xoves, 22 de febreiro de 2018

NOVELAS DE QUIOSCO

       


Por Pepe de Rocaforte
           

            A semana pasada ofrecía á consideración do posible lector destas liñas a opinión de que os libros, por ínfima que en ocasións poida ser a súa calidade, sempre servirán en certa medida para axudar á nosa formación e información, e á nosa maneira de entender a vida.


    Párome agora a matinar sobre as chamadas “novelas de quiosco” e a gran cantidade delas que se chegou a publicar nos anos corenta, cincuenta, e aínda nos sesenta, do século pasado. E non só nesa época: a cousa xa viña do primeiro terzo do século, aínda que a produción anterior ó golpe católico-fascista se diferenciase especialmente pola temática máis xenerosamente ofrecida ós lectores: a cualificada como “literatura sicalíptica”.
            De calquera xeito, á parte dos López de Haro,  Eduardo Zamacois, El Caballero Audaz, Hoyos y Vinent, etc., non podemos esquecer os nomes de Fernández Flórez, a Pardo Bazán, Pérez de Ayala e outros que lle deron unha aceptable altura á produción narrativa ofrecida en coleccións como “La novela mundial”, “La novela semanal”, “La novela de hoy”, “La novela de una hora”, “El cuento semanal”, e que sei eu cantas máis.
            A produción novelística de quiosco cambiou sensiblemente nos anos corenta. Os formatos aumentaron de tamaño, con narracións máis extensas, os autores, nunha gran maioría, optaron por ocultar a súa identidade baixo pseudónimos xeralmente anglosaxóns, e as temáticas repartíronse entre a noveliña rosa, a de vaqueiros e o xénero policiaco.
            Neste último apartado destacaría un autor interesante, Guillermo López Hipkiss, mariño mercante, natural de Novellana (Asturias), que non necesitaba pseudónimo para pasar por estranxeiro. Creou varios personaxes, “El Encapuchado”, “Máscara Negra” e “La Antorcha”, entre os que chaman a atención algunhas mulleres enmascaradas que se enfrentan de maneira contundente ós “pillos”, caso infrecuente neste tipo de narrativa en España.        Hipkiss tamén se dedicou a traducir ó castelán novelas de autores ingleses.
            Outro autor curioso, J. León (Jacinto León-Ignacio Ruiz de Cárdenas), utilizou os nomes de J. Cárdenas, H. Onson e León-Ignacio. No campo da novela de quiosco escribiu relatos de vaqueiros, policiacos, de corsarios, etc., nos que sempre salta aquí e acolá a nota de orgullo hispánico con heroicos personaxes españois, os homes máis bravos do mundo enteiro.

            Para min J. León ten a importancia de ser autor dunha biografía novelada de Bernardo de Gálvez que me fixo gozar como con poucos libros gocei na miña infancia, ata o punto de que agora me nego a volvela ler por medo a destruír o pracer que daquela sentín. Titúlase “Seguid la bandera” e conta, con algunhas licencias literarias, a historia do xeneral Gálvez, vicerrei da Nova España, quen sendo gobernador da Luisiana participou na conquista de Pensacola e axudou ás colonias norteamericanas a independizarse do Imperio Británico. Gálvez foi proclamado “cidadán honorario” dos Estados Unidos e hoxe o seu retrato figura na galería do senado estadounidense.  A súa estatua é a única dun español xunto ás dos Liberdadores en Washington. Nós case nada sabemos del.


Ningún comentario:

Publicar un comentario