xoves, 1 de xuño de 2017

A RAÍÑA DO DESERTO



Por Pepe de Rocaforte
        Falábame de Lord Byron un amigo o outro día e na conversa saíu o nome de Lady Hester Stanhope, a amada do xeneral John Moore, de quen tratei aquí hai tres ou catro semanas. Lady Stanhope coñeceu a Byron durante unha travesía de Malta a Atenas, en 1810, e o poeta non a impresionou moito. “Vexo nel un home ben educado, coma tantos outros e, respecto á súa poesía, compoñer versos é un traballo bastante doado”, opinou do vate con certa displicencia a sobriña do político William Pitt.
        Pero eso non vén agora ó caso. Dicíame o meu amigo que cando escribín sobre a misteriosa dama visitante da tumba de Moore no coruñés xardín de San Carlos, deixei de lado algunha información importante sobre ela. Para remedialo un pouco, volvo sobre o tema.
       Despois da morte do seu tío, o primeiro ministro William Pitt, Hester Stanhope veu reducidos considerablemente os seus ingresos. E se a esto se une a morte de Moore en 1808, co cal as posibilidades matrimoniais (e a volta a unha aceptable situación económica) virábanse case imposibles para ela, a súa situación, se non desoladora, fíxose preocupante.
Así as cousas, en 1810 acompañou a seu irmán James, quen debía reincorporarse ó seu rexemento en España. Non sei se entón aproveitou a ocasión para pasar pola Coruña e visitar a tumba do seu amado, ou non o fixo. O que se sabe é que en Xibraltar despediuse de seu irmán e embarcou camiño de Malta.
       E aquí entra o detalle que, como ben di o meu amigo, pasei por alto: mentres un poeta como Xosé María Castroviejo imaxinaba á desconsolada amante de Moore “moribunda de melancolías”, disposta a “enterrar nos desertos o seu amor desesperado e romántico”, Lady Stanhope iniciaba camiño de Oriente unha relación amorosa con Michael Bruce, un mozo inglés once anos máis novo ca ela e herdeiro dunha familia ben situada economicamente, co cal se vían resoltos os seus problemas económicos.
        O resto xa é outra historia, da que só apuntarei que logo dunha reste de aventuras incribles polo Oriente Medio, construíu un palacio na cima dun monte illado, nas proximidades de Djoun, en Siria, onde chegou ser coñecida como “a raíña dos árabes”, e onde morrería en 1839.

Ningún comentario:

Publicar un comentario