venres, 9 de xuño de 2017

UN MOSTEIRO NAS METEORAS

Por Pepe de Rocaforte
        Sucédeme con frecuencia desde xa hai bastante tempo de ver un cadro ou ler un libro e inmediatamente empezarlle a encontrar semellanzas con outro libro ou outro cadro, unhas semellanzas moi evidentes, pero que ó mellor son eu o único en velas.
        Pasoume agora nunha visita ó mosteiro de San Nicolás de Anapausa en Grecia, nas Meteoras, onde se encontran varias pinturas de Theophanis Strelitzas, coñecido como Teófanes de Creta, de quen debo confesar que nunca oíra falar ata agora. E chamoume a atención particularmente o seu cadro de “A durmición de San Nicolás” porque diante del veume axiña á cabeza o “Enterro do Señor de Orgaz”, do Greco.
       Non puiden fotografar o cadro porque no mosteiro non permiten facer fotos, e tampouco encontrei postais coa reprodución da obra. Busquei en internet e descubrín que Teófanes naceu na illa de Creta arredor do ano 1500 e alí estableceu escola á cal algunha información conta que asistiu Doménikos Theotokópoulos, O Greco, nacido na mesma illa en 1541, onde empezou pintando iconos ó estilo bizantino, para posteriormente trasladarse a Venecia e a Roma, onde se adaptaría ó renacentismo italiano, no inicio da súa etapa máis coñecida, finalmente culminada en Toledo coa realización das súas máis importantes obras.

       Conto todo esto porque despois de lle dar un repaso a unha boa manchea de descricións e explicacións da obra mestra do Greco non atopei ningunha onde se aludise, nin sequera de maneira tanxencial, á posible influencia da temática bizantina á hora de abordar a concepción do “Enterro do Señor de Orgaz”. ¿Será todo unha suposición miña sen o menor fundamento?
Outra cousa que me chamou a atención no mosteiro de San Nicolás foi unha colección de caveiras de monxes que, estas si, puiden fotografar sen problemas por se atoparen nun lugar case nin visitado nin vixiado. E aquí xúrdeme de novo a comparanza. ¿Non sabería destes cráneos das Meteoras o artista plástico Lidó Rico, de quen acompaño unha fotografía da obra “Nacionalizados”, no “Centro de Arte Contemporáneo” de Cuenca?
        ¿Como lle chamariamos a esto? ¿Recreación? ¿Coincidencia? ¿Frivolidade? ¿Ou non terá absolutamente nada que ver unha cousa coa outra?

2 comentarios:

  1. Creo recordar que nese momento que recrea vostede, sr.Pepe Rocaforte, hai unha gran emigración de súbditos do I.Bizantino que se refuxian en ..Grecia.A influencia que vostede establece parece moi atinada e interesante.Nada casual nas súas aportación semanais.Agradecidos polos seus artículos.

    ResponderEliminar
  2. Agradecido a vostede polo seu amable comentario. No referido ó Greco, débolle confesar que non me sinto totalmente seguro das influencias da pintura bizantina na composición do “Enterro do Señor de Orgaz”, sobre todo por non ter encontrado ningunha referencia alusiva a esa posibilidade en canto lin sobre o cadro. Resulta un pouco raro que só eu a vise.
    Pepe de Rocaforte.

    ResponderEliminar