sábado, 17 de febreiro de 2018

O fracaso do individuo



  Todos vemos a mesma serie de televisión, lemos o mesmo libro e ata tomamos o mesmo combinado cada tarde, e quen non o fai non está na onda. A singularidade, que tanto se proclama, é tan singular que nos iguala por un mesmo rebolo e a diferencia, moitas veces, no pasa de ser un pequeno matiz que non vai máis aló de se prefires o café cunha cullerada ou cullerada e media de azucre. Esa nimiedade e todo o máis que nos diferencia nun mundo en que cada vez máis nos parecemos todos en gustos, preferencias e aspiracións.



     No traballo miramos máis ós números que á cara da persoa. Os capataces só saben ler estatísticas que, evitando e desprezando as peculiaridades propias de cada quen, confrontan. O mesmo traballador, imbuído nese afán comparativo, afánase por superar as cifras persoais polas que é medido, tratando de amosarse sobranceiro, sen decatarse de que cando falan del non citan un nome, senón un número. A frase máis escoitada é esa de que un se está realizando, cando realmente o que está é autoexplotándose a si mesmo, tratando de superar o propio rendemento, a mesma capacidade laboral para facerse notar. Xa non se necesita un capataz, encargado ou vixilante que o leve polo rego, xa está a idea esa da realización persoal que non é outra cousa máis ca un eufemismo para que cada quen se esforce por deixar as plusvalías do seu traballo na bulsa empresarial. E chégase así á angustiosa loita contra o que nos rodea, virulenta moitas veces, polo único afán de sobresaír, de competir cos compañeiros co fin de demostrarnos, a nós e ó entorno, que non somos como o resto, cando realmente esa mesma aspiración é o que nos iguala; e a aqueles que non a teñen marxínanos.      

     A cousa é que a cada intre estamos máis felices de formar parte da morea indistinguible, aínda que a nivel persoal, cada quen ó seu xeito, está convencido da súa particularidade, porque a pesares de que todos pedimos o mesmo tipo de viño, cada quen manifesta unha preferencia por unha marca, por unha etiqueta que singulariza a denominación de orixe que todo o engloba.
     Vivimos nunha sociedade de alienados, e convencémonos de que esa alienación é o mellor dos mundos, por iso, visualizarnos nas redes sociais, no grupo ou nas festas de empresa con esmorga incluída, manifestando excentricidades de todo tipo, é o único que nos axuda nesa procurada diferenciación, sen decatarnos de que iso só é unha especie de narcisismo abocado a revolver e enturbar as augas do regato en que nos miramos; e en resumidas, a meta cara a que imos é algo embarullado no que se pretende salientar sen deixar de ser coma todos.
    Byung-Chul Han, un filósofo de orixe surcoreano con cátedra en Berlín, explica todo isto que el chama a “sociedade do cansazo” e fala da “agonía do pensamento”, porque xa non é o que nós pensamos, senón o que é lícito pensar, segundo os medios nos indican, evitándonos e negándonos a propia opinión, análise ou crenza.
     A tal extremo chegamos, que só lemos, vemos e escoitamos aquilo co que habemos de estar de acordo, e sen maior opinión rexeitamos todo o que é contrario a esas ideas, nas que nos encastelamos con teima numantina.
     Como con calquera pensador, podemos estar ou non de acordo con el, pero non estará de máis achegarnos a escoitalo cando explica como competimos e nos explotamos a nós mesmos ata facer real o fracaso do individuo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario