Debería estar prohibido alarmar con fins comerciais.
Pareceralles pouco bombardearnos cada mañá coa caída do Euro, coa prima de
risco, a suspensión das pensións, os recortes sanitarios, o mal estado do
ensino, co insalubres que son todos os produtos do súper ou coa nova atrocidade
de Trump animando a unha guerra mundial da que os miñaxoias europeos non se
librarán, como para que nos veñan a redondear esa lista de atrocidades,
barbaridades e intimidacións con alarmistas anuncios de alarmas.
Hoxe, cando a maioría dos fogares pasan varias horas ó
día pechados por mor das necesidades propias dos seus moradores, xa sexa para
ir ó traballo, ás compras ou simplemente a dar un paseo de media tarde para
baixar o nivel de colesterol, as radios interrompen a súa listaxe de
apocalipses para emitir anuncios animándonos a poñer unha alarma na casa polo
que poida pasar, e aínda a maiores adornan o anuncio cun seudoparateatral
diálogo no que se explica como lle desvalixaron o piso a un veciño na media
hora que tardou en mercar o periódico, ou de outro que á volta dunha relaxante fin
de semana ata se atopou sen garabatas para ir pór a denuncia.
Será por iso que eu mesmo, cada vez que saio da casa
trato de agochar a maleta por se hai algún vixiante de despistados na esquina
da rúa. A veciña do segundo dime que ela deixa unha persiana a medio subir para
dar a sensación de que hai xente dentro, o do terceiro argallou poñer un flexo
dirixido á fiestra do salón e conectado a un temporizador para que se vexa unha
luz activa pola noite, e o do cuarto dereita contounos en secreto durante a
reunión trimestral no portal, que el deixa a radio espertador programada para
que se acenda durante as horas de maior actividade ladroíza; e todo por non pagar os cen ou cento e pico
de euros que custa unha alarma. Un negocio que se reparten máis de mil
cincocentas empresas, que facturan preto dos catro mil millóns de euros ó ano.
Quen fora aquel Kevin de oito anos que puxo a raia a
uns trosmas cando ficou só na casa, e tantos cartos e desgustos lle aforrou a
seus pais.
Será por ter escoitado eses anuncios alarmistas
mentres me afeitaba, que esta mañá, cando tiña que saír a mercar o pan,
preferín tomar o tostado que gardo para un apuro por non deixar a casa soa.
Logo rexeitei unha invitación ó cine pola mesma razón, e pola noite coloquei un
aparato de radio na porta, un flexo apuntando á mira, todos os pasadores
corridos e unha cadeira de reforzo facendo cuña contra a asa da pechadura. Tan
obsesionado estaba que ata me vin en soños con armadura e alabarda vixiando
para que non me roubaran o cobre do cableado eléctrico.
Estou facendo cálculos e lembro cando aló polo final
da década dos noventa empezaban a ser substituídos os policías e gardas civís
das dependencias e oficinas gobernamentais por seguridade privada, algo que se
dicía que ía aforrar un montón de cartos ás arcas do estado e a crear non sei
cantos postos de traballo, pero a verdade é que o que se aforrou por un lado
gastouse polo outro e abriuse o apetito adquisitivo das empresas de seguridade,
decididas a facer negocio á conta do medo co que nos bombardean.
Agora xa estou pensando en non ir de vacacións, como
lle prometín ós cativos, e ata non sei se montar un solario no piso para non
ter nin que baixar á praia cando chegue o verán. Vamos, que estou máis alarmado
agora que teño diante dos ollos un catálogo de alarmas e outro de seguros
contra roubos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario