xoves, 31 de maio de 2018

FINS DO MUNDO


Por Pepe de Rocaforte
            «Station Island é unha illa no medio do lago Dergh, que é, desde hai moitos séculos, lugar de peregrinación de Irlanda. Chámanlle tamén “O Purgatorio de San Patricio” a ese Santo André de Teixido de Eirín». Encontro esta breve información en “Amada liberdade” (Por certo, gran libro o de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Cantos esteamos interesados nos temas político-culturais da segunda metade do século XX en Galicia deberiámolo ler con moita atención).
            Á vista do texto de Pérez-Barreiro busquei máis información sobre ese San Andrés de Teixido irlandés e non encontrei unhas semellanzas tan grandes co noso como en principio supuxera. En Station Island hai unha cova considerada a entrada ó Purgatorio, a onde xa no século XII chegaban peregrinos que pasaban quince días de xaxún e oración no mosteiro alí existente para, logo dese tempo, unha vez confesados e comulgados, estaren en disposición de entrar á cova por onde se accedía (temporalmente) ó trasmundo.
            O tal “Purgatorio de San Patricio” tróuxome á memoria outro Teixido, este en Bretaña: o de Sainte Anne La-Palud. Entre os meus papeis revoltos busquei as notas tomadas nunha viaxe por terras bretoas hai cousa de trinta anos, onde daquela escribín: «Entre as praias de Sainte Anne La-Palud e Kervel, na ribeira onde desapareceu asolagada a cidade de Is, a panorámica da baía de Douarnenez ó solpor é grandiosa. Ás nosas costas ofrécesenos á ollada unha extensión  de leiras de millo cos pavóns ondeantes, coma un mar en descenso suave ata a beira do areal. Nos campos de trigo recén segados as gaivotas descansan das súas evolucións aéreas e a cousa dun medio quilómetro da praia érguese a basílica de Sainte-Anne-d’Auray, máis suntuosa que o noso humilde templo de San Andrés de Teixido, pero nun entorno non tan impresionante coma o dos acantilados da Capelada».

Ese santuario, ó que continúan arribando peregrinacións multitudinarias, é un dos máis importantes de Francia, despois dos de Lourdes e Lisieux. Alá dise “Pe beo pe varo / tle pep breizad mont d’ar Palud”, que seica traducido do bretón á nosa fala significa máis ou menos: “Vivo ou morto / todo bretón debe ir La-Palud”. ¿Non si que soa un pouco familiar?
O santuario bretón é de mediados do século XVII, aínda que as súas orixes disque se remontan a un antigo culto pagán á deusa Dana. No caso de Teixido, o primeiro templo levantado provén polo menos do século XIV, pero a antigüidade das crenzas que alí levaban ás xentes en peregrinación tamén procede de tempos recuados, das épocas da cultura castrexa. Pero non imos discutir por cal deles puido ter sido o primeiro, o curioso é como alí e aquí se desenvolveron unhas devocións similares nunha época en que as comunicacións entre unhas terras e outras non debían ser alá moi doadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario