martes, 8 de maio de 2018

O barco de dornas


  
   
         Xa non navegan polo Miño e o Sil as barcas de dornas, ou as dornas de río, como tamén se lles chama, esas que ata mediados do século pasado eran comúns tanto para o transporte de persoas, animais ou mercadorías, como para a pesca. Unha singular embarcación de dous cascos, tipo catamarán, da que só quedan réplicas ou restos recuperados da lama fluvial nos museos.

           Tratase dun tipo de barca formada por dous troncos, polo xeral de castiñeiro, baleirados no interior, con forma de proa e popa pechada por unha táboa, unidos por un entaboado de madeira como se foxe unha xangada, de maneira que contra a proa (a bica) é un pouco máis ancha ca na popa (a regaceira).

            Nesta embarcación cuxas dimensións poden andar polos tres metros e medio de eslora e sobre o medio metro de manga, o tripulante soe sentarse nun lado, cos pés dentro dun dos troncos baleirados, polo que os remos son de distintas dimensión, máis pequeno o de babor, onde polo xeral vai sentado o remeiro, de aproximadamente tres metros e o de estribor de catro. Como queira que sexa, se o remeiro e zurdo pode intercambiar os remos.
  
          Cando se escarvan os troncos que lle darán frotabilidade, sobre a metade de cada un acostúmase a deixar un resalte no fondo sobre o que vai incrustado o “cambón”, unha vara de ferro en que se encaixa o remo.
            Como queda dito, xa é un obxecto de museo, e como tal hai mostras no Museo do Mar de Vigo, no etnográfico de Ribadavia ou no ecomuseo de Arxeriz, mais da súa memoria tamén deixaron textos escritos investigadores como Xaquín Lourenzo,  Fernando Alonso Romero ou Olga Gallego Domínguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario