Por
Pepe de Rocaforte
Hai algúns días
asistín á presentación dun libro, “As artes da vida de Ánxel Huete”, de Xosé
María Álvarez Cáccamo. Nos últimos tempos non vou habitualmente a este tipo de
actos, a non se dar algunha circunstancia especial, como me sucedeu non hai
moito coa presentación da novela de Nacho Taibo, “Os tres de nunca”. Neste caso
de agora motivábame o ter coñecido hai xa anos a Ánxel Huete, sendo ámbolos
dous uns mozolos, e non telo volto a ver desde os nosos dezaoito, vinte anos.
Como sucede a miúdo
nestes casos, el recordaba algunhas cousas das que eu estaba esquecido e eu
acordábame de outras que non lembraba el. Conversamos un pouco sobre todo eso
antes do inicio da presentación que, afortunadamente, discorreu dun modo
distinto ó habitual na maioría destes casos. Cando empezou a falar Pepe
Cáccamo, nun ton humorístico moi de agradecer, axiña se botou de ver a boa sintonía
entre o pintor e o escritor que escenificaron un pequeno e divertido show, non
sei se preparado ou espontáneo, pero, eso si, afastado dos tópicos comúns do
xénero.
Mentres eles falaban
veume á memoria un verso de Jaime Vaello, do seu único poema publicado en
galego, “xa non son no ser que era no vrau”, sobre o cal teño meditado en máis
dunha ocasión. Nin Huete nin eu temos hoxe moito que ver con aqueles que fomos
de novos en Ourense. O paso do tempo non transcorre en balde e, creo, na
actualidade somos practicamente dous descoñecidos que saben moi pouco un do
outro.
Entre as cousas da
vida de Huete que non sabía está a súa viaxe a mediados dos anos sesenta, a
completar a súa formación na Escola Superior de Belas Artes de Berlín, o cal me
trouxo á memoria outros artistas ourensáns que emprenderan por aquel tempo a
mesma aventura, como Quessada ou Virxilio Fernández (a Francia) ou Acisclo
Manzano (á Alemaña), quen, se a memoria non me falla, marchou facendo auto-stop
na compaña de Alfonso Nieves, outro amigo común daquela época. Pero esto parece
darme pé para outra historia a contar, polo cal vouno deixar para mellor
ocasión.
(Non me resultou
doado atopar en internet fotografías de Ánxel Huete para ilustrar este
comentario. Ó cabo, entre as poucas que vin, decidinme por esta, pertencente á
inauguración por parte do alcalde de Vigo da exposición “Tempos dun encontro” o
pasado 18 de maio na Casa das Artes viguesa, onde Huete aparece á esquerda, un
pouco afastado, con todo o aspecto dun visitante despistado que pasaba por
alí).
Ningún comentario:
Publicar un comentario