domingo, 24 de decembro de 2017

A árbore de Nadal



              


  

     En todas as culturas se utilizaron plantas apotropaicas para arredar o mal e invocar a fortuna, a saúde e o benestar, sen embargo, a árbore de Nadal, de uso relativamente recente no noso ámbito cultural, impúxose sobre todas elas por sumar a toda esa carga simbólica a estética de cada momento; tal vez a razón principal de que entrase tan doadamente nos fogares desprazando a eses outros vexetais que nos eran máis propios.

     Entre nós emprégase desde hai menos de cento cincuenta anos, cando o marqués de Alcañices, un dos protectores de Alfonso XII, casou cunha nobre de orixe rusa e puxo un nos xardíns do seu pazo madrileño. Os ingleses importárono uns anos antes da man do príncipe Alberto, natural de Alemaña quen, tras casar coa raíña Victoria, instaurou o costume de colocar un no castelo de Windsor. E como símbolo de paz e prosperidade, desde o ano corenta e sete do pasado século, en gratitude pola axuda prestada durante a Segunda Guerra Mundial, os noruegueses regálanlle ós ingleses a árbore que adorna Trafalgar Square, sen dúbida a árbore de Nadal máis grande do mundo, decorada con luces e unha estrela no alto; anque hai outra no Rockefeller Centre de Nova York que non lle nega pares; e por suposto nada que ver coas árbores que acostumamos poñer nas nosas casas, ás veces un pouco recargadas, e nas que nos preocupamos máis do adorno ca do significado.
     

     Para rastrexar a súa orixe remontámonos á haxiografía de san Bonifacio, o santo evanxelizador da actual Alemaña durante o século VII, a quen en algunhas iconas se representa coa machada na man, e de quen se conta que vendo como os nativos celebraban o solsticio de inverno festexando ó deus local Frei arredor dunha árbore de folla perenne, para evocar o triunfo e permanencia da vida a pesar do frío e a escuridade da estación, el colleu unha machada e abateuno. Pero a idea daquel símbolo era tan profunda, que aínda despois de cristianizados, os nativos seguiron engalanando unha árbore, agora como representación da mensaxe de Cristo, nacido na noite máis longa do ano para sacarnos das tebras coa luz da súa palabra. E a pesar de que isto non era moi do agrado da Igrexa, por semellar idolatría, permaneceu a través dos anos e a partir do século XVII popularizouse e estendeuse por outros países da contorna. Un símbolo que xa se fixo inseparable destas datas, tanto así que a Igrexa, para non quedar atrás ante a popularidade que alcanzou, adaptou arredor del toda unha simboloxía, desde dicir que esta conífera simboliza a árbore do ben e do mal, cando aquela era, segundo o libro da Xénese, unha maceira, ata interpretar cada un dos elementos que a engalanan, desde a estrela de Belén, os lazos da amizade, as luces e toda esa variedade de adornos que invocan a esperanza da primavera; sen faltar as bolas para representar as mazás que segundo conta outra lenda, ideada para amañar aquela arroutada de san Bonifacio, el colgou dun pino para explicar precisamente esa pasaxe da Xénese e calmar a ira dos nativos insultados na súa crenza por un acabado de chegar.
    


Como queira que sexa, a recuperación de tan antiga tradición estendeuse de tal maneira que xa é imposible non asociar a árbore co Nadal coa invocación da luz,  da fortuna e da esperanza dun tempo máis vivo e luminoso. A árbore con todas esas figuras simbólicas ou as mesmas tarxetas de felicitación que se xuntan a engalanala, indícannos que non estamos sos, e retrotráenos a antigas dendrolatrías precristiáns sobre a unión do mundo dos mortos co dos vivos e coa divindade.

     Á fin, así é a globalización que incorpora novos símbolos para un mesmo motivo, como desde hai poucos anos se incorporou a flor de Nadal, oriúnda do outro lado do Atlántico, para encher de vermello as nosas casas, desprazando o uso do acivro e do loureiro, plantas sempre verdes, que medran a pesar de ocupar os lugares máis sombríos do bosque, e dan o seu froito nestes inclementes días, polo que sempre se tiveron como metáfora de triunfo da vida sobre o tempo frío e escuro do solsticio invernal.
(este artigo foi publicado no especial de Nadal de La Voz de Galicia, edición de Barbanza)

Ningún comentario:

Publicar un comentario