cineasta Manane Rodríguez. Nin que dicir de uruguaios que chegaron a se implicar na política española e máis na galega.
    Aquel período represivo retrotráeme ao outro terríbel tramo da guerra española, que tan apaixonadamente foi seguida nesta república, con representación dos dous bandos, mesmo enviando os leais unha chea dos seus fillos a formaren nas Brigadas Internacionais... como conmemora cadanseu monolito na vila Santiago Vázquez (Montevideo) e en Morata de Tajuña (Madrid), varios deles galegos ou fillos/netos (Ladra, irmáns López Silveira, Cotelo...), hai ben pouco historiados documentalmente no libro Papeles de plomo (2017).
    Feito que me achega a memoria de dous diplomáticos que apoiaron decididamente a causa republicana legal, como foron os uruguaios José María Perelló, cónsul en Vigo (1928-1941) e Edmundo Nóvoa, cónsul en Vilagarcía naqueles anos de triste recordación. Nóvoa, uruguaio fillo de galego e pai de galego-uruguaio, este o pintor e escultor Leopoldo Nóvoa (cuxos murais ornan Montevideo e Coruña), axudou a fuxir, por exemplo, ao Siñor Afránio (o deputado Alonso Ríos). Perelló, non galego, é lembrado aquí desde o seu cabodano (1944, cuxa placa en Casa de Galicia mostra a sua efixie flanqueada polo escudo da Repca. Española e a cruz de Sant'Iago), mesmo visitando a sua tumba Castelao (1945).

Un dos últimos números da etapa uruguaia 
   Noutro sentido, como operativo na década anterior (1913-1926), temos o cónsul uruguaio na Coruña, Julio J. Casal (tamén fillo de galego) a fundar a importante revista artístico-literaria Alfar. 
             Finalmente, outro grupo fórmano os creadores artísticos ou literarios nados neste Montevideo e radicados nesa Galicia desde nenos, levados polos seus pais retornados, case todos nados no período 1950-1970. Aí está o crego Alfonso Blanco Torrado, activista cultural, fillo adoptivo de Guitiriz; o economista José Antonio Varela; a escultora Luz Darriba; a violinista, que foi de Milladoiro, Laura Quintillán; o poeta Alberte Suras; o historiador, poeta e pintor Carlos Pereira Martínez; os xornalistas Silvia Gaspar e Jorge Gómez Caramés; ou Breogán Riveiro, escritor e realizador e guionista de audiovisual... por citar uns poucos ao chou.  
      Direc. e guión: Breogán Riveiro
 A propósito de Breogán, seu pai, o amigo Manuel Riveiro Loureiro e seu fillo máis vello, Bruno, participaron activamente na creación da praza Manuel Curros Enríquez (no barrio montevideano de Villa Colón), coa inauguración dun monólito, e particularmente na plantación de árbores (agosto de 1972): deste xeito permanece nestas árbores a presenza daquel home comprometido que no ano seguinte retornaría coa familia á Coruña.

Observación extemporánea: Outros uruguaios déronlle orixe ao conxunto de tamborileiros da Coruña chamados “Os quilombeiros do Monte Alto”; dime meu curmán que hoxe seguen, mais sustituíron os ritmos afrouruguaios polo afrobrasileiro do samba...

xoves, 1 de agosto de 2019

PARA FOMENTAR O TURISMO


Por Pepe de Rocaforte
Unha das grandes preocupacións dos gobernos, sexan municipais, autonómicos ou estatais, parece ser a de tomar medidas para atraer o turismo como medio principal, ou case, de mellorar a economía local, autonómica ou estatal, incrementando de paso o nivel de ingresos da poboación en xeral.
Nun informe que vin hai uns anos, non sei se da Deputación de Alicante ou doutra entidade similar, chamoume a atención unha relación da renta per cápita nos municipios da provincia alicantina, na cal figuraba en último lugar o concello de Benidorm, paradigma turístico español por excelencia.
Ó mellor o turismo non garda relación co que tal información me fixo supoñer e, polo si ou polo non, vou aportar o meu grao de area para que se vexan os meus desexos de colaborar á obtención de beneficios para arcas municipais, autonómicas, etcétera.
Velaí van xa que logo algunhas suxerencias do que para fomentar a atracción de visitantes vin por aí adiante nunha recente xira centroeuropea, a ver se entre eses exemplos se pode encontrar algo aproveitable.
O tema dos calendarios e reloxos florais está un pouco obsoleto, pero tal vez con algún retoque aínda se podería sacar algo del. Respecto a eso, cando en Xenebra lle comentei a unha guía local que na Coruña había un reloxo semellante ó seu do Xardín Inglés, replicoume: “Pero o da Coruña non ten unha maquinaria Patek Philippe. ¿Ou si?”

E mira ti por onde ó mellor o da maquinaria Patek Philippe pode ser un atractivo con forza suficiente para seducir ó visitante ocasional. Non sei. Como o de ter unha agulla do segundeiro de non sei canto longo, seica a maior do mundo, algo que valerá para o libro Guinness dos récords, pero para pouco máis. Digo eu.
Xa é outro cantar o dos reloxos con autómatas. Pero, claro, aí está a dura competencia do Reloxo Astronómico de Praga, unha atracción difícil de superar, aínda que hai algúns meritorios intentos por parte de rivais coma Berna, onde o reloxo da torre do concello, debaixo dun guerreiro con armadura que bate as horas cun martelo na campana, hai unha especie de trasno que abanea un par de campaíñas mentres o deus Cronos no seu trono xira un reloxo de area e move un cetro na man esquerda e ó seu lado un león arrandea a cabeza como dubidoso. E toda a parafernalia iniciada e rematada polo canto dun galo que axita as ás ó ritmo do quiquiriquí. Demasiado complicado, paréceme.
Máis simples son outros casos modernos, como o Flautista de Hameln, ou Hamelín, con figuras excesivamente envaradas. Ou o do concello de Lausanne, cunha historia da cidade moi esquemática e figuras igual de envaradas que as da vila alemá. Non me acaban de convencer eses exemplos.
Máis efectiva é a iniciativa de Interlaken, onde captaron ó cinematográfico director hindú Yash Chopra, de Bollywood, para filmar nas paisaxes montañosas suízas as súas románticas historias de amor, que tanto gustan na India. O efecto foi fulminante e a día de hoxe o número de turistas hindús en Suíza é tan considerable que, a pouco que te descoides, vas de paseo polas rúas de Lucerna e paréceche estar en Bombay. O cal tampouco me parece tan desexable para nós. E non porque sexan hindús, non me malinterpreten, senón por seren turistas. Coma min.