xoves, 8 de febreiro de 2018

NOVOS APUNTES MARIANOS



Por Pepe de Rocaforte

            Cando o outro día facía un comentario sobre o que se me ocorreu denominar as “Virxes Nacionalistas”,  acordeime dun par de casos relacionados coa Virxe María, que non me resisto a referir hoxe. O primeiro situado no Cairo, cidade xigantesca e caótica onde podes pasar de marabillas como a Cidadela de Saladino e a Mesquita de Alabastro, á incrible Cidade dos Mortos, un enorme cemiterio reconvertido en residencia de vivos instalados entre sepulcros e panteóns de defuntos. 
            Outro lugar incrible da capital de Exipto é o barrio copto. Non sei se é unha impresión equivocada, pero cando para entrar naquel labirinto de rúas estreitas e arrevesadas, despois de pasar un control policial, ter que baixar unhas escaleiras e meterme por un túnel para acceder a el, deume toda a impresión dun gueto onde as murallas que o rodean parecen servir, non de protección, senón para manter illados do resto de exipcios non musulmáns ós habitantes daquel lugar pouco afortunado. 
            No barrio copto encóntrase a igrexa de San Serxio e Baco, construída (seica) sobre a cova onde viviu “Xosé o Carpinteiro” e familia durante o seu exilio en Exipto. Desta estancia cairota a única información aparece no Evanxeo de Mateo: «O anxo do Señor apareceulle en soños a Xosé e díxolle “levántate, colle ó neno e a súa nai e fuxe a Exipto, e estate alí ata que eu che diga. Porque Herodes vai buscar o neno para matalo”. El levantouse, colleu ó neno e á súa nai e retirouse a Exipto; e alí estivo ata a morte de Herodes». 
            Sobre esta única fonte a tradición levantou toda a historia e mesmo o lugar de residencia, hoxe venerado polos fieis e visitado polos turistas. Non está mal.



            O segundo caso lévanos a Turquía, a outro centro de atracción turística: as ruínas de Éfeso, lugar de obrigada visita se a un lle cadra de andar por alí preto. En Éfeso encóntrase a casa onde (seica) viviu a Virxe María, acompañada polo evanxelista San Xoán, e contan algunhas tradicións que alí lle chegou a hora da morte. E, loxicamente, a da súa asunción ó ceu, supoño.
Debo confesar que non visitei esa casa, ía máis interesado en ver os restos do templo de Artemisa, unha das sete marabillas do mundo antigo, da que só quedan hoxe un par de columnas nin sequera enteiras. Pero posteriormente busquei información sobre a morte da Virxe e souben que a tradición católica estima que a subida de María ó ceu sucedeu en Xerusalén, no sitio onde hoxe se venera o Cenáculo e en tempos de Cristo se celebrou a Derradeira Cea. Hai opinións para un gusto e para outro.
Como tamén hai opinións que non aceptan o da asunción de María ó ceu. Seica na Biblia non aparece ningunha referencia a tal cousa, pero como di un experto nas Sagradas Escrituras, don Jesús Urones Rodríguez: “tamén é certo que se a Biblia non menciona este dogma, tampouco hai nada nela que o contradiga, o cal demostra que a Asunción de María é totalmente lóxica e posible”.
E a partir de aquí prometo non volver sobre o tema mariano.

2 comentarios:

  1. Pode vostede falar o que queira do tema Mariano, mentres fale mal, claro.
    Ou é que Rajoy merece que fale ben del?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non caía na intención. Moi agudo, supoño que amigo B.

      Eliminar