Nos anos trinta, as dúas
principais correntes en psicoloxía eran a psicanálise e o condutismo. Non
coincidían en case nada, pero ambas aseguraban que as crianzas desenvolvían
apego coas súas nais porque estas os alimentaban.
Entón, no ano 1945, a
Spitz chamáronlle a atención os chamados “nenos hospitalizados”, residentes en
hospicios. Estas crianzas presentaban unha sintomatoloxía peculiar con atraso
no desenvolvemento, a nivel físico, psicomotor, de linguaxe... non crecían, non
falaban, non sorrían.
Cal podía ser o problema
se eses meniños tiñan cubertas todas as súas necesidades básicas? Estaban ben
alimentados, tiñan abrigo... todos os
coidados que, polo que se sabía, precisaban os nenos e as nenas para crecer saudábeis.
Só había algo que non
tiñan: unha figura de apego. Unha nai, pai ou coidador que fose sempre o mesmo.
Unha persoa que lles cambiase a muda cando choraban, cando o precisaban e non
cando era a hora de facelo, alguén que lles sorrise, lles falase e os apertase
para poder cubrir as necesidades afectivas, toda unha novidade aínda sen
explorar.
Harry Harlow utilizou
crías de monos Rhesus para estudar experimentalmente iso de que o
desenvolvemento adecuado precisase de unha figura de apego máis que de unha boa
alimentación.
Proporcionou aos bebés
Rhesus dúas figuras que cumprirían, cada unha, unha función materna. Unha
destas figuras (“nais”) estaba feita de arame e tiña un biberón incrustado. A
segunda non proporcionaba alimento, pero tiña os arames recubertos de felpa. Os
monos pasaban boa parte do día apertados á nai de felpa, e o tempo xusto para
alimentarse coa nai de arame. Pero ademais, estas nais de falsa pel, tiñan a
función de aportar seguridade. Por iso, cando se introducían nas gaiolas
bonecos mecánicos que asustaban ás crías, estas corrían a apertar ás nais de
felpa e, unha vez aferradas á tea, como calquera crianza que se sabe segura,
non só se tranquilizaban senón que mesmo atacaban aos bonecos dos que fuxiran
segundos antes. O grupo de monos Rhesus que tivo a desgraza de caer no grupo
experimental sen nais de felpa, ademais de crecer menos, non tiña a onde
aferrarse e resignábase ao medo tirados no chan.
Con todo isto, dende
mediados do século pasado podemos avaliar a calidade do apego de nenas e nenos
humanos. No test da “situación estraña” de Ainsworth, unha crianza entra coa
principal figura de apego nun cuarto cheo de xoguetes e enfróntase a continuas
saídas da nai ou pai. A veces, durante as saídas, entra unha persoa
descoñecida, a veces a crianza está soa.
Enténdese que hai unha
relación sa se a nena ou neno se sente segura para xogar e explorar cando a persoa coidadora
está preto e, sobre todo, se o regreso desta figura de apego á sala calma a
ansiedade que a súa ausencia puidese xerar.
Adelaida Vidal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario