Por Pepe de Rocaforte
A fins dos anos
corenta do século pasado houbo un aumento considerable das manifestacións
anti-británicas en Exipto e o enfrentamento contra a potencia europea que
dominaba o país levaría ós exipcios, coa axuda (interesada) dos Estados Unidos,
a emanciparse en 1952 dos odiados ingleses e facerse co control do Canal de
Suez.
Se se preguntan vostedes a que vén este pequeno alarde de
erudición histórica contestarei que a información non me chegou na miña tenra
infancia por medio dos boletíns informativos da radio, nin por lecturas de
prensa, nin pola formación escolar. ¡Seríache boa! Chegoume gracias á lectura
dunha novela, orixinal de míster John Lack e titulada “Fango en el Canal de
Suez”, publicada pola Editorial Dólar de Madrid na súa colección “C.I.A.”.
Por medio doutra novela do mesmo tipo que a anterior,
esta publicada pola Editorial Rollán na súa colección “F.B.I”, escrita por
míster Alf Manz e titulada “Shangai”, tiven a miña primeira noticia sobre a
Longa Marcha de Mao Zedong (ou Mao Tse Tung, como en España se escribía
daquela) e a inminencia da súa chegada a Shangai, porto de refuxio de moitos
europeos ó remate da Segunda Guerra Mundial, os cales ante a aproximación do
exercito comunista, iniciaban un novo éxodo naquel escenario pintiparado para
unha novela de xente metida en negocios sucios, políticos, espías e axentes
secretos.
Certo que este tipo de fontes de información tiñan en
ocasións pouca relación coa verdade histórica. Por exemplo na novela “Uranio en
el Trópico”, orixinal de mister John L. Martin, publicada na xa citada
colección “C.I.A.” de Editorial Dólar, lin e crin que Martín Bormann, un dos
homes importantes no círculo íntimo de Hitler, estrañamente desaparecido en
1945, estaba oculto nas selvas centroafricanas, onde levantara unha cidade na
que os mellores científicos alemáns traballaban para conseguir unha bomba máis
potente que a de Hirosima, coa cal acadar o dominio do mundo. Aínda pasarían
uns vinte anos desde a publicación desta novela ata a confirmación da morte de
Bormann en 1945. De calquera xeito non había medo, o axente da C.I.A. de turno
descubriría a cidade e el só acabaría
coas novas ilusións nazis.
A voltas co tema descubrín que baixo os nomes
presuntamente norteamericanos destes autores ocultábanse uns aceptables
escritores hispanos: John Lack, chamábase realmente Juan Bautista Lacasa Nebot;
Alf Manz (un dos meus autores favoritos daquela) era Alfonso Rubio Manzanares;
e detrás de John L. Martin estaba un Juan Losada Martín. Todo o cal dáme pé
para volver sobre o tema. Pero será outro día, hoxe xa case non me queda
espacio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario