Rir, burlarse, mofarse, ridiculizar, criticar
e incluso vilipendiar á autoridade, civil ou relixiosa é unha das licencias que
se permiten no Carnaval (o Entroido e outra cousa). Curas e ata papas
desfilando coas súas vergonzas ó aire, monxas de minisaia e amplo escote ou
políticos cargando coas promesas incumpridas, desfilarán polas rúas das nosas
vilas e aldeas, formando parte da farsa, dese momento en que o pobo se bota á
rúa para, por uns días, vingarse dos que mandan, antes de entrar na longa noite
da Coresma.
Unha das manifestacións máis populares é sen
dúbida o “Apropósito” coruñés, unha modalidade de función burlesca, teatral,
que estivo vixente durante máis dun século, coas súas épocas de prohibición e
outras de animación desde a mesma autoridade municipal, un espectáculo
zarzuelesco na forma e ata no contido, polo que pasaron os alcaldes, os bispos,
os presidentes de goberno e ata o papa de Roma.
Todo empezou no último cuarto do século XIX,
no Circulo de Artesáns d’A Coruña, onde se facía unha representación teatral,
para e por os socios, ó moda das zarzuelas madrileñas, durante a que se
criticaba a actuación municipal, e tan populares se fixeron, que estes saíron
do local social para entrar nos teatros coruñeses, con grupos que chegaron a
concursar por ver quen era máis agudo nas súas críticas e exposicións. Tan
popular que ata algún presidente da Real Academia escribiu algún.
O grande impulso a este tipo de manifestación
carnavalesca deulla Antonio Santiago Álvarez, Nito, durante as primeiras
décadas do século XX, sobre todo entre as décadas dos vinte e dos trinta, cando
chegaron a participar actores que logo serían habituais da escena e do cine de
posguerra, tal Tomás Ares, máis coñecido como Xan das Bolas, ata que a ditadura
lle puxo freo. Sen embargo, o alcalde Alfonso Molina, xa ben andada a década
dos anos corenta e comezos dos cincuenta, invitouno a recuperar este tipo de
manifestación e crítica social que tan popular se fixera.
E así, con altos e baixos, o primeiro goberno
da democracia, presidido polo recentemente falecido Domingos Merino,
recuperounos con mellor ou peor fortuna segundo os devires da política
municipal durante a democracia, para criticar os feitos sociais e políticos da sociedade coruñesa en particular
e galega en xeral, da man do neto de Nito, o músico Antón de Santiago, quen recolleu a historia desta manifestación artística no libro "O Apropósito coruñés".
É mágoa que este ano non teñamos ningún Apropósito
n’A Coruña e sen embargo abundas os modelos importados doutras latitudes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario