O problema é sempre o mesmo, anticiparse ó
que o mercado laboral vai demandar e a nós nos vai gustar, e para os centros educativos
ofertar algo que atraia a cobiza dos estudantes. Por iso nos sorprendeu a
noticia de que unha universidade turca vai impartir un curso de diplomacia para
tratar con extraterrestres. Co difícil que debe ser.
Se para alguén do bacharelato xa non é doado
escoller entre ciencias ou letras, ou aínda a maiores, cando ha de decidirse
sobre un abano de materias que serán a base dos seus estudios universitarios,
non me imaxino a un adolescente tendo que decidirse entre unha carreira de
andar por casa ou unha con visos interestelares. Nós, que malamente sabemos
tratar cos veciños de escaleira, canto máis cuns tipos de quen, a día de hoxe,
non sabemos nin onde teñen as orellas. Pero en fin, ¿quen ía pensar hai menos
de douscentos anos que a profesión de mecánico sería unha das máis demandadas?.
Así que, a esta outra tamén lle auguro moito futuro por diante, pero ollo,
porque non se trata de escoller o que desexan agora, senón o que van querer,
desfrutar e amar para o resto das súas vidas, e falar con descoñecidos de
pintas raras non vai ser moi doado. O mesmo Xulio, que disto sabe un pouco,
nunca sabe que aconsellarlle ós fillos e netos dos nosos amigos.
Por iso a ocorrencia desa universidade turca
ofertando un curso en “Ufoloxía e Exopolítica”, dado que, segundo os sesudos
catedráticos que elaboraron o currículo, moi axiña será unha das profesións máis
demandadas, crea en nós toda unha restra de dúbidas, e o primeiro que se lle
ocorre preguntar a Xulio é onde vai facer o alumnado as prácticas. Moncho di
que non vai ser necesario deixar este mundo para practicar o trato con
extraterrestres.
O profesor titular de tan prometedor curso,
Erhan Kolbasi, para quen con total seguridade todos os licenciados sairán cun
contracto de especialistas en diplomacia interestelar baixo o brazo, asegura
que en non máis de quince anos, segundo os seus cálculos, vai haber un contacto
entre as dúas civilizacións, e será o maior encontro (¿ou encontrón?) da
historia da humanidade. Tanto é así que, como adianto das moitas marabillas que
nos agardan, o mesmo profesor asegura que tecnoloxías como a fibra óptica, o microchip
ou os aparellos de visión nocturna, foron eles, e non os currantes de Silicon
Valley, quen nolos facilitaron, xa porque os deixaron ó noso alcance ou porque
lle quedaron nalgunha nave avariada, abandonada ou escachizada tras un mal
aterraxe co fin de irnos poñendo á súa altura. Tamén apuntou o profesor Erhan,
que hai distintos grupos traballando no asunto, tal unha especie de axentes
secretos, coñecidos como os “Homes de negro”, que acotío visitan a todo aquel
que tivo algún contacto con ovnis e extraterrestres, un grupo que xa foi creado
polo presidente Truman baixo o nome de “Majestic 12” (MJ-12), para ir recompilando
os datos a que este profesor ten acceso e agora poñerá a disposición do alumnado
que pague a matrícula.
O curioso é que este señor Erhan,
vicepresidente dun tal Centro de Ciencias do Espazo, a pesar de levar oito anos
traballando en temas relacionados, non sabe dicir con quen contactarán primeiro
os alieníxenas, se con Trump, que é quen de poñerlles un muro diante dos
nefres, con Kim Jong-Un que ben pode mandarlles un mísil en canto pidan pista
para aterrar ou con algún líder europeo que os reclúa nun campo de
concentración para refuxiados.
A diplomacia con extraterrestres, sen dúbida
unha profesión con futuro para cando os ETs se decidan a estreitarnos a man,
non vai ser doada.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición Barbanza de La Voz de Galicia)
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario