¿E
se se dese unha paga por ser avós?
No
grupo de amigos non falta quen cada día ten que deixar o parladoiro
antes de tempo porque ha de recoller a algún neto á saída da
escola ou levalo a algunha actividade mentres os pais dos cativos
deben cumprir co castigo bíblico de gañar o pan coa suor da fronte
e dor de corazón, sen poder estar cos seus rentenos todo o que
quixesen e necesitan. Non sei se alguén lle botou contas ó aforro
que esa actividade lle rentúa ás arcas do estado e, sobre todo, o
beneficio empresarial que a mesma xera.
Despois
de parir unha nai necesita máis de seis meses para atender a unha
criatura, pero ó cabo dese tempo a cousa xa queda en quen poida
botar unha man ou renunciar a un posto de traballo . Facilitar a
crianza dos fillos para que o rendemento do obreiro e o futuro estean
garantidos é unha das premisas que todo goberno manifesta, pero
outra cousa moi distinta é que logo faga algo por asegurar ese
futuro. O capital usa artimañas que o social non entende.
Tantas
veces teño escoitado da boca dalgún avó iso de que o que eles fan
non ten prezo, e outras tanto hei de lebrar o refrán “Quen non
sabe dos mimos do avó non sabe o que é bo”. Pero non nos
enganemos, sen minusvalorar o amor, todo é cuestión de pasta. As
contas que botan os mozos son moi doadas: cos avós ben se crían e
non se paga matrícula; e a dos pagadores é moi clara: mentres estes
produzan e aqueles aturen, a maquinaria produtiva non deixa de
medrar. O malo empeza cando os mozos deciden que, para non criar ós
fillos mellor é non telos, ou cando os avós non están en
condicións de soportar a intensa actividade dos netos. O dilema
comeza no intre en que hai que valorar como asegurar o futuro se non
vai haber man de obra que substitúa ós obreiros de hoxe en día. Na
Europa das liberdades todo descansa nas hordas de emigrantes que van
vindo como poden, e adaptándose ó que lles mandan, sempre mellor
que aquilo que teñen nos seus países de orixe, o que nos leva a
pensar se a maldade humana non producirá alí un déficit de
atención para atraer modernos escravos que descoñecen os beneficios
sociais que aquí se acadaron ó largo de máis de cen anos de
historia. Daquela ¿a quen lle importa que a poboación medre ou
desmedre?.
E aí
e onde aparecen novas iniciativas en lugares tan dispares como Suecia
e Turquía, dous países que, a pesares das diferencias sociais e
políticas, propoñen semellantes sistemas de axuda para que as
parellas novas non deixen de ter fillos por mor do traballo nin de
traballar por mor dos cativos, dándolle a cada avoa menor de sesenta
e cinco anos, e con boa saúde, unha extra de cen euros ó mes por
coidar dalgún neto menor do ano, con todo un regulamento baseado na
saúde da coidadora e no poder adquisitivo dos pais que se acollan a
esta modalidade.
Ben.
Todo iso está moi ben pero eu teño dúbidas, a primeira é por que
se pon o límite nos sesenta e cinco anos, cando esa é a idade de
xubilación, e por que só se contempla pagarlle a avoas cando tamén
os avós son os que pasean os cochiños dos cativos pola rúa peonil
de cada cidade. E a outra que se me ocorre é se algún día teremos
entre nós algunha proposta semellante neste país que tratou de lofa
ós gobernos que incentivaron a natalidade e facilitaron o acceso
laboral ás mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario