Por
Pepe de Rocaforte
Todos
nós, ou polo menos os que son do meu tempo, recordamos cando na escola
aprendiamos os nomes e os cursos dos ríos, o seu nacemento e a súa
desembocadura. Daquela na nosa enciclopedia escolar figuraba o río Miño como
nacido en Fonmiñá (a enciclopedia poñía “Fuente Miña”, provincia de Lugo). Pero
na actualidade sabemos que o Miño nace máis arriba, no Pedregal de Irimia.
Veume
esto á memoria o outro día cando un amigo me falaba dunha viaxe que fixera pola
Serra de Cazorla. Dicíame que fora ver o lugar onde nacía o río Guadalquivir,
aínda que non quedara moi convencido de que o nacemento fose alí onde llo
mostraban, porque un pouco máis abaixo xuntábase a el outro riacho que viña de
máis arriba e levaba maior caudal de auga. ¿Por que entón tiña que ser o
Guadalquivir o primeiro e non o outro?
Daquela
puiden presumir de entendido, porque hai uns anos tamén andei pola Serra de
Cazorla e un garda do parque que nos facía de guía explicounos que cando se
xuntaban varias fontes, como sucedía naquel caso, considerábase río principal o
que non secaba en todo o ano, e aínda que vísemos un regueiriño con máis caudal
vindo de máis arriba, tratábase de auga estacional, que estiñaba coa chegada do
verao.
Aproveitei
entón a ocasión de ter a man un home ó parecer experto en temas fluviais para
lle preguntar cales eran os criterios que se seguían no caso de confluír dous
ríos xa grandes, de caudal máis ou menos similar. ¿Botábase a sortes o nome?
E tamén a esto me respondeu, supoño que con
fundamento, o garda forestal: nese caso continuarase augas abaixo co nome
daquel dos ríos que teña unha desviación menor da dirección que ata o momento
da confluencia traía.
Tate, velaí logo por que, a pesar de o Sil
levar a auga, segundo din, o Miño leva a fama de maneira absolutamente legal.
¿Sabíano vostedes? Dáme a impresión de que o sabían e que aquí son eu o único
que descubre Mediterráneos xa un pouco tardeiro¸ pero hanme desculpar, eu
pensei en que como agora mesmo estamos en datas de celebración de nacementos,
estas informacións non estarían tan fóra de lugar.
E con estas e con outras: boa sorte e que
teñamos todos un novo ano feliz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario